Bandas tributo: o pasado enche auditorios

Ao longo do pasado ano o público galego puido gozar en directo da música de Queen, ABBA, The Beatles, Pink Floyd, Dire Straits, Nirvana ou Guns N’ Roses, por mencionar uns poucos. Acontecerá o mesmo neste 2026. Malia que en Galicia teñamos unha relación bastante peculiar coa morte, polo momento aínda non somos quen de traer aos mortos do alén. Estas psicofonías non son outra cousa que bandas tributo (do «falso amigo» do inglés tribute, homenaxe), agrupacións musicais que se especializan en tocar as cancións dun só artista e, polo xeral, tamén en imitar a súa estética e apartado escénico.

Non é un fenómeno novo nin minoritario. Levan anos actuando nalgúns dos recintos pechados máis grandes do país, algúns con máis de 1000 butacas, e con entradas a prezos rara vez por debaixo dos 30 euros. Ademais adoitan facer xiras internacionais, especialmente por Europa e Latinoamérica, con grande éxito de afluencia.

De Abbey Road a García Barbón

Acudo a un destes concertos para vivir en directo o fenómeno: o Teatro García Barbón de Vigo, con preto de mil localidades, está practicamente cheo para ver a Abbey Road, unha banda española que homenaxea aos The Beatles desde hai tres décadas. Gozan de certa sona mesmo no estranxeiro: en 1996 a prestixiosa revista Moho seleccionounos como a quinta mellor banda do mundo e a primeira de fala non inglesa no Universo Beatle. As entradas para a platea custan arredor de 40 euros, cifra que non consegue botar atrás aos beatlemaniacos locais. A idade media das persoas asistentes é elevada, certo, mais tamén atopamos xente nova e mesmo adolescentes e nenos con cara de querer estar alí. Algúns van caracterizados: distingo no auditorio a dúas persoas disfrazadas de John Lennon; tres se contamos a Jordi Expósito, o músico encargado de darlle vida no espectáculo desde hai dez anos.

Ao longo de dúas horas o cuarteto repasa con fidelidade musical e estética a discografía dos Fab Four, cambiando de vestiario para diferenciar as distintas etapas e proxectando as actuacións orixinais dos de Liverpool para que valoremos que, en efecto, a imitación está moi lograda. Tocan tamén cancións que os propios The Beatles nunca chegaron a interpretar en directo e mesmo se permiten unha pequena licenza ao incluír no setlist «Imagine», tema de Lennon en solitario. O coidado ao detalle é máximo: roupa, instrumentos, perrucas, xestos… Que llo digan a Adrián Ghiardo, que para parecerse aínda máis a Paul McCartney toca o baixo coa man esquerda sendo el destro.

Os Abbey Road, tributo a The Beatles, na súa actuación en Vigo. 

Con Abbey Road estamos ante unha banda franquía, pois o nome mantense intacto malia que os músicos van rotando ata o punto de non quedar ningún dos fundadores na actualidade. Isto non acontece só nos tributos: grupos como Lynyrd Skynyrd, Dr. Feelgood, Dead Kennedys, Sex Pistols, The Supremes ou os propios Queen xiran ou xiraron sen contar nas súas filas con membros orixinais ou, no seu defecto, coa ausencia do líder. Outros aférranse a un nome artístico para seguir sacándolle o máximo partido, como Marky Ramone.

Un dos responsables da celebración do concerto é Iván Frauca, xerente da promotora especializada en tributos Neverland Concerts. A empresa conta cun roster dunha vintena de bandas entre as que se atopan homenaxes a Pink Floyd, U2, Supertramp, Genesis, ABBA, Queen, Red Hot Chili Peppers ou The Rolling Stones no apartado internacional, e La Oreja de Van Gogh, El Canto del Loco, Fito y Fitipaldis ou Héroes del Silencio no estatal: «Decateime do potencial que tiñan estas bandas e que por diferentes motivos ninguén estaba explotando. Apostamos por facer medrar proxectos de gran calidade que fagan recordar á xente o que teñen gravado na cabeza e no corazón», explica Frauca. Á súa beira está o galego Miguel Queixas, tamén promotor e ademais batería en bROTHERS iN bAND, tributo a Dire Straits, quen opina arredor do crecente éxito destas propostas: «Hai unha maior especialización. Fomos avanzando para crear espectáculos maiores, nos que intentamos coidar cada detalle para que o espectador goce dun espectáculo digno e acorde á paixón que sente pola música que escoita».

Eses detalles dos que fala son tanto musicais como visuais. «Ninguén se imaxinaría un tributo a Queen ou a ABBA en chándal», di Queixas, pero ambos inciden en que o apartado musical sempre debe primar sobre o meramente ornamental. E prosegue: «Nalgúns espectáculos si que xustificamos a caracterización porque é necesaria; no caso de Kiss ou The Beatles é evidente. Pero se o músico é malo como executante, caracterizado é horrible». E advirte Frauca: «Coidado coa pantomima; un home non se pon un bigote e xa é Freddie Mercury».

 «Decateime do potencial que tiñan estas bandas e que por diferentes motivos ninguén estaba explotando» (Iván Frauca)

Queridos e odiados a partes iguais

Ambos profesionais, con anos de experiencia no sector, son máis que conscientes de que as bandas tributo gozan de case tantos fans como detractores. As acusacións son variadas, pero a máis habitual céntrase na falta de valor artístico e de risco das súas propostas. Queixas deféndese: «Como músico que só tocou nun grupo tributo e en moitos outros de temas propios (Luar na Lubre, Xabier Díaz, Sés…), asegúroche que unha das tarefas máis difíciles é tocar nun proxecto serio no que tras cada nota que soa hai unha persoa que a escoitou durante os últimos 40 anos. Estamos a coidar o legado compositivo do que non está». Pon como exemplo a música clásica: «Alguén se atrevería a dicirlle o mesmo ao concertino da Orquestra Sinfónica de Londres por estar tocando Puccini?».

Miguel Queixas, promotor cultural. Actualmente, o coruñés forma parte de bROTHERS iN bAND, tributo a Dire Straits.

A xornalista musical Arancha Moreno, directora da revista Efe Eme, confirma que «percibe un certo receo cara este tipo de formacións, sobre todo no gremio da música», pero recoñece que ten sentimentos encontrados: «Por unha parte é bonito que sigan sacudindo as emocións da xente, mais por outra hai algunhas que non están á altura e mercadean coa nostalxia». O tamén xornalista musical Xavier Valiño di que el «non iría nunca a ver unha banda tributo» por non achegar máis valor que «servir de adestramento aos músicos». As opinións que lle chegan dos seus colegas de profesión, músicos e melómanos son «sempre bastante negativas». Polo tanto, atopámonos antes un deses produtos culturais que triunfan a nivel popular pero que non gozan do favor da crítica especializada. Quizais ese desleixo por parte dos músicos sexa porque os ven como proxectos mercantís e non artísticos, feitos para gañar cartos servíndose da música doutros, en contraposición a unha banda de música orixinal que de primeiras o ten moito máis complicado para atraer público aos seus concertos. Comparar os auditorios case sempre cheos duns coas salas moitas veces medio baleiras doutros pode xerar unha frustración que, sen estar estritamente relacionado, acaba por salpicar aos tributos.

Esa é outra das críticas que adoitan recibir os tributos: a posible competencia desleal contra os grupos tradicionais. É dicir: se unha sala, teatro ou institución pública decide programar unha banda tributo, estalle a quitar ese espazo (e ese diñeiro, en consecuencia) a un grupo de temas propios ou a un proxecto emerxente? Sobre isto, Moreno e Valiño teñen opinións opostas. A primeira cre que «están dirixidos a públicos distintos e poden convivir», mentres que o segundo pensa que «unha gran parte do público coincide, xa que son xente seguidora da música ou dos concertos que vai ver ao tributo por non poder ver ao orixinal». Queixas defende que os tributos non lle están quitando nada a ninguén, pero recoñece que non apoia aos «programadores de bar que poñen seis tributos durante un mes». Frauca, pola súa banda, pensa que estas homenaxes musicais funcionan como «escapatoria para que xente de certa idade poida gozar dos recintos culturais da súa cidade, xa que moita da música que se fai na actualidade non encaixa neses auditorios». Engade, ademais, que «a venda de entradas en xeral va en aumento e nos festivais máis multitudinarios non se atopan bandas tributo», polo que non comparte a teoría de que se solapen.

Mencionaba Valiño o uso dos tributos como substitutivo de bandas que xa non existen, mais temos non poucos exemplos de homenaxes a grupos aínda en activo. Frauca recoñece que lle chegan «mensaxes de grupos todas as semanas e non todo vale, xa que hai xente que di que é un tributo e non o é. Ese tipo de espectáculos de baixa calidade fan moito dano ao sector. Pero acaso a xente de Valladolid ou Mallorca, por exemplo, non ten dereito a gozar da música de U2 en directo cun tributo musicalmente coidado?». Como en todo mercado, a lei da oferta e da demanda é a que marca o pulso, e canto máis difícil sexa ver a un artista popular (sexa porque só toca en grandes cidades, sexa porque está morto), máis éxito debería ter o seu tributo.

O certo é que con este tema estamos a ver situacións do máis curiosas. Unha delas é ver como a banda homenaxe cobra entradas máis caras que o homenaxeado. En xuño de 2025 o grupo gREAT sTRAITS (formado polo coruñés Óscar Rosende, exlíder de bROTHERS iN bAND), poñía a 60 euros as entradas para o seu concerto no Palacio da Ópera na Coruña. Seis anos antes, no Coliseum da mesma cidade, podiamos ver a Mark Knopfler, líder dos verdadeiros Dire Straits, desde 55 euros. Seguindo cos Straits, en outubro tería lugar nese mesmo espazo The Dire Straits Experience, un tributo liderado por Chris White, saxofonista orixinal da banda. Utilizo o condicional porque finalmente o concerto foi cancelado. Quizais tivo que ver que o prezo dos billetes para acceder á platea era de 80 euros, con paquetes VIP de 120 e 450 euros. Por ese prezo case que podes convidar a Knopfler a tocar un par de temas no salón da túa casa.

Nostalxia: bálsamo e veleno

A auxe dos tributos ten que ver, e moito, coa nostalxia. Este sentimento, que inicialmente se refería só á morriña espacial e non temporal, funciona como o sal na comida: un chisco eleva o sabor, unha chea amarga o prato. A nostalxia está moi presente en todos os ámbitos da vida e da cultura, e quizais onde mellor se percibe é na música e no cine, con constantes remakes, reboots, spin offs e demais palabros. Na música, esta tendencia queda patente nas xiras de reunión e de aniversario, nas caixas antolóxicas, nos álbums homenaxe, nos concertos en vivo de álbums clásicos e tamén nas bandas tributo. No punto medio entre ambas artes están os biopics, tan de moda nos últimos tempos, cos exemplos de Bob Dylan, Bruce Springsteen, Bob Marley, Elton John ou Queen. Se as cancións de onte non fosen tan rendibles non veriamos cada pouco tempo a superestrelas da música vender os seus catálogos por cifras con moitos ceros: «É algo que xa fixeron rendible no seu momento e que relanzándoo unha e outra vez volven sacar cartos sen ter que investir practicamente nada», explica Valiño sobre os fondos de catálogo dos grandes selos.

Miguel Queixas négase a considerar os tributos como algo nostálxico: «Por que a xente vén ver un tributo de Dire Straits se pode escoitar aos orixinais en disco e velos en YouTube na súa casa? Porque veñen facer unha comuñón (común unión) arredor de algo tan bonito como a música en directo, e iso é algo que non podes mercar en Amazon».

En 2011 o crítico musical inglés Simon Reynolds publicaba Retromanía. La adicción del pop a su propio pasado, onde analiza «unha época na que a cultura pop enlouqueceu polo retro e a conmemoración» e «unha sociedade que nunca antes estivo tan obsesionada cos artefactos culturais do seu pasado inmediato». Moitas cousas mudaron nestes quince anos na industria musical, pero algunhas das súas reflexións seguen vixentes. Preguntábase na introdución: «Pode ser que o perigo máis grande para o futuro da nosa cultura musical sexa… o seu pasado?». Malia que recoñece que esta dúbida soa «innecesariamente apocalíptica», non é un apunte esaxerado.
Iván Frauca recoñecía, e así o comprobamos in situ, que o público obxectivo dos tributos ten xa unha certa idade e, polo xeral, non adoitan buscar propostas actuais e innovadoras. Ao contrario: optan por unha aposta segura como é a música que escoitaban na infancia ou na xuventude, cando as emocións eran máis intensas e un grupo podía cambiarche a vida. «A nostalxia pode exercer como refuxio, sen dúbida, pero se permaneces demasiado tempo nel perderás a capacidade de renovar a emoción e a sorpresa. A vida e a cultura deben fluír, non converterse nun estanque», apunta con precisión e lirismo Arancha Moreno.

Cultura e avances

A xornalista madrileña incide nesa dualidade, bálsamo e veleno, que a teórica rusa Svetlana Boym dividía en El futuro de la nostalgia entre nostalxia reflexiva e restauradora. A primeira é a vinculada á memoria e ao recordo, mentres que a segunda é a que tende a idealizar o pasado e quere traelo de volta, mesmo cando ese pasado non existiu exactamente como se evoca. Reynolds, de novo, pregunta: «A nostalxia obstaculiza a capacidade de avanzar da nosa cultura? Ou somos nostálxicos precisamente porque a nosa cultura deixou de avanzar e polo tanto debemos mirar cara atrás en busca de momentos máis potentes ou dinámicos?». A opción A quizais semella máis esperanzadora, e penso que máis acaída xa que calquera que invista tempo en mergullarse nas novidades musicais sabe que se trata dun terreo fértil e inabarcable composto por todo tipo de propostas, desde as máis clásicas e comerciais ás máis vangardistas e de nicho. Non debería existir, alén da provocación snob, padal o suficientemente gourmet nin selectivo para non ser saciado por algún deses sons e, de ser así, talvez o problema sexa propio e non alleo.

Este abanico de opcións infindas, segundo Valiño, pode ser máis parte do problema que da solución: «Coa cantidade de plataformas de música e cine que temos á nosa disposición a xente está un tanto perdida. A dispersión dificulta atopar algo que poida interesar, e ao mellor por iso recorren ao do pasado, para non ter que perder o tempo buscando cousas novas», resume. Nese aspecto, o cospeitense bota de menos a importancia da figura do prescritor, que na época previa a Internet, a través de revistas ou da radio, era un elo básico á hora de separar a palla do trigo no apartado cultural .

En calquera caso, non parece xusto centrar as culpas na xeración, pois a nostalxia afecta, en maior ou menor medida, tamén á xente máis nova. Nos últimos anos asistimos ao rexurdimento de grupos que, tras inicios de grande éxito a comezos deste século, pasaron a un segundo plano mediático. Estopa ou La Oreja de Van Gogh, de novo nas cabezas de cartel dos grandes festivais sen publicar música nova relevante, son dous bos exemplos a escala estatal.

As bandas tributo non son nin o problema nin a solución. Son un síntoma dos nosos tempos. A súa proliferación fala tanto do valor incuestionable da música popular do século XX como das dificultades que temos para construír novos consensos emocionais e interxeracionais arredor da música actual. Mentres os auditorios se enchen para revivir o pasado cunha fidelidade milimétrica, a música contemporánea continúa loitando por atopar espazos, tempos e escoitas nun mercado saturado. Quizais non haxa nada de malo en volver escoitar as cancións que nos fixeron quen somos. O perigo chega cando deixamos de buscar as que aínda poden cambiarnos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail