José Ramón Gómez Besteiro: a remontada definitiva

No desterro é o primeiro libro de Ramón Cabanillas, un dos escritores máis importantes da literatura galega na transición do século XIX ao XX. Foi publicado en 1913 na Habana, pero a José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) non lle fixo falta ir tan lonxe. Seis anos estivo o actual candidato do PSdeG-PSOE no seu exilio particular, despois de dimitir de todos os seus cargos políticos en 2016.

Seis foron tamén os delitos dos que o acusaron no marco da Operación Pulpo (non pregunten polo nome: en Galicia a alma literata vénnos de serie): suborno, tráfico de influencias, prevaricación, fraude ás administracións públicas, fraude de subvencións e delito continuado de malversación de fondos públicos. Se lles parecen moitos, que saiban que non eran os únicos: un ano antes a mesma xuíza, a defenestrada Pilar de Lara, imputárao por outros catro no Caso Garañón.

Tocado e afundido, pensaron moitos naquela época. Miguel Tellado, agora de moda porque se foi con Feijóo a Madrid, tirou de retranca ao afirmar que os socialistas non dimitían ata que pasaban dos dous díxitos de imputacións; o seu xefe no PP dixo, sen citalo, que había políticos aos que lles custaba moito marchar; e mesmo Errejón chegou a felicitarse porque a dimisión de Besteiro era «unha vitoria colectiva da sociedade». Non obstante, o actual candidato á Xunta polo Partido dos Socialistas de Galicia rexurdiu das súas cinzas. Cabanillas descríbeo moi ben: A noite é fría y-escura / pro ó fin, o amañescer / trainos co sol a quentura! O amencer de Gómez Besteiro despuntou a principios de 2021, cando o Caso Garañón foi arquivado.

Á xuíza De Lara suspendéraa menos dun ano antes o Consello Xeral do Poder Xudicial cunha falta moi grave por «desatención ou atrasos inxustificados na instrución». A última das causas xudiciais contra o político lucense tamén se arquivou, pero a finais de 2022. Un título da nosa literatura xuvenil, esta vez de Mariña Mayoral, resoou no ambiente socialista tras coñecer que Besteiro quedaba libre, aínda que paradoxalmente nunca fose condenado por nada: Tristes armas. E é que todo este viacrucis xudicial iniciouse cun anónimo chegado á sede do PP de Lugo. Nunca se soubo quen foi o autor.

O viacrucis xudicial de Besteiro iniciouse cun anónimo chegado á sede do PP de Lugo. Nunca se soubo quen foi o autor.

Desde ese momento, o seu ascenso foi imparable: nomeado delegado do Goberno en Galicia en marzo de 2023, renunciou a el en xuño do mesmo ano para encabezar a lista ao Congreso do PSOE por Lugo nas eleccións xerais. Tomou posesión da súa acta de deputado en agosto e en outubro anunciou que se presentaría ás primarias do seu partido para que o elixisen candidato á Xunta.

Non fixo falta poñer as urnas: foi o único que reuniu os avais necesarios despois de que o seu principal rival, o exsecretario xeral do PSdeG entre 2017 e 2021, Gonzalo Caballero, renunciase días antes a presentarse para disputarlle o posto. Fíxoo por responsabilidade, dixo, á vista de que a dirección socialista e os seus altos cargos optaban por «outra candidatura», evitando así unha guerra interna como a vivida nas primarias de 2021, nas que perdeu a Secretaría Xeral en favor de Valentín González Formoso.

E é que está fóra de toda dúbida que Gómez Besteiro goza da confianza de Pedro Sánchez, de quen ademais é amigo persoal. A súa amizade remóntase ao 2014, cando o agora presidente do Goberno, naqueles tempos un deputado socialista por Madrid pouco coñecido, percorreu toda España para converterse no sucesor de Alfredo Pérez Rubalcaba na Secretaría Xeral do PSOE. Conseguiuno.

Gómez Besteiro goza da confianza de Pedro Sánchez, de quen ademais é amigo persoal

Naquela época Besteiro levaba sendo concelleiro do Concello de Lugo desde 1999, onde chegou con 32 anos, e en 2007 converteuse no primeiro presidente socialista da Deputación lucense desbancado ao PP, que aínda non conseguiu recuperala. Tamén era secretario xeral dos socialistas galegos desde 2013. En xuño de 2016 chegou a dimisión de Sánchez tras a abstención do seu partido para que Mariano Rajoy formase goberno tras a repetición electoral.

Dixo que collería o coche e volvería visitar cada esquina do país para recuperar o liderado do Partido Socialista. En Lugo xa non o esperaba o seu amigo, polo menos non en ningún cargo político: dimitira poucos meses antes, cando Sánchez xa non puido soster máis a situación. Tentouno ata o final, quizais porque o galego tamén estivera con el nas malas, pero as dez imputacións pesaron máis e deron comezo os Séculos escuros de Besteiro.

Ben, quizais é esaxerado chamalos «séculos», pero a analoxía entre a decadencia da nosa literatura nese período e na vida política do lucense prestábase á metáfora. Por se fose pouco, A gaita galega foi o primeiro libro publicado en galego da idade moderna tras eses séculos e Besteiro foi tamén o primeiro deputado que realizou unha intervención nunha lingua oficial diferente do castelán no Congreso. O recurso literario viña dado, como comprenderán.

Besteiro é avogado, e no exercicio da avogacía refuxiouse mentres estivo imputado, aínda que seguiu asesorando ao partido cun perfil baixo, sen ningún tipo de exposición pública. Foron anos moi duros, non só para el, senón tamén para a súa familia: ten dous fillos. O seu pai era revisor de autobús da liña Lugo-A Fonsagrada e a súa nai, ama de casa.

Besteiro foi o primeiro deputado que realizou unha intervención nunha lingua oficial diferente do castelán no Congreso

Licenciouse en en dereito na Universidade de Santiago de Compostela grazas ás bolsas de Felipe González e antes de ser elixido concelleiro do concello que o viu nacer chegou a fundar o seu propio despacho. Recentemente leu As alumnas, de Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática no 2023, aínda que tamén é fan de Manolo Rivas, Berta Dávila e Manuel Núñez Singala.

A amizade con Sánchez mantense na actualidade: proba diso é que Besteiro foi un dos sete políticos encargados das negociacións cos grupos parlamentarios para ser investido presidente do Goberno en 2023; que entrou na Comisión Federal do partido a proposta do secretario xeral este xaneiro; e que o líder do PSOE lle ofreceu un ministerio, que o lucense rexeitou para ser presidente da Xunta. O 18 de febreiro saberemos se o consegue. De momento, as enquisas din que o BNG volverá quedar por diante do PSdeG-PSOE, pero á vista está que Gómez Besteiro, de remontadas, sabe moito.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail