Galicia también quiso un cupo fiscal

A Coruña.- As elites políticas de Galicia debateron en varias ocasións nas últimas décadas sobre a posibilidade de establecer un concerto económico co Estado a imaxe dos de Euskadi e Navarra. É dicir, similar tamén ao que pretende para Catalunya o pacto entre Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e o Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC), que permitiu a recente investidura do socialista Salvador Illa como presidente da Generalitat. Ningún deses intentos para instaurar unha cota á galega tiveron éxito, nin sequera os que buscaban compoñer relacións fiscais bilaterais básicas coa Administración central. De feito, as mesmas elites seguen contradicíndose unhas a outras sobre as vantaxes e inconvenientes de gozar, ou padecer, dun réxime tributario singular.

Todo empezou hai 41 anos, o 23 de novembro de 1983. O Parlamento galego debateu, votou e aprobou con maioría conservadora e de centro a toma en consideración dunha proposición de lei que pretendía modificar o Estatuto de Autonomía de Galicia e reclamar á Administración central unha renovación do marco de relacións tributarias coa Xunta. Como sucede agora co concerto de Catalunya, aquela proposta provocou unha profunda división dos partidos. Con todo, e visto desde hoxe, o máis curioso daquel episodio é que case todas as formacións se situaron no debate xustamente ao revés de como están a tomar postura na actualidade diante das demandas catalás. Así, fronte ás ladaíñas do «España rompe» do PP, quen estaban a favor da cota galega hai catro décadas eran, precisamente, os antecesores de Alberto Núñez Feijóo.

Os concertos fiscais de Euskadi e de Navarra son unha herdanza do réxime foral do que gozaron eses territorios desde o último terzo do século XIX tras a terceira guerra carlista. Foron recollidos no artigo 41 da Constitución durante a transición á democracia desde a ditadura de Franco, que só respectara o foro de Araba pola firme adhesión ao réxime demostrada polas autoridades desa provincia. Así, e grazas á presión do Partido Nacionalista Vasco (PNV), a Constitución estableceu dúas excepcións ao modelo fiscal común polo que o Estado se apropiou en exclusiva da competencia para recadar impostos en todo o territorio: Euskadi e Navarra. As súas institucións, encabezadas polas deputacións forais, terían un sistema tributario propio para establecer, liquidar e recadar os impostos que pagan os seus cidadáns e empresas, agás os relativos a aranceis e aduanas e os incluídos en monopolios fiscais.

A cota representa a cantidade equivalente ás cargas nas que incorre o Estado en cada unha das dúas comunidades, cuxas administracións deben reintegrar anualmente ese diñeiro á Administración central. En resumo, a cota é o pago anual de volta que as institucións de Euskadi e Navarra fan ao Estado con cargo aos impostos que elas recadan, na cantidade estimada como necesaria para sufragar o exercicio das competencias que este desenvolve nos seus territorios. No caso vasco, a cota superou o ano pasado os 2.500 millóns de euros, e no navarro ascendeu a case 1.500 millóns. Segundo a Fundación de Estudos de Economía Aplicada, a catalá podería supoñer entre 6.600 e 13.200 millóns ao ano, se se fai efectivo o concerto.

En 1983, dous anos despois das primeiras eleccións autonómicas e do golpe de estado do 23-F, Galicia tiña un contexto político multipartidista e complexo. As elites rexionais, tanto as vinculadas ao franquismo como as criadas na clandestinidade, aínda se estaban acomodando con parsimonia á nova era política. Gobernaba a Alianza Popular de Manuel Fraga baixo a presidencia de Gerardo Fernández Albor. Contaban con 26 escanos nunha Cámara de 71 asentos, en coalición con oito dos 24 deputados da Unión de Centro Democrático (UCD) liderados por Carlos Mella Villar. El foi o vicepresidente de Asuntos Económicos e o contrapeso á vicepresidencia política da Xunta que exercía o daquela delfín de Albor e Fraga, Xosé Manuel Barreiro Rivas.

Xosé Luís Barreiro Rivas co presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor. Foto: Xurxo Lobato.

Nas eleccións do 81 tamén obtiveran representación o Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), con 16 actas; a coalición electoral Bloque-Partido Socialista Galego (PSG), con tres; o Partido Comunista de Galicia (PCG), con un escano; e Esquerda Galega (EG), con outro. Esa configuración inicial modificouse varias veces ao longo dunha lexislatura na que unha vintena de señorías chegaron a cambiarse de grupo, algunhas en dúas e ata en tres ocasións.

Os deputados de AP, entre eles Rajoy, votaron a favor da cota galega no 83. Os do PSOE, en contra.

Unha delas foi o propio vicepresidente Mella, quen un mes despois de deixar UCD tras a descomposición do partido e de pasar ao grupo Independente, e tres meses antes de integrarse no de Coalición Galega, presentou unha proposición de lei destinada a modificar o novísimo Estatuto de Autonomía e incluír nel a reclamación do concerto galego. Segundo asegurou na Cámara, tal e como figura no Diario de Sesións, a súa intención era lograr «un instrumento áxil e eficaz que, ademais de dotar a Galicia da autonomía financeira imprescindible, aseguraría os recursos necesarios para lograr que [o pobo galego] dispoña de niveis de benestar semellantes aos de calquera outra comunidade».

Beiras, Carlos Mella e Ceferino Díaz na investidura do Parlamento de Galicia no 1986. Foto: Xurxo Lobato

A pesar de que a iniciativa estaba asinada polos 33 deputados que apoiaban o Goberno, entre eles o seu presidente e os dous vicepresidentes, non se trataba dun proxecto propio do Executivo, o que na práctica limitaba a eficacia do procedemento. Iso deixaba aberta a porta a que a proposta nin sequera se desenvolvese, como así sucedeu: nunca se abriu o proceso para reformar o Estatuto e incluír a cota galega.

Finalmente, a proposición foi votada a favor por 31 deputados, incluídos os 26 de AP. Entre eles, o presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, o seu vicepresidente, Xosé Luis Barreiro Rivas, e un mozo pontevedrés de 28 anos, Mariano Rajoy, quen cos anos chegaría a ser presidente do Goberno e sólido mentor do actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. Tamén votou a favor o seu sucesor na Xunta, Alfonso Rueda.

Os tres, Rajoy, Feijóo e Rueda, son hoxe firmes opositores á cota catalá pactada polo PSC e ERC. Rueda mesmo se ten mostrado disposto a liderar un movemento de reacción das comunidades autónomas prexudicadas polo acordo que –asegura– faría perder a Galicia máis de 440 millóns de euros ao ano. «Non se pode romper a igualdade xurídica, territorial e, sobre todo, económica», advirte Rueda. Aos deputados de Alianza Popular que en 1983 si que crían que se podían romper todos eses límites acompañáronos en apoio á proposta de Mella outros catro que foran elixidos nas listas de UCD, así como Camilo Nogueira, líder de Esquerda Galega. Foi este o único representante da contorna nacionalista e progresista que votou no Hórreo a favor da cota galega.

Os tres deputados de EG na 2ª lexislatura: Fernando Martinez Randulfe, Camilo Nogueira e Antonio Martínez Aneiros. Foto: Xan Carballa.

Paradoxalmente, en contra dese concerto económico votaron os 16 deputados do mesmo PSOE que hoxe defende o concerto catalán desde Madrid a Barcelona. Entre eles atopábanse nomes como Ceferino Díaz, Alfredo Conde, Antonio Carro, Carlos Casares e Antolín Sánchez Presedo. Tamén votaron «non» á cota galega o representante do PCG, Anxo Guerreiro, e outros dez deputados procedentes da UCD que se integraran, tras a desfeita do partido nas xerais do 82, en Centristas de Galicia ou en Coalición Galega. É o caso do líder desta última, Pablo González Mariñas, quen, con todo, deslizou no seu discurso a disposición do seu grupo para «cambiar de postura» no futuro. Pola súa banda, os tres deputados do PSG-Bloque –Bautista Álvarez, Lois Diéguez e Claudio López Garrido– non puideron votar, sinxelamente porque non lles deixaron. Apenas un ano antes, viran revogados polo pleno os seus dereitos parlamentarios por negarse a xurar a Constitución o día da súa toma de posesión.

«Aquilo foi todo un número, pero non tiña máis intención que facer aparecer Galicia nunha discusión estatal da que estaba completamente ausente», admite hoxe Carlos Mella, quen aos seus 94 anos garda un lúcido recordo daquel debate. «Galicia é unha nacionalidade histórica, con independencia do significado real que poida ter esa definición. Pero, como hoxe en día, non tiña ningunha presenza política efectiva no Estado. Había que lograr que aparecese nos xornais de Madrid, e a proposta da cota galega foi unha das formas de logralo». O portavoz do PCG, Anxo Guerreiro, foi un dos que advertiu da xogada, tal e como deixou entrever ao xustificar o seu voto negativo a unha cuestión que, no fondo, non parecía desgustarlle de todo. «Non se poden facer estas iniciativas para saír na prensa española, señor Mella», dixo.

Quen se opoñían á cota galega tamén acudían ao argumento de que en Galicia se recadaba en impostos menos diñeiro do que supoñía o gasto efectivo do Estado central na comunidade, entre outras cousas, porque Galicia tiña moitas menos competencias ca outros territorios. O saldo final, alertaban, acabaría sendo negativo e o país perdería cartos que non tiña. Mella, en cambio, sostén que na súa proposta xa estaba contemplada a solución a aquela suposta inconveniencia. «Expúxeno como unha cota negativa. Unha vez que se cadraran as contas, sería o Estado o que debería saldar cada ano esa diferenza a favor de Galicia», engade.

Logo da Asemblea do Carballiño, no 1987, o BNG de Beiras presentou a chamada Lei de Bases, todo un xiro estratéxico. Foto: Xan Carballa.

O certo é que ese número da cota galega de 1983 levou a esquerdas e dereitas a enfrontarse cos mesmos argumentos que empregan hoxe contra o concerto catalán, pero intercambiados de bando. Especialmente significativa é a apropiación do relato que sinala que os concertos fiscais rompen a esencia da redistribución interterritorial da riqueza e ameazan a arquitectura do Estado das autonomías, á súa vez baseada na equidade e na xustiza social.

Durante o debate do 23 de novembro de 1983, Xosé Luís Barreiro Rivas, daquela compañeiro de Mella no Goberno da Xunta, defendeuse ante as críticas do PSOE asegurando que «a autonomía económica que se prevé na proposición de lei é perfectamente compatible cun Estado autonomista». O portavoz socialista, Ceferino Díaz, argumentara o voto en contra do seu grupo acusando os deputados que apoiaban a reforma de usala exclusivamente como «xogada electoral».

Máis de catro décadas despois, Barreiro Rivas secunda a mesma tese que hoxe expón Mella e que no seu día defenderon Guerreiro e Díaz, e enmarca o apoio dos populares ao concerto galego non nunha verdadeira convicción de fondo, senón na necesidade de contentar os seus socios no Goberno mediante xestos parlamentarios tan mediáticos para a época como pouco efectivos na xestión real da cousa pública. «Esas propostas chegaban, debatíanse, votábanse e, se se aprobaban, morrían pouco despois porque o seu valor real era cero», asegura o exvicepresidente político de Albor. «O costume era dicir‘Veña, vale, vótocha a favor. Seguinte asunto’. Carlos Mella era un político brillante e con moita capacidade, e sabía perfectamente que a toma en consideración da cota galega era unha máis daquelas iniciativas de paso», considera Barreiro.

A pesar do que no seu día defenderon, os dous exvicepresidentes de Albor sosteñen hoxe unha tese similar sobre a inxustiza que ao seu ver representan os concertos económicos de Euskadi e Navarra, así como o exposto para Catalunya. «Hoxe pensaría dúas veces unha proposta similar á do 83. O día en que se aceptou a cota vasca colocouse unha bomba de reloxería na Constitución. Era evidente que antes ou despois todo o mundo reclamaría un trato igual. E é absolutamente normal, porque a igualdade está na esencia da democracia», subliña Mella, que advirte tamén contra quen alentan a cota catalá como suposto reforzo ao impulso dunha España federal. «Federal coma quen? Como Alemaña? Como Rusia? Como Estados Unidos? Como México? Temos unha clase política moi limitada que ás veces fala sen saber moi ben de que», conclúe.

O xiro do BNG

O nacionalismo de esquerdas maioritario (entón era preciso engadir estes cualificativos para referenciar ao que daquela xa se chamaba BNG) entrara co pé cambiado no debate normativo. A súa aposta pola ruptura democrática despois de Franco incluía o rexeitamento do Estatuto e concretábase nas chamadas redactadas practicamente en canto morreu o ditador, e que mesmo tiñan aparellado un programa de goberno. Non obstante, despois da Asemblea do Carballiño, en 1987, xa con Xosé Manuel Beiras no Parlamento, a fronte nacionalista presentou na cámara unha proposición de lei, a Lei de Bases, que supoñía un xiro estratéxico. Unha aposta polo «realismo político», como recoñeceu Bautista Álvarez na introdución que fixo para a edición impresa da proposta. «Máis vale actuar algunha vez de curandeiros que agardar pasivamente o elixir para aplicalo no momento en que non queda Terra que salvar», advertía a aqueles «salvadores virxinais [para quen] quizais represente a perda do pudor das requintadas esencias revolucionarias».

A Lei de Bases do 87 e a fallida reforma do Estatuto do 2005 foron os outros intentos para lograr un cupo galego

A Lei de Bases contemplaba a creación de instrumentos como o Instituto Galego de Economía Pública, un Plan de Desenvolvemento Económico de Galiza, o Banco Público Galego e unha reforma do financiamento autonómico que contemplase parámetros como o déficit existente de equipamentos e servizos e a dispersión poboacional. O importante das medidas que prevía a Lei de Bases (que servirían de alicerce para o programa das eleccións de 1989) é que eran factibles dentro das competencias establecidas no Estatuto de Autonomía. O seguinte intento produciuse ao abeiro do novo Estatuto de Cataluña, que aprobara o Parlament catalán e que tanto o Congreso como logo o Tribunal Constitucional se encargaron de «cepillar», en gráfica expresión de Alfonso Guerra. O impulso catalán servira para que Valencia aprobase outro no que se solicitaban as mesmas melloras que tivese o veciño do norte e Andalucía fixase no preámbulo a súa «realidade nacional».

Naquelas datas, o BNG, aínda na oposición, que entón lideraba Anxo Quintana, promoveu o Foro Novo Estatuto, un colectivo de máis de medio cento de persoas, o máis sobranceiro das tres universidades galegas. Entre eles, dous dos que en 1983 votaran a favor daquel «cupo galego»: Pablo González Mariñas, que sería o principal redactor, e Xosé Luís Barreiro Rivas. A comezos de 2005, o grupo presenta as Bases do Novo Estatuto, que se entregarían no rexistro do Parlamento Galego a finais daquel ano.

A fins de ano, xa con Manuel Fraga e o PP no banco da oposición, na cámara do Hórreo constituíse unha comisión especial para redactar o novo estatuto. Máis dun ano de traballos resultaron finalmente en nada, como quedou en evidencia nunha reunión en Monte Pío entre os tres líderes dos partidos parlamentarios. No que respectaba ao debate nominativo, que era o que campaba na «guerra cultural» daquela, o PP non só rexeitaba calquera mención á «nación» (nin sequera a tímida proposta «nación de Breogán» que esgrimía o PSdeG, amparándose no Himno), senón que tampouco contemplaba a xa vixente de «nacionalidade histórica» e, na práctica, non se apeaba de «rexión».

No que respecta ao financiamento, o novo líder conservador, Alberto Núñez Feijóo, rebaixaba non soamente as expectativas nacionalistas en 500 millóns de euros anuais, senón que mesmo quedaba 150 millóns por debaixo do que se ingresaba daquela. En abril de 2008, Quintana insinuou de novo a necesidade de que Galicia abrise unha relación fiscal bilateral co Estado á marxe do Consello de Política Fiscal e Financeira, o organismo no que están representados todos os territorios do Estado, pero foi o presidente socialista Emilio Pérez Touriño quen pechou publicamente a porta a calquera posibilidade de reabrir o melón da cota galega.

Como se ve estes días, a posición dos socialistas sobre os concertos de comunidades non forais mudou. Pero non soamente a dos socialistas, nin unicamente estes días. «Non é fácil explicar que a Cataluña non se lle dea un concerto económico cando xa o teñen vascos e navarros. Tamén é certo que na discusión constituínte se chegou ao acordo de que Cataluña non o tivese. Agora ben, é verdade que estas cousas se poden cambiar, formular e discutir», dixo Alberto Núñez Feijóo, xa como presidente da Xunta, en 2016, no Círculo de Empresarios de Cataluña. En xuño daquel mesmo ano, o Bloque fixo un novo intento. Unha proposta de concerto, sustentada nas estimacións dos economistas Xavier Vence, daquela portavoz da formación nacionalista, e Xosé Díaz.

Os cálculos de Díaz e Vence estimaban que Galicia padecía un déficit de financiamento entre os 1.322 millóns de euros de diferenza entre o que o Estado recadou e gastou na comunidade en 2011, en plena recesión económica, e os 4.375 millóns do suposto buraco en 2007, xusto antes do crac de 2008. A proposta nacionalista, que non saíu adiante polo «non» do PP, si foi apoiada polos deputados do PSOE, a pesar das indicacións en contra da súa dirección federal, cun Pedro Sánchez na súa primeira etapa á fronte do partido. Ademais, o daquela portavoz do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, que abandonara o BNG 14 anos antes, consideraba que un concerto económico similar ao vasco e ao navarro «prexudicaría Galicia» e «poñería gravemente en risco a estabilidade financeira da Xunta».

A Nosa Terra daba conta en marzo do 2005 da proposta do BNG para reformar o Estatuto, proxecto a raíz do cal se formou unha comisión con representación do PP, PSdeG e BNG (foto inferior: Xurxo Lobato) para a redacción do documento unha vez xa comezado o bipartito nese mesmo ano. Finalmente, todo quedou en nada.


O pasado 5 de outubro, a portavoz nacional do BNG e líder da oposición no Hórreo, Ana Pontón, volveu abrir o debate e reclamou un modelo de relacións fiscais propio para Galicia, pactado bilateralmente co Goberno central e que permita á comunidade «recadar o 100% dos seus impostos cunha Facenda propia». Con todo, Pontón non desvelou aínda se converterá esa declaración nunha proposición de lei que obrigue de novo o Parlamento a tomar postura ao respecto. A líder do BNG basea o seu relato nun informe do economista Xosé Díaz, segundo o cal o Estado recada agora en Galicia case un 50% máis do que inviste nela: en 2022 serían 15.385 millóns de euros obtidos mediante impostos fronte a 10.041 millóns gastados en investimentos; unha diferenza de 5.344 millóns. É dicir, o equivalente a máis de 760 millóns máis que todo o gasto sanitario da Xunta nese mesmo exercicio, ou, se se quere, máis do 40% do orzamento global da Administración autonómica para 2024. A portavoz nacionalista engade que Galicia padece un infrafinanciamento que suma máis de 20.000 millóns de euros entre 2009 e 2021: «Recibimos por habitante 559 euros anuais menos do que se precisa para atender servizos públicos básicos», alerta.

O debate sobre se ao país lle convén ou non un réxime singular de relacións económico-financeiras co Estado baseado na súa verdadeira capacidade produtiva e recadadora segue aberto desde aquel debate de 1983. As preguntas que se expoñen agora, máis aló das posicións curtopracistas de partido e do ruxerruxe dos faladoiros en televisión, seguen sendo as mesmas que as que fixo Camilo Nogueira, deputado de Esquerda Galega, ao resto de señorías na súa intervención de hai 41 anos no Parlamento de Galicia. Foi xusto antes de votar a favor do concerto galego: «Se esta reforma agora non é oportuna, cando o sería e con que contidos?». En catro décadas ninguén soubo responder a algo aparentemente tan sinxelo.

[Foto de cabeceira: Xurxo Lobato]
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail