Abanca segue sumando beneficios entre protestas polo peche de oficinas, a atención aos maiores e a discriminación das mulleres

A entidade xurdida das antigas caixas rescatadas con diñeiro público gañou en sete anos máis de 2.300 millóns de euros, máis do dobre do que Escotet pagou por ela no 2014

A Coruña.- A maior entidade bancaria de Galcia, xurdida da privatización das caixas de aforro galegas durante a crise financeira, segue dando beneficios millonarios ao seu novo propietario entre protestas polo peche de oficinas, polo deixamento na atención aos clientes de maior idade e pola desigualdade no trato ás súas traballadoras, que denuncian unha enorme desigualdade salarial e de oportunidades.

Abanca é propiedade do banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet, que no 2014 adquiriu ao Estado español a entidade resultante da errada fusión de Caixa Galicia e Caixanova, unha operación impulsada polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo que acabou custando máis de 8.000 millóns de euros en inxeccións de capital e avais de diñeiro público.

Escotet pagou 1.003 millóns polas caixas xa reflotadas, saneadas e convertidas en banco, pero non tivo que poñer nin un euro porque a adquisición estaba suxeita aos beneficios futuros, e estes chegaron de inmediato: 330 millóns despois de impostos no 2015; 334 millóns no 2016; 367 no 2017; 430 no 2018… Así ata sumar 2.346 millóns en sete anos, incluídos os 323 do exercicio do 2021.

Desde a fusión das caixas, e a pesar de ser o maior banco de Galicia con preto do 40% do mercado de depósitos, Abanca destruíu preto de 2.000 empregos e pechou centenares de oficinas. O proceso acelerouse nos últimos anos. Só entre novembro do 2020 e novembro do 2021 pecharon cincuenta das 487 delegacions que quedaban.

Manifestación polo peche da oficina de Abanca en Mesón do Vento, o pasado 9 de xullo / Foto: CIG

Os peches afectan sobre todo os barrios desfavorecidos das cidades e ás pequenas localidades do interior, onde a Xunta incentivou a exclusión financeira subvencionando a substitución de sucursais por caixeiros automáticos. A pesar dos seus millonarios beneficios, Escotet pediu esas axudas e levou 3 millóns do orzamento do Goberno galego.

A líder da oposición, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, participou o pasado luns nunha protesta na sede de Abanca na Coruña para denunciar que a connvivencia da Xunta co peche de oficinas prima «a usura» sobre «os dereitos da cidadanía», e advertiu de que as consecuencias afectan sobre todo os clientes de maior idade que non están habituados ás novas tecnoloxías, non teñen ordenador, Internet ou teléfonos móbiles intelixentes, ou sinxelamente non queren manexar os seus aforros con eles.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, tamén se referiu á exclusión financeira e alertou de que profunda o baleirado da Galicia interior. Pola súa banda, o portavoz do PP, Pedro Puy, atribuíu os peches á «transformación do sector» bancario, e asegurou que as subvencións da Xunta pretenden «matizar» os «criterios de rendibilidade» que levan a Abanca pechar sucursais.

Escotet defendeuse subliñando a súa «vocación de servizo e compromiso» coas persoas maiores -Abanca ten preto de 560.000 clientes que superan os 65 anos-, e anunciou que estenderá, só para eles, o horario de atención en caixa ata as dúas da tarde, o que ata agora só sucedía o día de cobro das pensións. Tamén asegurou non pechará máis oficinas, aínda que só nos municipios nos que Abanca sexa a única entidade con sucursal.

Escotet (centro) e Feijóo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

O mesmo dia da protesta contra os peches, delegados e delegadas da Confederación Intersindical Galega (CIG) concentráronse diante outra sede do banco para denunciar a discriminación laboral e os problemas de conciliación que aseguran padecen as súas traballadoras. Segundo Paula Mosquera, delegada do sindicato, o plan de igualdade que acaba de ser aprobado perpetúa unha desigualdade «crónica» e agudiza «a discriminación salarial e profesional» das mulleres.

Abanca responde que «en termos de brecha salarial» está por baixo da legalmente establecida, e que o Plan de Igualdade, que a CIG non asinou, si foi subscrito por outros catro sindicatos que suman «máis do 90%» da representación legal dos traballadores.

O certo é que o organigrama da entidade reflicte desigualdades evidentes. No consello de administracion de Abanca hai oito homes e cinco mulleres, e nas súas comisións delegadas a maioría masculina é abafadora: seis a cero na comisión de créditos, catro a dous na de auditoría; catro a cero na de nomeamentos; tres a unha na de remuneracións; catro a dous na de riscos… Máis aínda: entre os quince altos directivos do primeiro nivel de mando do banco só hai unha muller, a directora de recursos humanos.

«O noso teito de cristal está na subdirección de sucursais», explica Paula Mosquera. «Segundo os datos da CIG, neses postos hai un 65% de mulleres, pero a medida que vas subindo banzos na organización, a porcentaxe redúcese: dos directores de sucursal só un 30% son mulleres, e dos directores de zona, só un 13%. No segundo nivel de mando do banco, de setenta altos cargos só dez están ocupados por mulleres», sinala.

Manifestación na Coruña contra a discriminación das traballadoras de Abanca / Foto: CIG

Mosquera asegura que o plan de igualdade non contén medidas concretas para paliar esa discriminación, nin tampouco a brecha salarial. «A dirección asegura que está no 24%, é dicir xusto baixo o listón do 25% que obrigaría legalmente ao banco a xustificar a existencia desa diferenza. Pero os nosos datos indican que a fenda ascende a máis do 50% cando se trata dos conceptos retributivos variables», engade.

En canto á conciliación, Abanca asegura que o plan pretende garantila, pero Mosquera afirma que solicitar flexibilidade horaria, adaptación de xornada ou calquera medida relacionada coa conciliación supón para as traballadoras un risco certo de quedar sinaladas: «Póñenche un xe e a túa carreira profesional queda frustrada». Ela di que fala por experiencia: «Estiven dezaseis anos como subdirectora de sucursal, e cando me postulei para unha promoción interna, o primeiro que me preguntaron era como ía poder asumir unha tarefa de maior responsabilidade coas medidas de conciliación que pedira para poder coidar dos meus fillos. Non me deron o posto, claro».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail