«A de feminismo converteuse nunha palabra moi fea nos Estados Unidos». Cómpre saber quen fai esta observación tan inquietante sobre a vida dunha palabra que nomea o maior movemento de transformación na historia. Non é alguén que participe desa xenreira machista que enzoufa este tempo na política e que se fai viral a golpe de algoritmo. Non. Pola contra, Claudia Goldin, é ela quen así fala, é unha adiantada historiadora da discriminación da muller e, máis en concreto, sobre a brecha salarial de xénero. Por esa ollada rigorosa e revolucionaria, foi premio Nobel de Economía do 2024, a primeira muller en recibir ese galardón. A que se debe esa renuncia a utilizar o termo «feminismo»? Ela explícao por razóns de eficacia, ante a malleira de prexuízos que lle deu a ondada reaccionaria. Converteuse nunha palabra «moi fea», á que expulsar das bocas ou agochar nun cuarto escuro. O que conta Claudia Goldin non é un sinistro anecdótico máis na «batalla cultural». Non é simple consecuencia dun refacho político no Imperio, como tampouco o trumpismo é unha simple mudanza presidencial.
Pódenos contrariar moito, mais a decisión práctica de Goldin de ter que renunciar á palabra «feminismo» no debate público é unha grande aldrabada, un indicador gravísimo do proceso de descivilización que se está a producir. A globalización viral do brutalismo, o que Marietje Schaake, do Cyber Policy Center da Universidade de Stanford, vén de denominar «o golpe das grandes tecnolóxicas», un golpe de alcance mundial, cos novos señores feudais dominando por terra, mar e aire: «Os políticos abdicaron da súa responsabilidade en favor de líderes tecnolóxicos non elixidos e que non renden contas».
É neste contexto onde se pretende executar o feminicidio do feminismo. A decapitación do feminismo sería o maior trofeo endexamais soñado polo despotismo depredador e o seus cazarrecompensas. Hai un terrorismo que atravesa os séculos e é o que se exerce sobre as mulleres polo feito de selo. O feminicidio, esa palabra que tanto enfurece os negacionistas, puxo denominación precisa aos crimes que aparecían envoltos en eufemismos ferintes. Hai pouco aínda se falaba de «crimes da paixón». Aínda hai pouco, en 2003, cando a actriz francesa Marie Trintignant foi torturada até a morte pola súa parella, o cantante Bertrand Cantat, abondaron os titulares de prensa que se referían ao caso como propio dun amour fou (amor tolo). Ou o clásico: «Mateina porque era miña». A frase máis hipócrita da historia é a que di: «En caso de naufraxio, as mulleres e os nenos primeiro».
Estamos a ver como son as mulleres e a infancia quen máis e primeiro sofren nos grandes naufraxios da humanidade, como son as guerras, declaradas ou non. É significativo o incremento das chamadas «novas violencias», dentro da violencia de xénero, como a vicaria ou a que tinxe de terror as redes sociais. Polas cloacas informativas tamén corre tinta de cor sangue. Xa é hora de deixar de tratar os negacionistas como catro bardallas ultras á procura de notoriedade. A suma de negacionismos está no poder en moitos lugares e nas portas en moitos outros. Como ocorreu co III Reich, os «moderados» estanse sumando á montería. E, nese proceso, as palabras tamén son vítimas dun terrorismo semántico. En particular, aquelas palabras que son trabes que terman do ceo no espazo común. Desa natureza, da mellor madeira da humanidade, son liberdade, paz, verdade, ecoloxía… E, dende logo, feminismo. No fondo, é a que máis anoxa os negacionistas que pilotan o gran retroceso, porque é a máis libre e fermosa. A que pode encarnar a emancipación da xente toda. Un feminismo do 99%.