Never ending story

Cada certo tempo, aínda que non de xeito casual, agroma nos medios de comunicación a relación entre Asturias e Ribadeo (e por extensión toda Galiza), máis ou menos camuflada de polémica lingüística, de denuncia dun suposto afán expansionista do nacionalismo galego, ou simplemente de egoísmo económico dunha vila, Ribadeo, cunha longuísima tradición histórica de protagonismo económico, social e cultural na bisbarra mariñá e eonaviega, con extensión cara ao resto da provincia de Lugo e do Principado de Asturias. Obviamente, non nos referimos a un protagonismo exclusivo, aínda que si considerábel, que se viu reforzado tras a construción da Ponte dos Santos, e posteriormente coa da Autovía A-8. Dará para tanto o conto?!

Mapa de T.Lopez, F.de la Concha, F.Reiter. 1777. Univ. de Berlin

Móvenos a retomar o tema a solicitude do Principado de Asturias ao Instituto Geográfico Nacional de oficializar o nome «Ría del Eo» para denominar ao estuario no que verten as súas augas os ríos Eo, Suarón e Grande, ademais de regatos como o de Berbesa (na enseada da Liñeira) e o de Seares (en Vilavedelle). Para contextualizarmos mellor o tema viría moi ben consultar o estudo de Xerardo Pereiro Pérez: «Entre Galicia e Asturias. Antropoloxía da identidade e da alteridade», no que analiza como cobrou forza ao longo dos anos 80-90 a tese do «intento de colonización del occidente asturiano» por parte da TVG e do nacionalismo galego no seu afán expansionista.

Mapa de John Stockdale. 1812, ICG Catalunya

Pois ben: xa fora polas emisións da TVG captadas na comarca do Eo-Navia (ou mesmo máis aló segundo o permitía a orografía), pola presenza do xornal La Voz de Galicia (con redacción ata en Luarca) por toda a zona occidental asturiana (ben pouco atendida nos 90, en comparación co tratamento informativo de LVG), ou pola puxanza comercial que retomaba Ribadeo tras a apertura da Ponte dos Santos ou a ampliación do Porto de Mirasol, ben for, en fin, pola singular circunstancia de que, non tendo status legal o asturiano, pero si o galego, aínda que non en territorio asturiano, do despectivo «¡De Luarca p’allá, todos gallegos!» pasouse ao «¡Prietas las filas, que nos invade el nacionalista opresor!».

Mapa de F. L. Güssefeld, F. de la Concha, F. Reiter. 1798 Univ. de Berlín

Do desleixo con que era tratada a comarca eonaviega (e por extensión toda a comarca occidental asturiana) dá boa mostra a anécdota de como convenceron a Josep Borrell da necesidade de reformar a N-632 (tramo Avilés-Luarca): metérono no coche a facer o percorrido en sentido Luarca. Unha vez superada a primeira curva na que só había un carril para os dous sentidos da marcha, e despois de ver como se lle viñan «enriba» un camión detrás doutro, curva tras curva, decidiu regresar e dar por rematado o conto. Ollo: estamos a falar da reforma da N-632 (segunda metade dos 90), non da Autovía A-8, que viría máis tarde (ao longo da primeira década do novo milenio).

Certo Xornal from Ribeira, Galicia, CC BY 2.0 Wikimedia Commons

Eses progresivos cambios foron achegando a comarca occidental asturiana en xeral, e a eonaviega en particular, ao resto de Asturias. Pola banda oriental non se viviu exactamente o mesmo proceso, pois por aí sempre lle correu présa ao centro (de Asturias) abrir camiño, para ter saída cara a Europa. Pero as estradas son bidireccionais. E ao mesmo tempo que se chegaba antes ao centro, tamén se chegaba, moito antes, a Ribadeo. E a vella tradición de atravesar en lancha a ría de Ribadeo desde as poboacións veciñas, ou de ir dar a volta pola Veiga (Vegadeo en castelán; a ver cando a TVG normaliza o uso do topónimo A Veiga!), mudou pola confortábel circulación a través da N-634 (desde Luarca ata A Veiga, incluída a Ponte dos Santos ata Ribadeo (segunda metade dos anos 80).

Mapa de Carl Radefeld 1847. Univ. de Berlín

Engadamos a isto a diferenza de nivel de vida dun lado e outro da ría: todo eran vantaxes competitivas para Ribadeo. Apostar por Ribadeo para poñerse a vivir fíxoo tanto xente oriúnda da comarca eonaviega, como outras persoas do resto de Asturias, e poboación inmigrante, que se poñían a traballar na zona. O estudo «El efecto frontera. Implicaciones para el empresariado del occidente de Asturias», da Cámara de Comercio de Uviéu, limitouse a constatar boa parte destes condicionantes socioeconómicos.

Chegouse a falar da confabulación de Xosé Manuel Beiras con Santiago Rey Fernández-Latorre para facerse co control da prensa asturiana no seu afán expansionista

Se falamos dun estudo que analizara esta situación é porque, obviamente, cada vez, había maior preocupación polo tema. Pero xa era un chisquiño tarde; logo a algúns pareceulles que había que reaccionar aínda que fora pola brava. De ver como a rapazada che falaba do cuíño do Shin Chan, ou dos seus avós, que non se perdían nin un só venres o Luar, pasaches a detectar que si sabían das series da galega, pero decatábaste porque se despistaban e acababan comentando algo delas, aínda que de xeito máis distante. Ao longo dos últimos vinte anos foise vivindo así o proceso. A reacción contra as emisións da TVG na zona por parte das autoridades asturianas foi enérxica. Nin que se obrigara á xente a sintonizala! LVG correu a mesma sorte. É de chiste: chegouse a falar da confabulación de Xosé Manuel Beiras (naquelas o voceiro nacional do BNG) co mesmísimo Santiago Rey Fernández-Latorre para facerse co control da prensa asturiana no seu afán expansionista. Pouco importaba que La Nueva España se lera con total normalidade na Mariña luguesa. Chama a atención que, en Galiza, como desde Asturias só atacaban ao BNG, se puxeran de perfil, e asubiaran cara arriba, como se non fora con eles (incluído o medio citado).

Se por algo se caracterizou o alcalde de Ribadeo foi por mimar as relacións entre ámbalas dúas beiras

É bo lembrar todo isto porque, de novo, como cada certo tempo, vólvese ás andadas. Despois de quedar fixado como topónimo oficial «Ría de Ribadeo» por parte do Instituto Geográfico Nacional no ano 2008, máis unha vez, proponse que sexa oficial o nome «Ría del Eo» despregando unha considerábel carga negativa sobre a mesma vítima expiatoria: o nacionalismo galego, nesta ocasión personificado na figura de Fernando Suárez Barcia, alcalde de Ribadeo. Boa parte dos razoamentos artellados para defender e xustificar a oficialización da denominación «Ría del Eo» baséanse en desacreditar a, din algúns, actitude radical e extrema, propia dun nacionalista trasnoitado, como o alcalde de Ribadeo. Ademais de dar por sentada a denominación «Ría del Eo» como a de maior tradición, e recoñecer que non se sabe moi ben por que, se oficializou o topónimo «Ría de Ribadeo» desde o 2008 (?), e que agora o único que se pretende é restituír, «por xustiza», «Ría del Eo», boa parte das argumentacións redúcense a unha falacia ad hominem descomunal. A ámbalas dúas beiras da ría coñecémonos ben todos e todas. E haberá quen non estea de acordo coas ideas de Fernando Suárez Barcia, e quen non o estea coas doutros líderes locais doutras formacións. Pero se por algo se caracterizou o alcalde de Ribadeo foi por mimar as relacións entre ámbalas dúas beiras. Porque é algo de vello.

Mapa de Francisco Coello e Pascual Madoz, 1870. ICG de Catalunya

Ano tras ano, desde que me establecín na comarca mariñá e desenvolvo a miña vida profesional na comarca eonaviega, ben fun aprendendo os intensos lazos que unen familiar, social, económica e culturalmente, as dúas comarcas. Fago votos para que todos e todas sigamos a poñer o mesmo empeño en desenvolver ditos lazos e non nos deixar enlear por cantos de serea que hoxe poden abrazar a Ulises, pero onte tamén ían dirixidos cara a ti, ou maña serano cara a outros. Porque haberá nova edición, non o dubiden. Da nosa sosegada, pero firme reacción, dependerá o asunto.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail