A entrevista de Meghan e Harry, ou a duquesa e o duque de Sussex para os royalistas, con Oprah (que hoxe redifunde Antena 3) na que relatan a súa perspectiva sobre os seus anos como senior members of the royal family é unha das pezas audiovisuais do ano. En 110 minutos e nunha desas entrevistas nas que pouco queda á imaxinación, móstrase a cara máis arcaica da familia real británica deixandoos de racistas, hipócritas e cun relato propio daqueles que a pesar das décadas que pasen, seguen a ver no diferente ou o invisible, debilidade que debe ser silenciada.
Para cada historia hai un milleiro de versións, pero a resposta dos royals británicos, ou the firm como se denominan eles mesmos, entra na categoría das palabras-feito, esas que pretenden sentar cátedra e pechar capítulo independentemente do que a sociedade ou a democracia esixa. O statement difundido polos Windsor tras a entrevista que dous días despois da súa emisión segue a ocupar portadas en todo o mundo, resúmese rápido: os recordos de cada un varían, o tema do racismo é preocupante pero queremos moito a Harry e Meghan. Seguinte!
Pensar que viaxar para vacinarse, ir a cazar elefantes ou tolerar o racismo son peculiaridades que como sociedade temos que aguantar das históricas familias europeas que xogan a representarnos ante unha sociedade creada por e para eles xa non ten lugar. Cando imos deixar de manter a estes clans para que ostenten cargos de representación nos que fan o ridículo e deixen patente a diario que non se calzaron zapatillas dunha persoa real na súa vida?
A historia de Meghan vs. The firm, a pelexa que os medios británicos levan reportando nos últimos anos non é máis que a verdadeira loita do século XXI. Debemos seguir as democracias e todas nós termandodesta xentiña? Ou poden transicionar cara un mundo no que sigan sendo guapos, ricos e privilexiados pero non a costa dos cartos públicos e no que sigan facendo o que lles pete pero sen cortarse un pelo?
Ser unha verdadeira royal é admitir que precisas axuda cando estás metida nunha esquina da que nonpodes saír, erguerse para traballar, aínda que a todas nos gustaría quedar en cama e agardar a túa vacina desexando por dentro que todo se acelere e que por arte de maxia sexas a seguinte. Que hai de malo en que unha parella do século XXI cambie de traballo e faga a súa vida?
Dos titulares noxentos sobre Meghan, o Megxit, e a eterna dicotomía Kate vs Meghan -está claro que dúas mulleres en postos similares non se poden apoiar, senón que deben vivir enfrontadas-, e a misoxinia e racismo mostrado polos medios británicos xa falamos outro día. Ah! E tamén do fácil que queremos esquecer que o marido de Meg pensaba, ou pensa, que vestirse de oficial das SS é un disfraz aceptable.
Long live a república e os royals da ficción, o único lugar onde deberían estar.