Franco e a lexislatura imposíbel

O 23 de xullo de 2023 tiveron lugar as eleccións xerais. Sánchez adiantaba a convocatoria nun hábil xesto táctico que imposibilitaba ao PP desputar o voto moderado namentres se vía no imperativo de pactar gobernos locais e autonómicos con Vox. O resultado foi unha vitoria que vai camiño de ser aínda máis pírrica do esperado. Certo é que os números revalidaban o bloque parlamentar plurinacional, democrático e social, mais tampouco é menos certo que a alteración das correlacións de forzas dentro do propio bloque parlamentar mudou substancialmente as opcións políticas dun renovado executivo de coalición con menos peso de Sumar (de feito, malia o argumentario dos de Díaz, o triunfo foi posíbel grazas a que o PSOE e outros compensaron as perdas do socio de goberno).

Ano e medio despois, semella que non hai xeito de tirar para adiante coa actividade parlamentar, boicoteada á dereita por Junts e PNV e á esquerda por un Podemos que saíu de Sumar ao non lograr ministerio. Isto tampouco lle vai mal de todo ao PSOE, que confía en poder soster a estratexia de restauración coa que Sánchez chegou ao goberno e que o sostén nel desde a moción de censura de 2018. Ao cabo, logo dun decenio de mobilizacións nas rúas (15M, mareas, procés, etc.) e dunha crise do sistema de partidos que mesmo chegou a liquidar o bipartidismo (o 28-A de 2019, PSOE e PP sumaban 45,36% e o 23-X de 2023 recuperaron ata o 64,73%; lonxe aínda, porén, do 83,81% de 2008 e outros datos anteriores), Sánchez conseguiu surfear á súa prol a contraonda reaccionaria en curso.

A estratexia restauradora demostrouse un éxito, aínda que limitado: recuperouse a Generalitat a conta da implosión do procés, mais os resultados en Euskadi e Galiza non lle restituíron o rol bipartidista de antano. Máis aínda, na vontade por restaurar o sistema de partidos do 78, aconteceu que sacou na Galiza os seus peores resultados históricos e decidiu dar a Lehendakaritza ao PNV. A relevancia destes indicadores, tantas veces esquecidos, é que evidencia o límite precisamente do retorno aos consensos do 78. Non é difícil sospeitar que lonxe de estar incómodo coas dificuldades lexislativas, o PSOE se atope máis ben nunha posición confortábel: conferir peso ás dereitas nacionalistas garántelle non ter que negociar políticas á esquerda.

Perante esta situación de interinaxe permanente, o goberno de Sánchez voltou recuperar a Franco máis unha vez, como xa fixera coa exhumación do ditador. A xogada de «celebrar» a morte de Franco non é políticamente neutral, nin procura actualizar e estender os consensos constitucionais do 78. Pola contra, habita este consenso na procura da súa restauración pola inercia do propio funcionamento institucional e os deméritos alleos. Lonxe de responder a unha política de memoria (a día de hoxe aínda tan deficitaria), apuntar á morte de Franco permite desprazar o epicentro político ao terreo simbólico. Esta centralidade que propugna o PSOE sabe das limitacións das alternativas ao réxime do 78, mais tamén das súas propias políticas determinantes dos apoios electorais (vivenda, custo dos subministros, aumento e descontrol dos prezos, etc.). Antes de se cuestionar a súa viabilidade, confía en gañar un centro esmorecente na guerra cultural europea e global que polariza as dereitas escindíndoas entre dúas faccións: conservadores neoliberais e ultradereitas necroliberais.

Non é casual neste contexto a resurrección dos ditadores como emblemas dun novo período. Mussolini en Italia, Hitler na Alemaña e agora Franco aquí. A implosión do neoliberalismo abriu as portas ao cuestionamento do que antano era presentado como axioma: a indisolúbel alianza entre democracia e mercado.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail