O presidente da Xunta trasladou as súas intencións e considera que é «inoportuno» pero «necesario» convocar eleccións en xullo, no tempo «máis breve posible»
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, compareceu nunha rolda de prensa telemática e anunciou que, a partir de informes sanitarios e xurídicos e a situación que reflicten os indicadores da pandemia na comunidade, considera que é «necesario» convocar eleccións autonómicas «enseguida». Os comicios apuntan a xullo e manifestou tamén o seu obxectivo de coincidir co lehendakari vasco, Íñigo Urkullu, e afirmou que mantén conversacións con el que «afectan» á data.
Dos informes, Feijóo conclúe que a evolución dos pacientes en Galicia é «decente» e que a comunidade contivo o virus. Os resultados do estudo epidemiolóxico da Xunta extraen que o 1% da poboación galega estivo en contacto coa COVID-19, o que se traduce nunha maior exposición á mesma. Sinala como xullo e agosto os meses de «maior recepción» do virus relacionado co turismo nacional e fronteiras abertas entre comunidades, de maneira que un dos maiores riscos son os casos importados procedentes doutros lugares.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Con todo, sinala como favorable as condicións meteorolóxicas que poden contribuír a «reducir o impacto do virus» no verán. Segundo trasladou o líder do PP galego e a partir dos informes médicos e da asesoría xurídica da Administración autonómica, a incerteza «increméntase» a medida que avanza o ano e réstanse «garantías de seguridade» para a poboación galega. De feito, a lexislatura de Feijóo esgótase nunhas semanas e iso «obrígalle» a tomar unha decisión, segundo notificou.
Foi a partir do acordo do Goberno central con País Vasco, que posibilita a celebración de eleccións autonómicas aínda vixente o estado de alarma, cando Feijóo comezou a falar de comicios, xa que durante o estado de alarma asegurou varias veces que non estaban na «axenda» do Goberno autonómico. O decreto electoral en Galicia tras a suspensión das eleccións que serían o 5 de abril radica que Feijóo, aínda que lle corresponda fixar a data, terá que oír primeiro aos partidos políticos.
As forzas da oposición xa demostraron o seu desacordo en ir votar no medio dunha pandemia. O barón galego comunicou que enviou eses informes que xustifican unha celebración próxima de eleccións aos grupos parlamentarios pero a súa decisión, segundo afirmou na rolda de prensa, estará «motivada pola situación epidemiolóxica e polos expertos sanitarios». Este xoves manterá unha reunión cos portavoces e a partir de aí tomará unha decisión e informará á poboación. «Se hai distintos intereses tomarei un tempo prudente para cumprir a miña competencia como presidente», engadiu.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, considerou que Feijóo está «máis preocupado da súa imaxe e a súa convocatoria electoral que en tomar medidas fronte á crise sanitaria» da COVID. Denunciou tamén que Feijóo «non trasladou nada» aos partidos sobre os seus intereses electorais. A portavoz do BNG, Ana Pontón, sostivo que «Feijóo tiña que escoller entre a saúde dos galegos e galegas ou eleccións, escolle o segundo». Así mesmo, ante a proposta electoral o BNG manifestou que no medio dunha pandemia non existen garantías sanitarias e que Feijóo é o «único galego» que está a pensar en eleccións. Tamén criticou que convocase aos partidos a través da Televisión de Galicia (TVG), onde compareceu máis dunha vintena de veces durante a pandemia.
No mesmo coincidiu o portavoz de Galicia en Común Anova-Mareas, Antón Gómez Reino, que o acusou de «ocultar o debate» e de tentar «forzar eleccións» no verán. Ademais, este mércores celebrábase pleno no Parlamento de Galicia, o motivo polo que Feijóo decidiu cancelar as reunións cos portavoces dos partidos ao activarse a Cámara galega, e á que decidiu non asistir.