A recuperación de Meirás, unha vitoria da loita cívica pola memoria dos represaliados

A Coruña.- A sentenza do Tribunal Supremo que devolve definitivamente ao Estado as Torres de Meirás, pero que admite que a familia de Francisco Franco sexa indemnizada polos gastos de mantemento durante os anos nos que posuíu o pazo tras a morte do ditador, é o resultado dunha longa loita social que forzou a Administración pública a poñerse do lado da xustiza e da democracia. «Unha vitoria do memorialismo galego e da memoria histórica antifranquista», definiuno este xoves a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

O fallo tamén lle devolve a súa memoria, a verdadeira, a Meirás, a parroquia do municipio de Sada (A Coruña) que durante os anos 30 do século pasado foi exemplo da loita campesiña e feminista contra a opresión e a explotación da Igrexa e da oligarquía, e cuxo nome a ditadura converteu en sinónimo do poder económico e político tiránico e corrupto que durante décadas exerceron os Franco. O franquismo exerceu na parroquia unha sanguenta represión nada máis comezada a guerra, e hai sadenses que aínda lembran como os seus pais, republicanos ou fillos de republicanos, eran encarcerados sen cargos nin xuízo poucos días antes de que o ditador fixese algunha das súas habituais visitas ao pazo. Non os soltában ata que marchaba.

«É unha sentenza moi positiva, que ten de negativo a parte que permite aos herdeiros reclamar unha indemnización. E iso ten responsables», explica Carlos Babío, o historiador cuxo traballo xunto a Manuel Pérez Lorenzo permitiu ao Estado documentar e probar que a Franco non lle regalaron as Torres de Meirás, o inmoble construído por Emilia Pardo Bazán sobre as ruínas dunha antiga fortificación medieval, senón que o roubou mediante unha falsa operación de compra auspiciada polas elites franquistas coruñesas en connivencia co réxime.

Alcaldes franquistas

Durante a ditadura e desde a Transición ata 2003, Sada estivo rexida por alcaldes franquistas. O último deles, Ramón Rodríguez Ares, do PP, fora o mancebo de botica que lle levaba a Franco ás Torres as medicinas que precisaba durante as súas estadías estivais en Meirás. Malia que os grupos nacionalistas e de esquerda do municipio, especialmente o BNG, intentaron durante o seu mandato iniciar o proceso para recuperar o inmoble, Rodríguez Ares, amigo persoal de Manuel Fraga e que tiña un gran retrato do ditador colgado no seu despacho, sempre os torpedeou. En 2003 perdeu a Alcaldía, que recuperou en 2004 grazas a un tránsfuga do PSOE cunha moción de censura que lle custou a expulsión do partido, pero non a amizade con Fraga. Nas eleccións celebradas tres anos despois volveu perdela.

Por entón, a filla e os netos de Franco seguían acudindo todos os veráns a Sada para gozar do pazo roubado, construído sobre unha parcela de preto de 100.000 hectáreas –como todo o parque do Oeste de Madrid– con vistas incomparables sobre o val de Sada e a ría de Betanzos, a escasos quilómetros dalgunhas das praias máis fermosas da comarca. Baixo o mandato de Abel López Soto (BNG), o Concello iniciou os trámites para que a Xunta declarase as Torres ben de interese cultural (BIC), o que obrigaría, cando menos, a abrir o inmoble ao público algúns días á semana. A declaración logrouse en 2008 baixo o Goberno bipartito de BNG e PSOE na Xunta presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño e coa nacionalista Ánxela Bugallo como conselleira de Cultura, e obrigaba a abrir o pazo unhas horas catro días ao mes, o mínimo legal. Na práctica, os Franco pechábano cando lles viña en gana, sen que a Administración autonómica, en mans de Alberto Núñez Feijóo desde 2009, fixese nada por evitalo.

Imaxe dunha manifestación en Meirás en xuño de 2021 / Xoán Blanco

As eleccións locais de 2015 deron a Alcaldía de Sada a Benito Portela, dunha agrupación local independente pero vinculada a Anova, a escisión dos afíns a Xosé Manuel Beiras no BNG. De feito, Portela fora secretario do alcalde nacionalista López Soto. No plan de ordenación urbana que presentou ao ano seguinte o seu concelleiro de urbanismo, Francisco Xosé Montouto, e que foi aprobado en 2017, contemplábase a recuperación da titularidade do pazo. «Ata entón ninguén se formulaba a posibilidade de esixirlles aos Franco que o devolvesen», explica Portela.

En marzo de 2017, e despois de varios actos, manifestacións e marchas populares esixindo a restitución das Torres e cos guías da Fundación Francisco Franco facendo apoloxía da ditadura nas visitas públicas ao BIC, Antón Sánchez, deputado de En Marea –a coalición que agrupaba a Anova, Podemos, Esquerda Unida e as mareas– presentou no Parlamento de Galicia unha iniciativa para elevar ao Congreso dos Deputados unha proposta de modificación da lei de memoria histórica. Tiña un só artigo e instaba ao Goberno de Mariano Rajoy a obrigar os Franco a devolver as Torres sen que se lles pagase nin un euro. Porque non era unha expropiación, senón a recuperación dun ben roubado. O PP de Alberto Núñez Feijóo tombou a proposta coa súa maioría absoluta.

Moción de censura

Pouco máis dun ano despois, con todo, o PP galego aceptouna. Foi o 11 de xullo de 2018. Pasaran menos de seis semanas desde a moción de censura que levou o PSOE ao Goberno. O que Feijóo non quería reclamarlle a Mariano Rajoy, apresurábase a esixirlle a Pedro Sánchez, que acababa de mudarse á Moncloa. Pouco despois, os Franco puxeron o pazo á venda por oito millóns de euros. Foi entón cando a Deputación da Coruña, cuxa vicepresidenta e responsable de cultura era a hoxe alcaldesa de Santiago polo BNG, Goretti Sanmartín, instou por escrito á Avogacía do Estado e a Patrimonio Nacional para que iniciasen os trámites para recuperar o inmoble e evitar que os Franco o vendesen e consumasen o espolio. Un ano despois o Estado demandounos, coa Xunta, a Deputación da Coruña e os concellos de Sada e A Coruña personados en apoio da causa.

En setembro de 2020, o xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña deulles a razón e ordenou a devolución do inmoble sen indemnización aos herdeiros, pero estes recorreron á Audiencia Provincial da Coruña, que sentenciou que tiñan dereito a ser resarcidos porque posuíran as Torres «de boa fe». É dicir, sen seren coñecedores de que a súa nai e os seus avós lles deixaran en herdanza un inmoble roubado. A sentenza que o Supremo fixo pública este xoves ratifícase nese extremo. E os xuíces explican por que: na proposta que o PP de Feijóo aceptou en 2018 no Parlamento de Galicia acordouse crear unha comisión de expertos impulsada pola Xunta que estudaría as vías de reclamación. Nas conclusións desa comisión, na que a Avogacía do Estado se baseou para a súa demanda xunto ás investigacións de Babío e Pérez Lorenzo, admitíase a posibilidade de resarcir os Franco. O ditame non tivo en conta o voto particular en contra do representante legal do Concello de Sada, Miguel Torres Jack.

«Hai responsables de que os Franco poidan reclamar agora cartos, porque o Estado español non entendeu de que vai o da recuperación da memoria democrática» (Carlos Babío, historiador)

«Por iso digo que hai responsables de que os Franco poidan reclamar agora cartos, porque o Estado español non entendeu de que vai o da recuperación da memoria democrática», advirte o historiador Carlos Babío. Explica que a familia Franco terá que dirixirse agora de novo ao xulgado da Coruña, que no seu caso creará unha peza separada da causa, para achegar a documentación que probe os supostos gastos «de boa fe» que realizaron en Meirás desde 1975 ata o 10 de decembro de 2020, cando entregaron as súas chaves ao Estado. O resto das partes –a Xunta, a Deputación da Coruña e os concellos de Sada e A Coruña– tamén poderán alegar.

A Babío, cuxo avó foi asasinado por falanxistas naquela Meirás das rebelións feministas campesiñas dos anos 30 do século pasado, e a quen a familia Franco presentou catro demandas, todas desestimadas, ninguén lle indemnizará nin lle resarcirá décadas de traballo nin lle devolverá nada físico. Nin sequera a casa da súa avoa, anexa ao pazo e que Franco tamén lle roubou. Nunca as reclamou. Pero si a súa memoria: «O meu pai, que xa morreu, dicíame que era unha batalla perdida, que acabarían comigo, que nunca lles gañaría porque esa xente fora capaz de todo e aínda o era. Creo que se estivese vivo, diríame: ‘Conseguíchelo’. E se sentiría moi orgulloso».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail