Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Coñecín a alguén sen Twitter. Fomos amigos pero algo nos distanciou. Aseguraba que prefería ler os xornais durante o café, nas mañás seguintes. Ou esperar a que un camareiro o informase das novidades cun dedo dentro dun donut. Morreu hai poucas semanas, de cancro. Moito antes, os amigos xa lle diciamos que o notabamos un pouco pálido. E completamente desactualizado. Durante as conversas, nós non deixabamos de arrastrar o pulgar para refrescar o timeline, debatiamos sobre todas as últimas horas. El desconectaba porque prefería enterarse das cousas como antes. Nada se pode facer contra un xornalista de cincuenta e tantos que venera o Caso Watergate.
Cando se saturaba, retábanos a lembrar episodios da historia máis ou menos recente. Lembro aquel: «Pero ningún de vós recorda o día que Fraga lle deu plantón a Sáenz Cosculluela. Foi no 90, o ministro socialista viña inaugurar 20 quilómetros de autoestrada entre Santiago e Padrón. O xefe de gabinete advertiu que chegaba tarde. Fraga, xa sabedes como era, decidiu volver ao seu despacho e pediu ás autoridades presentes que felicitaran o ministro no seu nome. Que momento. Que se diría hoxe en Twitter sobre isto?». «Nada, Miguel. Menuda merda de historia». Era xornalista e morreu sen poder comprender que hoxe, a nivel informativo, nada pode competir contra un chío de Puigdemont enviado dende Waterloo.
«As redes sociais son as novas foxas sépticas. O final do xornalismo serio», díxome un día
A sobrecarga informativa é unha debilidade. Porque, mal dixerida, xera confusión e votantes lobotomizados. De sentirse sobreinformado a notarse abducido hai un paso. Seguramente, por mor dese esgotamento facemos da familia de Diana Quer culpable ou cremos que un can morde a unha señora porque é catalán. «Un perro catalán salta y muerde una pierna de una señora de 45 años», titulaba exactamente Las Voces del Pueblo. Miguel, aquel amigo, non soportaba todo isto e moito menos que boa parte dos medios participasen da perversión. «Antes todo era menos evidente». Tan clásico.
O outro día pensei: menos mal que Miguel está morto. Lin nun suplemento unha reportaxe sobre os «tierraplanistas» (en galego e literalmente «os da Terra Chá», supoño). Dende 2014, difunden na rede a idea de que a terra non é esférica; fano a través de videos con centos de miles de reproduccións, grupos de Facebook, memes e youtubers con millares de subscritores. Personaxes famosos súmanse a esa vella teoría. A confusión está espallada e vai contaxiando. A postverdade é medieval e sacrifica a Galileo. «Isto é peor que o que contades sobre o Twitter de Gabriel Rufián», diría Miguel. Non o soportaría.
Traballou en xornais agardando teletipos sen perder a calma; saboreando a estrea dunha portada non descuberta. Era raro. Case nunca o chamabamos para quedar, non levaba o ritmo da nosa sobreinformación nin sabía xogar a descubrir fakes. Ademais, era xornalista pero a actualidade conseguiu fartalo. Aborrecíaa. Non quería saber nada nin da Gürtel nin do independentismo catalán; moito menos de Tabarnia e Operación Triunfo. Abonouse a Netflix e morreu.
«As redes sociais son as novas foxas sépticas. O final do xornalismo serio», díxome un día na ventá do meu salón. Dende a miña ventá contémplase un barrio. Máis alá da vía do tren, unha central de procesado porcino e, despois do Louro, que é un río contaminado, unha parroquia na que os cativos xogan nun parque dedicado a un producto químico. Parque do Lindano. Non é un fake. Recoñezo que non abro moito esa ventá. Só algunha vez para tirar algunha faragulla. Ou no verán, cando noto que o vento trae de rebote algunha orquestra. «Ti sabes que é a postverdade, Miguel?». «Claro, teño cancro», díxome. Algo actualizado si que estaba. Unha vez abriu un perfil nas redes sociais para buscar traballo; un Linkedin para combatir o paro. Pero tampouco.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán