Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Din as crónicas da malograda Convención do PP en Sevilla que os dirixentes e cargos do partido marcharon para a casa aínda máis preocupados do que xa chegaran á capital andaluza.
O tsunami Cifuentes, aplastada polo máster regalado da Rey Juan Carlos acabou por rebentar unha cita convocada para levantar o ánimo dos populares deprimidos e golpeados enquisa tras enquisa.
O único que nesa casa semella conservar a calma, por chamala dalgunha maneira, é Mariano Rajoy que, a forza de ir vendo caer un tras outro e tras outra a todos os seus posibles sucesores, a algún dos cales por certo tamén empurrou ao abismo, pode chegar á conclusión de que á fin vai ter que darse o relevo a si mesmo.
Moitos preguntámonos por que Feijóo lle concedera esa entrevista a Salvados e, seguramente, unha das explicacións sexa que así non terá que facela dentro duns meses
Soraya Sáenz de Santamaría quedou calcinada en Cataluña; Cifuentes non vai chegar nin aos exames de xuño; Cospedal saca o látigo e chama a defender «o noso e aos nosos» pero sabe que a sombra do despido en diferido de Bárcenas deixouna moi tocada e os negocios e amizades do seu marido sempre lle poden dar un desgusto.
Así as cousas, dicían nos corredores da Convención que a cousa queda entre os galegos. Terá que ser «o galego», proclamaban algúns refiríndose non a Rajoy senón a Alberto Núñez Feijóo, que preside a última Numancia do PP, a única comunidade que aínda gobernan ás súas anchas, con maioría absoluta e sen os mosquitos de Ciudadanos dándolles a turra.
Feijoó parece ter vantaxe a día de hoxe, pero tamén arrastra unha sombra: a do capo Marcial Dorado e as famosas fotos xuntos ao sol que o perseguirán sempre. Certo é que xa as exorcizou en La Sexta, someténdose ao terceiro grao de Évole. Moitos preguntámonos por que lle concedera agora esa entrevista a Salvados en pleno boom da Fariña e, seguramente, unha das explicacións sexa que así xa non ten que facela dentro duns meses cando o momento da sucesión estea xa moito máis preto.
Feijoó segue deixándose ver e querer pero ten que ir con coidado porque coñece mellor que ninguén a Rajoy e sabe que un mal paso, condénate. E a ver se á fin, non hai ninguén en condicións de substituílo no cartel e Mariano se ten que volver sacrificar. Vaia tropa!
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán