Decrecer é liberar

A cifra non para de bater récords. No World Inequiality Report 2026 explicábase que o 10% da poboación planetaria concentra o 75% da riqueza. O que vén sendo que o 0,001% máis rico (menos de 60.000 persoas) controla máis riqueza que a metade máis pobre do mundo (4.000.000.000 persoas). No reino de España, o 10% de españois máis ricos controla preto dun 57 % da riqueza total do país. E só co 1% máis rico xa estariamos preto do 24% da riqueza nacional, tendo a metade máis pobre arredor do 7% da riqueza total. Asemade, nos dez primeiros días de xaneiro, os ultrarricos a escala planetaria xa esgotaron a súa parte de límite ecolóxico. Isto pon en evidencia que o decrecemento redistributivo non só é unha estratexia de clase solvente, senón mesmo unha cuestión urxente de supervivencia.

Porén, temos tan metido na mente un paradigma no que o crecemento é algo axiomático que non somos quen de organizar a resposta que agoira o devir ecofascista do planeta, acelerado co ascenso de Trump ao poder. A razón para isto é que non é doado mudar o «hardware ideolóxico» cando, día sí e día tamén, afrontamos os acontecementos sen alterar o noso aparato categorial.

O erro é sinxelo, aínda que moi eficaz para o 1%. En termos comunicativos, reside nunha determinada lectura do principio de individuación que prefigura a propia lectura da realidade: cando se fala de decrecer, todo o mundo entende que se lle pide contribuír por igual ao decrecemento. Aí é onde a xente máis precaria, pero non menos individualista, se fai moito máis remisa a escoitar. Ao cabo, entrampados na precariedade, o custo de decrecer é mesmo inasumíbel.

Desde un punto de vista político, isto está a causar estragos nas democracias liberais, a comezar polos EE.UU., onde o culto a un individualismo concreto, o neoliberal, conta con moitos anos xa de implementación. A carencia nas democracias liberais doutro principio de individuación que o chamado «individualismo posuisivo» pertence, de feito, ao núcleo duro da nosa gramática política, polo que alterar a idea de que individualmente somos responsábeis da totalidade do sistema é prácticamente imposíbel sen mudar a lóxica subxacente.

E, con todo, urxe mudar de gramática política. Para isto cómpre remontar xenealoxicamente ata o momento en que se formou, no Reino Unido dos séculos XVI e XVII, esa mesma gramática. Foi daquela que, sobre a axiomática de Thomas Hobbes que buscaba resolver o fornecemento soberano dun único poder estatal, John Locke rematou a xogada formulando a gramática política liberal. Moito despois, en 1962, C.B. Macpherson diseccionou esa evolución nunha obra fundamental: Teoría política do individualismo posuisivo. Nese traballo pioneiro, escrito antes do ascenso do neoliberalismo ao longo da década dos setenta, advertíase xa dos riscos que supoñía unha gramática política que partise do individuo posuidor como elemento mínimo do poder político.

Contrariamente ao que predican os seus partidarios, a falsidade deste axioma non é empíricamente contrastábel e así o demostran os casos dos feral children, nenos ferinos ou salvaxes, como o célebre Victor d’Aveyron da película de Truffaut. Non hai nada de natural nun individuo así. De feito, no seu momento había outras concepcións dispoñíbeis entre as cales destaca a de Johannes Althusius.

Segundo Althusius, o método resolutivo-compositivo (dividir ata a unidade mínima para reconstruír a continuación as relacións entre unidades) non era aplicábel ao individuo, senón ao simbionte. Que mellor proba do lonxe que estamos dunha gramática política útil á conxuntura que o estraño que se nos fai escoitar este concepto? O simbionte, de feito, parte da relación entre o humano e a súa nai; a simbiose constitutiva dun individuo, sempre inacabado, incompleto, necesitado da sociedade.

Cando hoxe pensamos desde aí, o mundo empeza a ser mellor. Ao adoptar unha reconstrución gramatical que medra fractalmente na complementariedade necesaria, resolve unha constitución moi distinta da sociedade. Da primeira simbiose pásase á familia; desta, ao concello; e deste, ao Estado primeiro, e á federación despois. Poderiamos mesmo falar dunha orde internacional completamente diferente.

Nestes tempos escuros nos que o fascismo substitúe o neoliberalismo, Europa debería botar a vista atrás e retomar este fío alternativo. Hai unha gramática política continental europea coa que se pode empezar a construír un discurso radicalmente diferente, respectuoso co outro e consciente de que a política sempre é, como mínimo, unha interdependencia de dous individuos. Non existe, como argumentara Michael Sandel, un «eu-desvencellado» (unencumbered self) no que fundar a liberdade negativa dos modernos da que falaba Benjamin Constant.

Hora é, pois, de retomar o noso propio herdo europeo e mirar de asentar nas mentes unha gramática política compatíbel con decrecer; unha gramática que tome en consideración ao outro como parte do que somos e constrúa desde aí unha unidade moito más forte, equilibrada e xusta. Tal é o principio federal que hoxe resiste á monarquía de Trump e tal é o federalismo que chama ás portas de Europa nun momento de extraordinaria crise e febleza por ter cedido á tentación neoliberal de definirse, por riba de todo, como individuo propietario.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail