Así reforza Alfonso Rueda o control político do PP sobre a tele e a radio públicas

A Coruña.- O Partido Popular de Alfonso Rueda aprobou o pasado martes no Parlamento de Galicia a nova lei de medios públicos da comunidade, que reforza os mecanismos de control político sobre a compañía que xestiona a televisión e a radio de titularidade autonómica.

A oposición asegura que a norma esconde a intención de manter a manipulación informativa a favor da Xunta e o PP, e os traballadores, que desde hai máis de cinco anos se manifestan cada semana nos venres negros que convoca a plataforma Defende a Galega en defensa da pluralidade e neutralidade da compañía, recibírona cunha folga e con protestas fronte ás súas emisións en directo.

A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), que a partir de agora pasa a chamarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), está dirixida por Alfonso Sánchez Izquierdo, nomeado en 2009 por Alberto Núñez Feijóo e baixo cuxo mando se produciron multitude de casos de manipulación informativa, persecución ideolóxica de xornalistas críticos, uso partidista dos medios públicos e vulneración de dereitos laborais, ademais de denuncias pola emisión de contidos sexistas e machistas.

Imputación da cúpula directiva

Despois de centenares de sentenzas xudiciais firmes dos xulgados do Social contrarias á súa xestión, Sánchez Izquierdo e oito directivos da súa cúpula foron imputados por un xulgado do penal por un delito de acoso laboral a unha traballadora. Foi a partir dese momento cando Rueda empezou a acelerar a tramitación da lei para permitir unha rápida substitución do director xeral sen necesidade de acordalo coa oposición.

Na anterior normativa, de 2011, contemplábase que ese cargo debería ser designado por maioría de dous terzos no Parlamento de Galicia –50 de 75 deputados– , en primeira volta, e de tres quintos –45– en segunda volta. O PP xamais gozou desas maiorías na Cámara autonómica, pero unha disposición adicional en norma aprobada o martes contempla que, se non se alcanzan as anteriores, a elección realizarase por maioría absoluta. É dicir, cos votos do PP.

O resto de membros do Consello de Administración -son seis ademais do propio director xeral–, elixiranse polo mesmo sistema. En teoría o seu mandato só era renovable unha vez, pero a nova norma pon o contador a cero e permite que os conselleiros, na súa maioría propostos polo PP, que o son da CRTVG, repitan cargo na CSAG sen que lles afecten os límites da lei anterior.

Sen control profesional contra a manipulación

A lei de 2011 contemplaba a creación dun Consello de Informativos, a imaxe do que funciona na Corporacion de Radio e Televisón Española (CRTVE), «como órgano interno de participación dos profesionais da información da CRTVG, a fin de velar pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles».

Feijóo, nunha entrevista na TVG.

O PP negouse durante os últimos 14 anos a crear ese organismo, cuxo desenvolvemento regulamentario nin sequera foi posto en marcha. Agora, a nova norma substitúeo por un Consello Asesor de Participación Social e Profesional como «órgano de participación externa da sociedade galega e interna das persoas profesionais da CSAG, que ten como finalidade contribuír a fortalecer a participación así como a calidade, profesionalidade e independencia da información».

A lei prevé que contará con 15 membros, e o PP tamén se garante que terá maioría de afíns. Un deles será o propio director xeral –que formará parte do órgano supostamente independente que debe fiscalizalo–, e outros dous, profesionais da casa –non se especifica que deban ser xornalistas ou informadores– elixidos polo Consello de Administración, onde o PP xa ten maioría.

Outros tres serán designados polo Consello de la Xunta –é dicir, polo Goberno de Alfonso Rueda– e seis polo Parlamento de Galicia, onde o PP tamén ten maioría.

O galego deixa de ser a lingua dos medios públicos

O artigo 7 da lei de 2011 establecía que «a lingua da CRTVG é o galego» e que «por tanto, a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da devandita sociedade e as comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas serán en lingua galega».

Esa redacción elimínase na nova normativa, que abre a produción propia e a emisión de contidos alleos a «outras linguas cando así o xustifique o cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei e, en particular, co fin de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail