A Coruña.- O sepia é a cor da desmemoria. Os seres humanos pensamos en cores, e quizá por iso ningún dos recordos que gardamos en fotografías en branco e negro ou viradas aos tons ocres alaranxados e vellotes das fotos dos nosos avós, bisavós e tataravós non poden parecer nunca tan próximos como aqueles que albiscamos a través da paleta coa que observamos o mundo a diario.
O pintor Alfonso Martínez López, o historiador Miguel Paz e a politóloga e xurista Carme Rodríguez puxeron hai anos en marcha unha iniciativa para devolver a cor e o recordo de 19 galegos e galegas represaliadas polo franquismo, mediante unha serie de retratos ao óleo realizados a partir da pouca documentación que existe sobre eles e sobre elas. A maioría son pequenas e vellas fotografías extraídas das hemerotecas, dos álbums familiares e das caixas de recordos que gardan as poucas posesións que deles teñen os seus achegados.
Os retratos que Alfonso Martínez foi pintando entre 2012 e 2014 coas fotos que Paz e Rodríguez lle facilitaron foron cedidos aos descendentes dos homenaxeados. A partir deste sábado e por primeira vez, expóñense todos xuntos no Centro Cultural Maruxa e Coralia de Santiago baixo o patrocinio do Concello da cidade.
Paz e Rodríguez explican que a idea xurdiu por mor dunhas xornadas organizadas en 2012 en Teo (A Coruña) en homenaxe ás vítimas da ditadura, tras un debate sobre a importancia da cor no ámbito da comunicación da actividade memorística. Tratábase, aseguran, de iluminar as vidas de «aqueles homes e mulleres, sindicalistas, socialistas, comunistas, anarquistas e cidadáns libres que de distintas formas quixeron facer fronte á barbarie», cuxo recordo fora terxiversado e manipulado polo discurso falso e gris dos seus verdugos, dos seus descendentes e de quen aínda hoxe prefiren manter ocultas as atrocidades ás que foron sometidos.
En Galicia practicamente non houbo Guerra Civil, pero a represión foi un verdadeiro xenocidio. As vidas e as mortes de quen o sufriu ocorreron hai menos dun século e forman parte da historia contemporánea de España, pero foron tan enterradas en sepia que se corre o risco de que as novas xeracións téñanas por afastadas, alleas e descoñecidas.
Ramona Blanco, Manuela Liste Forján, Manuel Barreiro Rey, Manuel Agrasar Cajaraville, Juan Jesús González Fernández, Josefa Barreiro González, José Gómez Gayoso, Jenaro Fernández Ares, Fernando Barcia Veiras, Faustino Liste Forján, Enriqueta Otero Blanco, Enrique Ares Díaz, Eduardo Liste Forján, Constante Liste Forján, Concha Nogueira Miguel, Concepción Forján Noya, Bernardo Mato Castro, Aurora Liste Forján…
Asasinadas, torturados, encarceradas, perseguidos, violadas, asediados, desaparecidas… As súas vidas e as dos seus truncadas polo fascismo, esquecidas pola escuridade que a tiranía impuxo durante décadas e sobre as que aínda hoxe resulta difícil lanzar un pouco de luz. É dicir de cor, que as recupere e as dignifique.
O pintor e profesor de secundaria Alfonso Martínez lembra que cando lle propuxeron o proxecto empezou a deseñar bosquexos en tinta sobre fotografías en moi mal estado que as familias gardaran durante anos «con medo e mesmo vergoña». «Cando levaba tres ou catro deseños deime conta de que detrás daquelas fotos había unha carga emocional tremenda, historias moi potentes que se merecían algo máis que un debuxo. Había que darlles vida, actualidade, recoñecemento e dignidade».
É dicir, había que darlles luz e cor, reflectindo ao óleo personalidades, humores e sentimentos que el descoñecía a priori, e aos que só podía aproximarse vagamente desde a observación, a imaxinación e o respectuoso recordo das súas vidas que as súas familias gardaban en branco e negro. Tamén serenidade. Que os retratos transmitisen serenidade fronte á barbarie.
Ao militante da CNT Enrique Ares borroulle ao óleo a vestimenta militar fascista que viste na única foto que se conserva del, co que os franquistas o uniformaron tras obrigalo a pasarse ao bando golpista baixo ameaza de morte. Ares tentou sublevar á súa columna, escapouse dúas veces dos seus captadores ata que á segunda matárono fusilándoo no castelo de San Antón da Coruña.
A Fernando Barcia, o mestre fundador da Federación Española de Traballadores do Ensino de UGT e líder da defensa republicana de Santiago morto a tiros nesa cidade, imaxinouno pelirroxo, con tan poucas esperanzas de que en realidade fose que cando Miguel Paz foi a entregarlle o retrato aos seus descendentes, temeu que llo tomasen como unha burla. Aquel día no domicilio familiar, con todo, estaba o seu bisnieto, que tiña o pelo do mesma cor que o pintor ideara.
O proceso estivo infestado de pequenos milagres como ese. Como cando a crítica e experta en arte Mercedes Rozas visitou o taller do pintor para interesarse pola súa obra sen saber que el estaba metido de cheo no proxecto memorístico. Ao final do encontro, o artista decidiu mostrarlle un daqueles cadros de represaliados que aínda non entregara. E a experta quedou pampa: «Hostia puta! Pero se é a leiteira!». Era o retrato de Manuela Liste Forján [irmá de Enrique Líster] a muller que levaba o leite á casa de Rozas cando ela era pequena, e á que a experta lembraba en cor porque lembraba e lembra vela en vida.
Martínez tamén subliña que na tradición pictórica a española, o retrato ten connotacións de recoñecemento. «Retrátase a reis e presidentes, hai ministerios do Goberno que aínda hoxe levan aparellada a elaboración dun retrato cando se nomea ao seu titular». Ser retratado significa que es alguén importante, é dicir que importa. E os represaliados importan.
A exposición As cores da memoria inaugurouse este sábado en Santiago e estará aberta ata mediados do próximo marzo. Os seus organizadores ofrécena a calquera concello e institución que estea interesada en acollela, e subliñan a relevancia de que as administracións públicas apoien iniciativas como estas, que dean luz e cor á historia e contribúan a acabar coa escuridade que pretende a desmemoria.
Os retratos da represión
Ramona Blanco Fernández, compañeira de Fernando Barcia. Tras o asasinato deste en 1936, foi obrigada a presentarse cada 15 días en comisaría ata 1945 e ameazada por negarse a facer o saúdo fascista.
Manuela Liste Forján, leiteira de profesión, estigmatizada por levar un apelido que os represores identificaban coa loita antifascista, foi sometida ao asedio permanente de grupos falanxistas.
Manuel Barreiro Rey, enrolado no buque Cervera de Cartaxena no momento do golpe, resístese á entrega do barco aos sublevados. Fusilado en 1939.
Manuel Agrasar Carajaville, soldado republicano desde 1935. Tras a guerra incorpórase á guerrilla e morre asasinado pola Garda Civil.
Juan Jesús González Fernández, avogado e xornalista, presidente da Agrupación Socialista de Santiago ata 1931 e fundador da Unión Socialista Galega. Detido e executado en novembro de 1936.
Josefa Barreiro González, sindicalista e guerrilleira, de profesión asistenta do fogar. Detida, torturada e asasinada por falanxistas, o seu corpo foi enterrado nunha fosa común.
José Gómez Gayoso, mestre comunista exiliado en Cuba, regresou a Galicia en 1944 para asumir a secretaría xeral do Partido Comunista de Galicia. Detido en 1948 e executado mediante o garrote vil.
Jenaro Fernández Ares, membro das Mocidades Comunistas e das Mocidades Socialistas Unificadas, detido e encarcerado por opoñerse ao golpe de estado.
Fernando Barcia Veiras, mestre e presidente da Agrupación Socialista de Santiago. Organizador da primeira Semana Feminista de Santiago. Tras o golpe de estado refuxiouse en casa da súa irmá. Tras ser descuberto, foi asasinado en 1937.
Faustino Liste Forján, presidente do anarquista Sindicato de Oficios Varios de Teo (Santiago). Executado tras ser detido no asalto a un tren franquista que portaba un cargamento de armas.
Enriqueta Otero Blanco, mestra, feminista, guerrilleira e militante do PCE. Encarcerada e torturada nos cárceres de Franco.
Enrique Ares Díaz, militante da CNT. Capturado polos franquistas e obrigado a integrarse nas tropas golpistas, tenta sublevar á súa columna e é fusilado en 1936 no castelo de San Antón da Coruña.
Eduardo Liste Forján, canteiro de profesión, emigra a Cuba co seu irmán Jesús, coñecido como Enrique Líster. Á súa volta, o estigma do seu apelido obrígalle a fuxir da represión.
Constante Liste Forján, canteiro, activista sindical e alcalde de Teo (A Coruña), desapareceu en 1936. O seu fillo Eduardo segue buscándoo.
Concha Nogueira Miguel, filla de militantes comunistas que decidiron suicidarse a bordo do buque Bou Eva, asediado no porto de Vigo polos franquistas. A súa militancia comunista tamén a levou a sufrir diversas formas de represión.
Concepción Forján Noya, tía dos irmáns Liste Forján, sufriu un simulacro de fusilamento para que desvelase o paradoiro dos seus sobriños. Non os delatou.
Bernardo Mato Castro, mestre, emigrante e activista sindical, foi asasinado dunha malleira a mans de falanxistas.
Aurora Liste Forján, filla menor da familia Liste, leiteira e xornaleira, traballou na organización e financiamento da loita antifranquista.