A obediencia anticipada

Os sinais estaban escritos por todas partes para quen quixera lelos, desde hai xa anos. Para min, o punto de non retorno que me confirmou como perdiamos terreo fronte ao fascismo foi cando en 2023 as empresas deixaron de facer eses posts ridículos celebrando o mes do Orgullo. Pasar todo o mes de xuño sen ver bancos, tendas de roupa e plataformas de streaming cambiar a súa foto de perfil por unha coa bandeira do arco da vella deume toda a información que precisaba. Apoiar a comunidade LGBTI deixara de ser lucrativo e beneficioso para a súa imaxe. Todas as fotos de perfil do arco da vella quedaron no que foron: un acto superficial e baleiro que pretendía aproveitar o capital social (e, por ende, o beneficio económico) de apoiar publicamente unha causa popular. Dixen entón o mesmo que penso agora: nunca me gustaron eses xestos, pero, no sistema capitalista no que vivimos, o feito de que vaian desaparecendo é un moi mal síntoma.

O actor rumano-estadounidense Sebastian Stan interpretou a Donald Trump na película do 2024 The Apprentice. A película foi ben recibida pola crítica pola calidade da dirección, montaxe e actuacións; quen non a recibiu tan ben foi o mesmo Trump, que a cualificou de «calumnia difamatoria e politicamente noxenta» (Donald, o poeta que ti es). Ao ser unha película ben considerada e cun reparto formidable (o sempre excelente Jeremy Strong interpreta o xa falecido avogado corrupto Roy Cohn), non tardou en comezar a recibir candidaturas a premios. Stan e Strong ata son finalistas nos Oscars.

Como todos os anos na época de premios, Variety fixo a súa serie de Actors on Actors, na que emparellan dúes actores principais das películas con máis candidaturas para que conversen (por poñer un exemplo, o ano pasado puxeron a Cillian Murphy con Margot Robbie para que puidesen discutir entre eles o fenómeno de Barbenheimer). Segundo Sebastian Stan, el foi invitado a ter unha destas conversas, pero se corres á canle de YouTube de Variety, non vas atopar ningún vídeo recente del. A razón? Ningún dos publicistas dos outros candidatos permitiron que os seus clientes se sentaran a conversar con algúen que acababa de interpretar o presidente electo nunha película da que el non tiña cousas positivas que dicir. Ninguén quería ofender o presidente.

Isto ten un nome. Obediencia anticipada. Facer o que pensas que queren que fagas antes de que cho manden por medo a represalias. Neste momento histórico no que a ventá de Overtón se moveu tan drasticamente á dereita, xa podemos ver xente que acepta este novo normal e cala. Non se resiste. Atacan os dereitos das persoas trans e calan. Atacan o acceso libre e seguro ao aborto e calan. Atacan as proteccións a colectivos vulnerables e calan. Atacan a liberdade de expresión coa escusa de limitar as protestas daqueles que loitan por unha Palestina libre e calan. Calan, calan, calan.

A obediencia anticipada xa foi un pilar básico da campaña á presidencia de Kamala Harris, que, nesta absolutamente repulsiva estratexia política dos partidos de «centro esquerda» (que nada teñen de esquerda, e de centro cada vez menos) de presentarse como O Mal Menor ou a Alternativa Amable, aceptou o apoio do criminal de guerra e membro permanente da lista das peores persoas do historia Dick Cheney. Kamala non só non prometeu un alto ao fogo en Gaza, aínda que a meirande parte da súa base o pedía, senón que insistiu no seu apoio incondicional ao estado ilexítimo e xenocida de Israel. Non se pronunciou na defensa de dereitos das persoas trans. Falaba de controlar a inmigración. Ela mesma formou parte dunha administración na que se perdeu o acceso ao aborto nos Estados Unidos sen ningún tipo de resistencia. Unha Trump light, máis interesada en atraer votantes da dereita que en contentar a súa base. O que pasa e que quen quere a Trump, xa ten a Trump. E quen quere unha alternativa que mire un pouco cara á esquerda, non a vai votar a ela.

Pedro Sánchez, outro que tal baila. E Trudeau. E Keir Starmer. E Simon Harris. A centroesqueda é unha mentira. «Rabuña a un liberal e sangrará un fascista», din. Nunca me pareceu tan obvio. Kamala Harris está á dereita de Reagan e Bush en moitos temas. Cando o Mal Menor de hoxe é manifestamente peor que o Mal Maior de hai 40 anos, igual chegou o momento de deixar de premiar o Mal Menor con poder político.

Eu, pola miña parte, non penso obedecer anticipadamente ao fascismo. Creo que as persoas trans existen e merecen protección, coidados e acceso a tratamento médico para a afirmación do seu xénero. Creo no dereito ao aborto libre e gratuíto. Creo na sanidade pública. Creo no cambio climático e na necesidade urxente de tomar medidas para protexer a poboación mundial das súas presentes consecuencias. Creo na igualdade de dereitos entre homes e mulleres, creo que ningunha persoa é ilegal, creo que hai que protexer e defender os dereitos das persoas migradas. O sistema capitalista actual premia con riqueza e éxito as persoas que demostran comportamentos antisociais e ata psicópatas. Eu creo na humanidade. Sobrevivimos a outras cousas e sobreviviremos a isto. Sempre e cando non obedezamos. Sempre e cando non calemos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail