Isabel Zendal: analfabeta, nai solteira e pioneira da sanidade pública

Non acontece todos os días que unha investigación xornalística consiga abrirlle paso –nos libros e na memoria cidadá– á vida e o labor dunha muller da que, nove anos atrás, os historiadores non coñecían nin sequera os seus apelidos verdadeiros. Isabel Zendal Gómez foi a precursora da primeira campaña de vacinación a nivel mundial para loitar contra a varíola. Así e todo, este país aínda ten un reto pendente: asumir e proclamar que dous piares esenciais da expedición da vacina procedían dos sectores máis desfavorecidos da sociedade.

Isabel Zendal Gómez, natural de Santa Mariña de Parada, Ordes, foi enfermeira da Real Expedición Filantrópica da Vacina (REFV), recoñecida na Historia da Medicina como a primeira campaña transcontinental de Saúde Pública (1803-1812). Ela era a única muller do equipo médico (dez integrantes, entre cirurxiáns, auxiliares e enfermeiros) que, dende A Coruña, levou ata América –do norte de México ao sur de Chile– e Asia –Filipinas, Cantón e Macau– a primeira vacina que coñeceu a humanidade: o antídoto contra a varíola, enfermidade que o historiador Donald R. Hopkins cualifica como «a maior asasina» e «o máis terrible dos ministros da Morte».

Isabel Zendal | Ilustración de Sol Mariño.

«Non imaxino que os anais da historia nos acheguen outro exemplo de filantropía tan nobre e extenso coma este». Con esta valoración, Edward Jenner –o descubridor da primeira vacina– está describindo os nove anos que a REFV dedicou a vacinacións altruístas e universais –sen distinción de sexo, idade, raza, relixión ou posición social–. Foi por este labor fronte á varíola como quedou asentado, dende hai 200 anos, que a mellor inmunización contra as epidemias é a vacinación: infectármonos, estando sans, con doses atenuadas do mesmo mal que queremos combater.

Neste país tense afirmado, con orgullo, que a Real Expedición Filantrópica da Vacina foi, e con éxito, a primeira campaña mundial de sanidade pública. Con orgullo, tense afirmado que a expedición da vacina é a mellor achega deste país á historia da medicina. Estas afirmacións non forman parte de ningún desaforado sentimento ultranacionalista. Enrique Bustamante, médico e historiador mexicano, secretario xeral da Organización Panamericana de Saúde, deixou escrito hai xa 50 anos: «A expedición da vacina permanece inigualada e corresponde aos seus membros a primacía na aplicación científica, a escala mundial, dun novo e marabilloso procedemento preventivo». Así e todo, non é menos certo que este país aínda ten un reto pendente: asumir e proclamar que dous piares esenciais da expedición da vacina procedían dos sectores máis desfavorecidos da sociedade.

A Coruña da época de Isabel Zendal (1842). Debuxo de Enrique Louard e litografía de Bernain (Arquivo Municipal da Coruña).

Isabel Zendal foi unha peza insubstituíble dentro do equipo médico da REFV: era a única experta en tratar cos 21 expósitos –entre 2 e 9 anos– que levaron a vacina da varíola, dende A Coruña ata América. Máis que portadores –de brazo a brazo, cada 10 días–, estes cativos eran vacina viva e activa. Sen nenos, nunca tería existido tal expedición, por moi real que fose a decisión de organizala e financiala.

Destes 21 expósitos e dos nenos que levaron a vacina de Puerto Rico a Venezuela, de Venezuela a Cuba, de Cuba a México, dos que atravesaron Nueva España ata Acapulco e dos que levaron o antídoto contra a varíola ata Asia, coidou «infatigable noite e día, ata perder enteiramente a saúde» Isabel Zendal Gómez. A filla duns labradores tan pobres que non tiñan nin un ferrado de terra de seu na que ser enterrados, analfabeta (con 40 anos seguía sen saber firmar), nai solteira e, como reitora da coruñesa Casa de Expósitos, unha asalariada de condición humilde: 150 reais ao mes cobraba o capelán do Hospital da Caridade –do que formaba parte a «Inclusa»–, 120 cobraba o encargado de compras, 100 a lavandeira, 80 o carrexador da auga e 50 reais ao mes –máis unha libra diaria de pan– cobraba Isabel. Andando o tempo, á reitora fóronlle complementando a retribución con media libra diaria de pan para o fillo, con outra media libra diaria de carne e con 18 reais mensuais por traballos de costureira: facer sabas e camisiñas e compoñer a roupa de uso (dun lado, remendar; doutro, amañar para os pequenos a roupa que desbotaban os grandes).

Ubicación do Hospital da Caridade antes da demolición (1958), para liberar espazo para a actual urbanización de Zalaeta.

Unha familia de pobres
Á hora de tentar entender a personalidade da futura reitora-enfermeira, non ha de parecer moito desatino asociar a habilidade de Isabel para pillar polo aire as oportunidades laborais e mesmo a previsión de buscar o amparo na vellez dun fillo extramatrimonial coa súa determinación de nunca máis revivir as desgrazas dunha familia «case que pobre de solemnidade» que viviu na aldea natal.
As partidas de defunción de Ignacia Gómez e de Jacobo Zendal acreditan que a nai e o pai da futura enfermeira da REFV foron dous dos moi contados fregueses enterrados en sepulturas propiedade da parroquia. Nos 30 anos que van de outubro de 1773 a decembro de 1803, o libro parroquial de defuncións de Santa Mariña rexistra a morte de 131 veciños adultos. Deste total de falecidos, a nai e o pai de Isabel figuran entre os 14 pobres («quasi de solemnidad») que tiveron que ser enterrados de caridade.

«Por non ter de que», os veciños pobres «non fan disposición civil» (testamento de bens); «por non ter con que», tampouco fan «disposición litúrxica» (categoría do sepulcro, número de cregos contratados para as exequias, importe e destinatario celestial das misas encargadas polo sufraxio da alma). Traducido a feitos: os pobres serán enterrados en sepulturas propiedade da parroquia e os cregos oficiarán os seus funerais sen cobrar, pero –por carecer de recursos– nunca poderán deixar pagada nin unha triste misa encomendando as súas almas ao santo predilecto ou á santa favorita.
O estudo das 131 partidas de defunción reflicte que non hai gran diferenza entre o custo dos sepulcros –daquela, os enterramentos eran baixo o lousado da igrexa; en tumbas verticais, do mesmo tamaño; o prezo dependía da proximidade ao altar e ao eixo central do edificio–. O abismo entre a maioría das familias e as que non tiñan nin unha baldosa de terra propia, estaba nos padriños e nas madriñas que os defuntos puidesen contratar como guías para a viaxe ao alén. Nestes tempos en que a relixión mandaba na vida real e na vida post-morten, o desacougo e o insomnio de Ignacia Gómez e de Jacobo Zendal viñan de que, por non ter un real, as súas almas estarían vagando cara ao alén ás apalpadas, sen unha santa man que as orientase e acompañase.

Fotograma do filme ’22 ángeles’ (2016), baseado en Isabel Zendal e a expedición Balmis, dirixida por Miguel Bardem e protagonizado por María Castro.

María da Raña (consogra de Ignacia e Jacobo, por ser a nai de Domingo Vázquez, o home de Bernarda Zendal Gómez) deixou pagadas –con 28 reais– «sete misas rezadas». Fructuosa do Barreiro (viúva de Antonio Zendal) mandou «celebrar –destinou 34 reais– once misas de ánimas». Numerosa compañía de guías levaba Caetano Maza, o párroco de Santa Mariña: deixou mandadas dúas misas de ánima –de 4 reais– no altar privilexiado da parroquia, e nove misas rezadas: a San Ramón, Santo Antonio, San Roque, ao Anxo da Garda, ao glorioso San Pedro, ao santo do seu nome e ao do día no que a Divina Maxestade fose servida chamalo a xuízo, –cada unha, de 4 reais–; unha misa rezada á patroa Santa Mariña e outra a Nosa Señora do Rosario –cada unha, de 4 reais e 3 ferrados de centeo–.

Esta práctica piadosa non era unha leira que se arase, exclusivamente, no rural. Na Coruña, a elite urbana tamén procuraba unha feliz travesía cara ao alén: Antonio Vicente Posse Roybanes –médico municipal e vangarda da vacinación en Galicia, xa en 1801– dispuxo, a beneficio da súa alma, trinta misas rezadas. E o integrante de máis sona da expedición da vacina, o seu director, Francisco Xavier de Balmis, manda – novembro de 1818– «que se digan pola miña alma 200 misas rezadas, cada unha de seis reais».

Analfabeta entre analfabetos
Polo traballo feito, Isabel ben entra na categoría de muller extraordinaria. Así e todo, tamén foi unha señora moi do común, tan do común como o 97% das mulleres que, segundo o censo de poboación de 1797, eran iletradas (no caso dos homes, o 82% tampouco pasara pola escola).
Cando fala de recoller os nenos que se precisarían para levar a vacina de varíola ata América, unha real orde de Carlos IV precisaba que «serán mantidos e educados nas Indias e colocados oportunamente consonte á súa clase e aptitude». Esta real promesa de 1803 non comezou a ser realidade ata 1806, cando principiaron as adopcións dos nenos da vacina por parte de familias mexicanas. Familias que non recibiron ningunha axuda económica institucional ata 1809, cando a Junta Suprema de España e Yndias (o poder efectivo da nación, por ter renunciado Carlos IV e Fernando VII á Coroa en beneficio de Napoleón) asigna tres reais diarios para a crianza e educación dos rapaces da vacina.

A documentación facilitada polo doutor José Tuells (responsable da Cátedra Balmis de Vacinoloxía da Universidade de Alacant) permitiu saber que, á altura de 1811, Isabel aínda estaba xestionando o cobro dos atrasos que lle correspondían polo seu fillo Benito –un dos 21 expedicionarios iniciais–. Son tres escritos nos que Isabel Zendal pide que lle transfiran a Puebla de los Ángeles –cidade mexicana na que quedara a vivir– a paga para a mantenza, vestiario e formación de Benito («ata que atope a colocación ou o destino ao que a súa inclinación o chame», precisaba a orde da Junta Suprema). O motivo de solicitar estas transferencias era «por estaren os camiños inzados de bandidos e non ter de man unha persoa que poida cobrala na capital». Son solicitudes que a enfermeira redacta –así parece– no seu nome propio: «Ysavel Sendal y Gomez, originaria de la ciudad de Coruña, hace presente hallarse en Puebla, con motivo de haver venido de Rectora de los niños que trajeron en la expedición de la Bacuna y que siendo su hijo uno de ellos y tener asignados por S.M. tres reales diarios…». Malia esta aparencia de ser un escrito en primeira persoa, na derradeira liña da solicitude pódese ler: «Por no saber firmar, á su tiempo lo hace José María Texada». É dicir, nesas alturas de decembro de 1811, Isabel, xa con 40 anos, non sabía firmar co seu nome.

Puebla de los Ángeles, a cidade mexicana na que quedou a vivir a enfermeira da expedición da vacina.

Non son tantas as profesións nas que «tomar medidas» sexa parte da esencia mesma do traballo diario. A de costureira é unha destas ocupacións nas que tomar medidas é condición ineludible previa a calquera faena. Pilar Piñeiro desvela como as costureiras analfabetas –na década de 1920 e na moi desenvolvida bisbarra do Rosal, o 25% das mulleres eran iletradas– resolvían a –presunta– discordancia entre non saber ler nin escribir e ter que andar tomando medidas constantemente. Cóntao na biografía de Nemesio, a voz da pedra e da auga (Colección Memoria Viva; Concello do Rosal, 2021): «Andando o tempo Lorenzo casou con Carmen Álvarez Rodríguez, que era a miña avoa e que era modista. Aquela miña avoa traballaba no Calvario, no Rosal. Alí estaba un xastre da Guarda, que lle dicían Serafín, e unha muller viúva, de Novás, que viñera de Jerez de la Frontera. Non tiña familia e nesa casa do Calvario abriu un obradoiro de costura. Alí a miña avoa, co xastre, aprendeu a facer sotanas para os curas e roupas, con bordados e iso, para as mulleres. Ela non sabía ler nin escribir e tomaba as medidas cun cordel e logo dáballe un nó para marcar».

As nais solteiras
Con data 31 de xullo de 1796, no libro de bautismos (1788-1798) da coruñesa parroquia de San Nicolás, consta que foi bautizado «un neno que naceu ás tres da mañá, fillo natural de Isabel Celdam [sic], solteira, natural de Santa Mariña de Parada e veciña desta parroquia». Os arquivos de Galicia non recollen ningunha pegada que conduza ata a causa e/ou as circunstancias que deron lugar á maternidade extramatrimonial de Isabel. Con todo, esta busca legou unha documentación que, pola súa abundancia e calidade, permite constatar os variados recursos cos que a sociedade galega absorbía e integraba os «fillos da silveira».

Para desprendérense no anonimato das criaturas paralexítimas, funcionaban os orfanatos. A pleno rendemento: na década 1793-1803, a Casa de Expósitos da Coruña –15.000 habitantes– acollía dúas criaturas cada semana; en Santiago, o Orfanato do Grande Hospital dos Reis Católicos (recibía criaturas de toda Galicia), cunha media anual de 815 entradas, superaba os dous ingresos diarios.
Para gardar a honra das familias (evitando, ao tempo, arriscados abortos), na Coruña, dentro do Hospital da Caridade, estaba operativo o Cuarto de Partos Secretos: as embarazadas apartábanse da vida pública por dous ou tres meses e, tras deixar a criatura na anexa Casa de Expósitos, reaparecían ante a comunidade coa cintura moi restablecida.

Para escapar de calquera sombra de discriminación social, as futuras nais solteiras podían espontanearse, unha variante de confesión civil –con penitencia e absolución, incluídas– ante a autoridade administrativa. Estas espontanías, habituais en Galicia, eran un amparo xurídico escasamente practicado noutros territorios do estado. Á vista deste procedemento legal, é lexítimo deducir que, entre honra e supervivencia da especie, a sociedade galega escollía practicar unha certa tolerancia coas nais solteiras.

Dende 1975, o Premio Nacional de Enfermería, que concede o goberno mexicano ao mellor labor anual neste eido sanitario, leva o nome de Isabel Zendal.

As «espontaneadas» confesaban o mal paso dado, as circunstancias e (de serlles factible) o nome do pai da futura criatura:

«Sirviendo de criada en la casa del licenciado don Juan de Pazos, con alagos y promesas, me solicitó trato ilicito, lo que consiguió».

«Siempre me he mantenido en el estado de soltera, honesta y recogida, sin causar la menor nota ni escandalo hasta que con motivo de ir y venir á esta ciudad á vender varias cosas, dio en tratarme una persona privilegiada, que por su estado no puede proferir, y movida de la fragilidad humana, pudo conseguir que conmigo tuviese trato ilicito y copula carnal».

«Joseph Pardo dio en tratarme con palabra de casamiento, bajo la que se han leido las proclamas, y me solicitó a trato ilicito y copula carnal, que ha conseguido, de que resultó hallarme encinta ha cinco meses, retrayendose ahora el sobredicho del cumplimiento de dicha palabra».

«La han criado sus padres con la mayor educacion y christiandad, pero tuvo la desgraciada suerte, hai algun tiempo, de que un hombre desconocido, a quien jamas habia visto ni tratado, la hubiese cogido y valiendose de su poca fuerza y menos resistencia, la forzó consiguiendo tener copula carnal con ella, de cuio acto quedó y se halla embarazada y que ha sido un lance que no ha podido evitar».

Á par destas confesións, as «espontaneadas» comprometíanse a continuar co embarazo e a «vivir sen trato, nin público nin secreto, coa persoa causante do embarazo nin con outra algunha que motive sospeita». Como garante destes compromisos, presentaban un fiador –o pai, normalmente– e aceptaban vivir apartadas na casa do avalista, «sen saír a parte ningunha sen o seu expreso consentimento». Pola súa banda, o fiador garantía, «coa súa persoa e cos seus bens, mobles e raíces, presentes e futuros», o cumprimento das obrigas da «espontaneada». En contrapartida, a futura nai solteira obtiña a «Espontanía», o salvoconduto que lle aseguraba non ser molestada por «ningún ministro, mordomo, vasalo nin outra algunha persoa, baixo pena de 220 reais».

Isabel nin expuxo clandestinamente no torno dun orfanato a Benito, nin abandonou o fillo no Cuarto de Partos Secretos e tampouco buscou o socorro dunha espontanía. Apostou por gañar o pan e o sal da vida en compañía do seu fillo, aínda que non puidese darlle –de entrada– o apelido do pai. Con total consciencia: cando Benito aparece na súa vida é unha muller de 25 anos, xa ben asentada na idade adulta.

Sendo evidente que Isabel viviu e traballou sen agachar a súa condición de nai solteira –nin cando foi escollida reitora de expósitos nin cando foi contratada como enfermeira dunha expedición real–, non é menos certo que esta postura tampouco implicaba un frontal desafío á sociedade: naquela Galicia estaba asumido que, para mulleres que non casaran e que non podían esperar amparo ningún por parte da familia, ter unha filla ou un fillo extramatrimonial era a súa única garantía de poder contar cun refuxio de certo abrigo para os anos da vellez. Con esta filosofía posibilista, a sociedade tiña as mans libres para desentenderse do coidado de mulleres anciás e soas, xa que a descendencia paralexítima pasaba a ser a seguridade social e a pensión de xubilación daqueles tempos. Esta estratexia de supervivencia non era moi diferente á das mellores familias, onde era de lei que unha das fillas permanecese solteira –e na casa– para atender os proxenitores no ocaso das súas vidas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail