Camposancos, a porta do inferno: o campo de concentración sobre o que Franco artellou o seu aparato represor

A Fundación 10 de Marzo publica “A porta do inferno”, de José Antonio Uris e Víctor Santidrián, sobre o antigo colexio de xesuítas polo que pasaron entre 5.000 e 6.000 prisioneiros de guerra entre xullo do 36 e setembro do 41

A Coruña.- O aparello represor que o franquismo puxo en marcha durante a guerra e sostivo durante a postguerra tivo a súa orixe nun antigo colexio dos xesuítas reconvertido en campo de concentración onde se torturaba e asasinaba aos republicanos que caían en mans dos fascistas. Por Camposancos, no municipio pontevedrés da Guarda, pasaron entre 5.000 e 6.000 prisioneiros de guerra entre 1936 e 1941.

A Fundación 10 de Marzo acaba de publicar A porta do inferno, de José Antonio Uris Guisantes e Víctor Santidrián Arias, unha investigación histórica que reconstrúe a orixe de Camposancos e a súa relevancia na configuración da represión fascista no resto do Estado.

A Guerra Civil apenas durou uns meses en Galicia, onde os sublevados deseguido se fixeron co poder sobre todo o territorio. Pero iso non quere dicir que non houbese represión. Ao contrario, houbo un auténtico exterminio de defensores da República.

O 27 de xullo de 1936, nove días despois do golpe, as tropas de Franco chegaron á Guarda, a dous quilómetros da fronteira portuguesa, depuxeron ao alcalde –Brasilino Álvarez Sobrino, fusilado pouco despois na veciña localidade de Tui- e empezaron a deter e a pasear a cidadáns de toda a comarca.

Memorial en homenaxe aos fusilados de Xestás / Foto: Carlos Hernández

«Os primeiros en estrear Camposancos foron os republicanos guardeses», conta José Antonio Uris, quen explica que os militares se deron conta de que o colexio dos xesuítas que a República expropiara á orde, tras ordenar a súa disolución en 1932, «era o lugar ideal» para instalar un campo de concentración onde levar aos prisioneiros que ían facendo no fronte norte.

«Tiña capacidade para 680 persoas pero chegou a albergar máis de 1.200. Algunhas fontes din que chegou a haber máis de 3.000, pero non parece real. Calquera que coñeza o lugar verá que é imposible», engade Uris. Nun principio o recinto recibiu o título oficial de Campo de Concentración, aínda que posteriormente foi rebautizado como Prisión Habilitada de Presos e Presentados -os detidos que se presentaban voluntariamente diante as autoridades sen delitos de sangue-.

As primeiras remesas de prisioneiros de fóra de Galicia chegan a Camposancos en outubro de 1937, tras desembarcar do Aritzatxu, un buque prisión que levaba presos asturianos e cántabros, entre eles unhas 160 mulleres, ata Baiona, desde onde foron trasladados en camións ao campo.

Uris conta que Camposancos contaba con tres patios. No primeiro obrigábase aos prisioneiros a formar, a cantar o Cara al sol co brazo no alto e a dar vivas a Franco, a escoitar misa e facer gardas fronte á bandeira roxigualda. No segundo instaláronse as gaiolas para condenados á morte, e no terceiro, as cociñas e o acuertalamiento do Sétimo Batallón do Rexemento de Infantería Mérida número 35 con base en Vigo.

Os presos durmían hacinados en celas comúns infestadas de piollos, chinces e garrapatas, recibían constantes malleiras e malos tratos e aínda que a comida non era do peores -leite pola mañá e lentellas ou verzas con patacas para comer ou cear- algúns deles morreron de fame.

O máis sinistro era o que os reclusos acabaron denominando “o torreón de tortura”, onde se lles interrogaba baixo tormento para extraerlles información, poder clasificalos e decidir a súa situación penal e o seu destino final.

Tal foi o número de presoso aos que se destinou a consellos de guerra que Franco decidiu que era máis rendible xulgalos alí, polo que ordenou o traslado a Camposancos do Tribunal Militar Permanente número 1 de Xixón, cuxo presidente era o sinistro Luís Vicente Sasiain, que acabaría sendo presidente do Real Club Celta de Vigo.

Só entre xuño e outubro de 1938 foron xulgados en Camposancos 513 prisioneiros, en xuízos sumarísimos dunha hora de duración media e con ata vinte reos por vista. Decretáronse 191 penas de morte, 83 de cadea perpetua, 115 de vinte anos de prisión, cincuenta de quince anos, seis de doce anos, unha de nove, dous de seis e 36 absolucións.

Das 191 sentenzas capitais, executáronse 155. As primeiras ao pouco de empezar os xuízos. O 2 de xuño foron fusilados 31 republicanos, e o 20 de xullo, outros dezaoito. Os seus corpos están enterrados en «caixas de pobres» nunha fosa común xunto ás tapias do cemiterio de Xestás. Os refachos de ametralladora atronaban o pobo, o que obrigou a trasladar os prisioneiros para executar os fusilamentos en zonas máis afastadas. Durante eses meses foron fusilados outros 34 na Sangriña, 33 en Tui, 28 en Pontevedra, 29 en Forte do Castro, oito na illa de San Simón, 7 en Celanova…

Inauguración do monumento en agosto de 1986

Segundo Víctor Santidrián, «Camposancos foi o inicio do sistema represivo do franquismo e foise consolidando como campo de concentración e redistribución de prisioneiros a medida que ía caendo o fronte norte» e o franquismo ía configurando o seu aparello carcelario e fundando novos campos noutras zonas do Estado. Segundo a documentación que ofrece o libro de Uris e Santidrián, o 1 de abril de 1938 había nas zonas ocupadas polo exército fascista 36 campos de concentración con máis de 49.000 prisioneiros. Tras a ofensiva de Cataluña, os expertos calculan que ao redor de 350.000 persoas estaban confinadas en campos, prisións e instalacións para batallóns de traballadores forzados.

Camposancos pechou oficialmente en 1941, aínda que segundo José Antonio Uris houbo prisioneiros que seguiron alí para servir os xesuítas, a quen Franco devolveu as instalacións. Tamén conta que durante a Transición o Goberno de Adolfo Suárez lles concedeu axudas para rehabilitar o recinto, que empregaron en picar as paredes para borrar delas as mensaxes e nomes gravados polos prisioneiros. A listaxe do censo de quen pasou por alí ocupa 53 páxinas no libro de Uris e Santidrián. Uris emociónase ao lembrar un deles, Manuel Domínguez Pacheco, Taxota, quen tamén investigou sobre o campo.

Uris, Domínguez Pacheco e outros grupo de persoas, entre elas Dolores Domínguez Pacheco e Isaura Gómez, empezaron en 1974 a saltar os muros do cemiterio de Xestás para homenaxear cada ano os fusilados alí e, por extensión, todas as vítimas de Camposancos e do franquismo. En 1984 fundaron a Comisión Cidadá Pro-Fosa Común, e o 15 de agosto de 1986 inauguraron un monumento na súa honra.

En canto a Camposancos, hoxe está en ruínas e os seus patios, devorados pola maleza. Non hai nada que indique a quen pase por alí que foi un dos centros do horror do fascismo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail