Estado autonómico, violencia machista e memoria histórica: Vox e as contradicións de Feijóo

O pacto de Mañueco coa formación de Abascal en Castela e León choca co argumentario ideolóxico e a estratexia política que seguiu en Galicia o novo líder do Partido Popular


A Coruña.- Non pasaron nin dez días desde que Alberto Núñez Feijóo tomou as rendas do Partido Popular e Vox xa o puxo entre a espada da investidura de Alfonso Fernández Mañueco e a parede do seu argumentario ideolóxico e a súa acción de goberno en Galicia.

O líder en Castela e León do partido de Santiago Abascal e vicepresidente in pectore de Mañueco, José Manuel García-Gallardo, lembrou este luns que Vox leva no seu programa a reforma da Constitución para eliminar o Estado autonómico. Unido iso ás súas esixencias ao PP para eliminar o decreto de memoria histórica que o propio PP impulsou nesa comunidade e o recoñecemento da violencia machista, o certo é que a formación de ultradereita deixou nunha complicada situación a imaxe de moderación que Feijóo tenta transmitir ao electorado de centro-dereita.

O novo líder do PP e aínda presidente da Xunta meteuse nun xardín o pasado 17 de marzo, cando nunha rolda de prensa en Lugo se amosou comprensivo coa idea de Vox de que a violencia exercida contra as mulleres tamén pode ser considerada «violencia intrafamiliar», e non violencia machista. «Hai un tempo sufrimos un asasinato producido por un pai que, por un problema coa súa parella, despois asasinou os seus dous fillos. Iso non é violencia machista, iso é violencia intrafamiliar», dixo Feijóo.

Á marxe da valoración moral que poida derivarse da atribución do asasinato de dous nenos a un problema de parella, esa declaración entra en colisión directa coa lexislación que o PP impulsou en Galicia só oito meses antes. En xullo do 2021, Feijóo asinara da súa propia man a Lei 14/2021 do 20 de xullo, que modificaba a Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Ese texto recollía o engadido deste parágrafo á lei do 2007:

«Inclúese dentro do concepto de violencia de xénero a violencia vicaria, entendida esta como o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas ou fillos da muller, así como sobre calquera outra persoa estreitamente unida a ela, coa finalidade de causarlle maior dano psicolóxico, por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade aínda sen convivencia».

Feijóo, tras a súa proclamación como líder do PP / Foto: PP.

A reforma incluía mesmo o carácter retroactivo da definición, é dicir, que se consideran como violencia de xénero as agresións ocorridas antes da entrada en vigor da norma.

O feito de que Feijóo considere agora que o asasinato dos fillos e fillas dunha muller por parte da súa parella ou ex parella é violencia de xénero ou non dependendo de se convén aos seus intereses electorais e de poder, non o deixa en bo lugar. Menos aínda nun asunto tan serio e que levanta tanta alarma social.

O Goberno contabiliza en Galicia, a comunidade que aínda preside Feijóo, máis de 4.000 casos de risco de violencia machista, e preto de 1.500 deles afectan a menores. Segundo o Ministerio de Igualdade, no últimos dezanove anos foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas en España 1.136 mulleres. Desde o 2013, cando empezaron a contabilizarse como vítimas de violencia machista os e as menores asasinadas para danar as súas nais, morreron 41 nenos e nenas. Preto do 60% das mulleres españolas maiores de dezaseis anos declaran ser vítimas ao longo da súa vida dalgún tipo de agresión machista.

Feijóo ten complicado saír do labirinto no que o ten metido Vox ao forzar ao PP para reformar en Castela e León a lexislación sobre violencia machista que el mesmo apoiou en Galicia. E coa memoria histórica sucede algo parecido.

Poucos días antes da reforma daquela lei galega, Feijóo declarouse firme á hora de responder á polémica que levantou o seu antecesor no PP, Pablo Casado, cando se referiu no Congreso á guerra civil como «un enfrontamento entre quen quería a democracia sen lei e quen quería a lei sen democracia». Menos dunha semana despois, Feijóo desmontou aquel discurso: «A guerra civil foi un golpe de estado», asegurou.

O pacto entre Vox e Mañueco para derrogar a lei de memoria histórica que o PP de Juan Vicente Herrera impulsou en Castela e León –o propio Herrera considerou no seu día que o apoio institucional á exhumación dos restos de represaliados era «unha reivindicación xusta»– tamén choca con ese discurso.

Cartaces con fotos de represaliados ás portas das Torres de Meirás durante una concentración da Iniciativa Galega pola Memoria en xuño do 2021 / Foto: Xoán Blanco.

Claro que Feijóo xoga de novo á ambigüidade con este asunto. Cando lle conveu distanciarse de Casado para reforzar a súa imaxe de moderado no resto do Estado, non dubidou en falar do golpe de estado. Pero a oposición acúsao de incumprir en Galicia a lei de memoria histórica. Nos seus trece anos á fronte da Xunta non removeu os restos de simboloxía franquista que enchen aínda as rúas, prazas e lugares públicos da comunidade, nin se impuxo sanción algunha ou se instou a retirala aos particulares, institucións e administracións baixo cuxa competencia reside a potestade para facelo.

Un caso emblemático son as Torres de Meirás, o pazo roubado por Franco e que ata hai pouco gozaban os seus herdeiros. Declaradas ben de interese cultural no 2008 baixo o Goberno de coalición de PSOE e BNG, a Xunta de Feijóo eludiu enfrontarse á familia para garantir que se abrisen ao público as instalacións cumprindo os calendarios e horarios previstos de visitas.

En máis dunha década de incumprimentos, o Goberno que preside o actual líder do PP só abriu aos Franco un expediente por unha infracción leve. E no 2017, o PP, Feijóo incluído, votou no Parlamento de Galicia en contra de expropiar o inmoble e as terras expoliadas que o circundan, facendo súas as teses da familia Franco. Segundo Feijóo, as Torres foran «unha doazón» a Franco do pobo galego. A xustiza sentenciaría apenas tres anos despois que a suposta doazón só foi a falsificación documental coa que Franco e as elites que o apoiaban disfrazaron un roubo en toda regra.

Feijóo afástase e distánciase de Vox a conveniencia no seu discurso, aínda que en ocasións a súa praxe política non estivera tan lonxe do ideario do partido de Abascal. En violencia de xénero, en memoria histórica e tamén na concepción territorial do Estado.

Resultaría máis que sorprendente que alguén que presidiu unha comunidade autónoma durante trece anos non crea no Estado das autonomías. Pero ata nisto as palabras e os feitos de Feijóo non coinciden. Chegou á presidencia da Xunta no 2009 anunciando que con el se abriría a maior época de autogoberno de Galicia. Pero en trece anos non ten promovida nin unha soa transferencia de competencias á comunidade autónoma.

Alfonso Rueda.

De feito, o PP rexeitou no Parlamento de Galicia reclamar as que propoñía a oposición, e a Xunta nin sequera instou ao Goberno central a abrir a Comisión Mixta de Transferencias para negociar os traspasos que Feijóo levaba no seu programa electoral do 2009.

En outubro dese ano, segundo lembra Luís Bará, portavoz do Bloque Nacionalista Galego na Comisión Institucional da Cámara galega, Feijóo presentou unha listaxe coas dezasete transferencias que ía pedir ao Estado. O inventario prepárao Alfonso Rueda, entón conselleiro de Presidencia, hoxe vicepresidente primeiro e o seu previsible sucesor.

«Feijóo fixo o contrario do que dixo que ía facer. Desde que Goberna non houbo nin un só traspaso de competencias», explica Bará, quen detalla algunhas das transferencias que o seu grupo reclamou e que o PP rexeitou, a pesar de que xa xestiona esas materias noutras comunidades onde goberna.

Hainas de todo tipo: tráfico e seguridade viaria, policía autonómica, meteoroloxía, inspección de traballo, grandes portos, aeroportos, dominio público marítimo terrestre e concas hidrográficas, rede ferroviaria interna, organismos de vixilancia, seguridade e formación marítimo-pesqueira, bolsas, museos, arquivos… «Feijóo foi un tapón para o autogoberno, porque a pesar de que di defendelo, no fondo oculta unha axenda ideolóxica contraria a el», afirma o deputado nacionalista.

A única trasferencia de competencias que se empezou a negociar co Estado baixo o mandato de Feijóo, como lembra Pablo Arangüena, portavoz do PSOE na Comisión Institucional, é a da autoestrada AP-9, que vertebra o eixo atlántico de Galicia desde Ferrol á fronteira con Portugal, e que segue a ser de pago.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail