Pontón reforza a súa imaxe presidenciable a conta dun Rueda que soou anticuado na súa investidura

A líder nacionalista anoxou ao novo presidente da Xunta cunha intervención na que desgranou o progranma de goberno do BNG e na que só se referiu a Feijóo para afearlle que se fose a Madrid deixando a Galicia en plena crise económica

A Coruña.- A portavoz nacional do BNG e xefa da oposición en Galicia, Ana Pontón, aproveitou a investidura de Alfonso Rueda para profundar na estratexia da súa formación e reforzar a súa figura de presidenciable. O Bloque leva meses instalando na opinión pública a idea de que o cambio político en Galicia é unha posibilidade real, e non deixou ao sucesor de Alberto Núñez Feijóo nin un minuto para crecer diante ela como novo xefe do Executivo galego.

Se alguén tera visto o debate do xoves sen aviso previo, mesmo podería pensar que a quen votaba o Parlamento de Galicia era a Pontón, que realizou un verdadeiro discurso de investidura debullando o programa de Goberno do BNG, e non a Rueda, quen repetiu o argumentario da súa intervención do martes: continuidade para as políticas de Feijóo e apoio estratéxico, puyas a Pedro Sánchez incluídas, para que o PP chegue á Moncloa.

«Familia, traballo e futuro» é o lema do novo presidente galelgo, pero o certo é que Rueda instalou o debate máis ben no pasado: fixo máis mencións ao propio Feijóo que a portavoz nacionalista, quen só se referiu a el para subliñar que preferiu irse a Madrid para presidir o PP que atender ás necesidades de Galicia en plena crise económica.

Rueda deuse conta desa estratexia de Pontón para ningunealo e empezou a súa réplica dirixíndose a ela con certo anoxo: «Benvida á súa investidura dos mundos de Yupi, pero o candidato son eu», espetoulle.

Rueda é consciente de que os seus niveis de coñecemento entre o electorado son moi escasos a pesar de que leva trece anos ininterrompidos no Parlamento e o Goberno autonómicos e dezaseis no PP como segundo de Feijóo. E tamén de que carece do carisma e a destreza comunicativa deste. Pero aínda así o seu discurso estivo infestado de referencias ao Executivo bipartito do PSdeG e o BNG, do que xa pasaron case tres lustros pero ao que mesmo chegou a responsabilizar dalgúns dos problemas actuais de Galicia.

Rueda soou anticuado, viejuno, valla a expresión, e escasamente ilusionante. Sirva como exemplo esa referencia a Os mundos de Yupi co que abriu a súa intervención. Ese programa infantil emitiuse por televisión cando el tiña vinte anos e en Galicia só se sintonizaban tres canles. Hoxe Rueda peitea 54, e o preto de medio millón de galegos que non naceran aínda cando se pasou o último capítulo desa serie comunícanse por Youtube e Tik Tok e teñen acceso a infinidade de plataformas de contidos. Son case o 18% da poboación de Galicia, que ademais, no tramo de dezaseis a vinte e nove anos, sofren unha taxa de desemprego do 24,5%.

O sucesor de Feijóo tampouco estivo fino á hora de explicar, como lle reprochou Pontón, que os gobernos de Feijóo dos que el foi o número dous non obtivesen do Estado nin unha soa transferencia de novas competencias para a comunidade. Rueda escudouse de novo na herdanza recibida fai trece anos e se xustificou dicindo que a responsabildade era dos gobernos do Estado, obviando que durante oito anos estes estiveron baixo mando de Mariano Rajoy, un galego de Pontevedra e do PP, como el.

Pontón, que dixo que con Rueda empezou a conta atrás para o recambio en Galicia, tamén lle gañou cando tratou de contrarrestar a riada de medidas que anunciou a portavoz nacionalista se chega a gobernar. O candidato cualificou de «irreal» a proposta do BNG crear unha empresa pública para xestionar os prezos da enerxía -Galicia está entre as comunidades que máis alto pagan a electricidade a pesar de estar entre as principais produtoras do Estado-, e Pontón lle respondeuque Endesa, propietaria da central térmica das Pontes, xa está en mans dunha empresa pública: Enel, cuxo principal accionista é o Estado italiano.

A líder do BNG tamén tivo ao seu favor o feito de que o secretario xeral dos socialistas galego, alcalde As Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín Gonzlález Formoso, non ten acta de deputado nin posibilidade de tela dado que non foi nas listas das autonómicas do 2020. O portavoz socialista, Luis Álvarez, repetiu o seu nome en varias ocasións, como tratando de suplir a ausencia. Como Rueda, e a diferenza de Pontón, González Formoso tampouco conta cun elevado grao de coñecemento entre o electorado.

Por parte dos populares, a segunda réplica asumiuna Miguel Tellado, secretario xeral do partido en Galicia e vicesecretario de Organización Territorial na executiva estatal de Feijóo, despois de que o primeiro portavoz, Pedro Puy, tivese que ser hospitalizado tras sufrir un infarto despois da súa primeira intervención. Puy foi ingresado no hospital Clínico de Santiago, onde, segundo fontes do PP, atópase fóra de perigo.

Tellado tamén pareceu darse conta da estratexia do BNG, e dedicou a Pontón boa parte do seu discurso advertíndolle de que Rueda a derrotara nas autonómicas do 2024.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail