O BNG denuncia que Feijóo beneficiou empresas afíns coas obras do hospital de Vigo

A Coruña.- A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou este luns o presidente do Partido Popular e expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de favorecer un sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para beneficiar varias empresas vinculadas a cargos do PP.

Entre elas, Pontón cita a compañía Puentes e Calzadas, da que é accionista o exconselleiro Tomás Pérez Vidal e da que foi directivo o tamén exconselleiro popular da Xunta e exalcalde de Santiago Agustín Fernández de Rojas; unha sociedade do alcalde de Sanxenxo (Pontevedra), Telmo Martín; a Bankia, cando a entidade estaba presidida polo exministro de Economía de Aznar Rodrigo Rato e que financiou á unión temporal de empresas á que se encargou a obra principal do hospital, e a Pricewaterhouse Coopers, a consultora cuxos informes xustificaron varias adxudicacións e un de cuxos xestores era entón o tamén exministro de Economía do PP Luis de Guindos.

O hospital público Álvaro Cunqueiro foi proxectado polo Goberno bipartito do PSdeG e o BNG, pero tras a súa chegada á Xunta en 2009, Feijóo decidiu recorrer a unha fórmula de cooperación público-privada que abriu a porta ao negocio de varias empresas, mediante concesións, privatizacións e pagos aprazados. Segundo un informe do Consello de Contas de Galicia –o organismo encargado de fiscalizar a contabilidade da Administración autonómica e as súas entidades dependentes–, a nova fórmula provocou un sobrecusto de case o 40%, con 470 millóns de euros máis do que se gastaría se se mantese o proxecto público ideado polo bipartito.

Banco de probas das privatizacións

«[Os galegos e galegas] pagamos 470 millóns de euros máis simplemente porque Feijó quixo favorecer grandes construtoras con claros vínculos co PP, e quixo converter o hospital de Vigo no seu banco de probas para a privatización da sanidade pública desde o minuto cero do Goberno de Feijóo como presidente» da Xunta, dixo Pontón en Vigo, onde presentou as conclusións que extrae o BNG da comisión parlamentaria de investigación sobre o sobrecusto do Álvaro Cunqueiro e os «chanchullos» na contratación pública da Xunta.

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo / Foto: Servizo Galego de Saúde

A líder nacionalista advertiu de que o obxectivo do PP nunca foi ofrecerlle a Vigo a mellor sanidade pública posible, senón promover «que a sanidade privada siga facendo negocio coa saúde dos vigueses e das viguesas» e «facilitarlle o negocio» a empresas vinculadas ao PP. «Así de duro para todas as persoas usuarias da área sanitaria de Vigo, pero tamén así de claro e así de realista», sintetizou Pontón, segundo a nota de prensa que o seu partido enviou aos medios.

O BNG lembra que, pese ao sobrecusto final, o proxecto do PP reduciu nun 25% a superficie prevista do hospital, que se suprimiron equipamentos tan importantes como os pavillóns de investigación, docencia e hotel de pacientes, e que os recortes no número de camas –das 1.465 previstas en plan funcional inicial a 845–, quirófanos –de 35 a 24– e salas de radioloxía –de 62 a 32–, foron decididas pola empresa Efficientia Clinical, contratada pola Consellería de Sanidade da Xunta e financiada pola propia concesionaria, para redactar o proxecto definitivo «de acordo cos seus intereses».

«Enormes irregularidades»

Ana Pontón subliñou que na comisión de investigación quedou acreditado que a concesionaria carecía de «solvencia financeira» e que, no canto de esixir garantías para un investimento millonario, o Goberno do PP buscoulle financiamento xestionando un crédito do Banco Europeo de Investimentos no que a Xunta, e non a concesionaria, asumiu todo o risco.

Ana Pontón: «Pagamos 470 millóns de euros máis simplemente porque Feijóo quixo favorecer grandes construtoras con claros vínculos co PP»

De igual maneira, Pontón apuntou as «enormes irregularidades» cometidas ao longo de todo o proceso de contratación, como o feito de que se reducira a dimensión do proxecto sen que o Executivo do PP esixise unha rebaixa do prezo, a pesar de que a Xunta tiña informes dos seus propios técnicos que aseguraban que a Administración autonómica tiña que reclamar unha redución de polo menos 30 millóns de euros .

A decisión que tomou Feijóo, segundo a líder do BNG, «foi política e acorde coa súa ideoloxía neoliberal de converter os servizos públicos en nichos de negocio para as multinacionais». «Nin era a única opción, nin era a opción máis beneficiosa para as arcas públicas e para os galegos e galegas, como denunciou o Consello de Contas e como quedou demostrado na comisión de investigación».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail