O Emérito ataca outra vez en Sanxenxo, e o único que parece alegrarse é Alfonso Rueda. Incluso o seu fillo (Felipe VI, non o de Rueda) se pon de perfil. Xa o dicía aquela propaganda proturismo da primeira Xunta: «Hai que tratalos ben, para que volvan» (daqueles pós, estes barros).
O que dá un paso adiante é outro pai, Suso Díaz, para pechar a candidatura dos que, segundo o relato de Madrid, son os contrarios á súa filla Yolanda. Mentres, as concesionarias das autoestradas consideran, como Juan Carlos I, que teñen todo o dereito a reclamarlle á Administración o que deixaron de gañar co confinamento.
Os nosos analistas de garda. Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, debullan os acontecementos, mentres Ana Luísa Bouza non queda claro se non comparece para asistir ás exequias de Fernando Sánchez Dragó ou, como ela asegura, anda de cruceiro polo Mar Exeo (o do Mediterráneo, non o que se estampou contra a Torre de Hércules hai 30 anos).