Corazón de porco

Mentres a prensa ibérica anda no ruxerruxe queimando bruxas, sementando xenreira ou despedindo narcotraficantes con salvas de boubas, xa hai tempo que o mundo pasou a Odisea espacial de Kubrick. Neste país insólito onde a maioría dos medios de comunicación traballan de faladoiros e gabinetes de prensa e o presidente da nosa comunidade non domina a lingua da terra que representa, comezaron o ano rexoubando do que dixo que pode que dixese que dixo ese ministro, que dixo ou igual non dixo, algunha cousa dos porcos e as macrogranxas.

Non importa que o ministro declare que 1 + 1 = 2. No novo xornalismo ibérico dos bellotas patrios do PP e demais aberracións do fascismo de peitos varudos e relicarios, a verdade é irrelevante, o que toca é publicar ben alto o que necesite a dereita dos neoliberais, banqueiros e as eléctricas para acadar o poder. Logo de que cheguen a presidir estas terras dá o mesmo que os porcos corran pola rías, que voen polo ceo ou que pasen as vidas encerrados nun caixón.

Mentres o país queda discutindo no limbo se o ministro dixo que a Terra é redonda e se debe pedirlle desculpas ao lobby do Pepe Terraplanas, noutros lares dedícanse ao cultivo de órganos animais. Hai uns días nun hospital de Baltimore, Maryland, fixéronlle un transplante de corazón de porco a un ser humano. Cando escribo isto, o home que recibiu o corazón animal, David Bennett, aínda está vivo e parece que saíu todo ben. Ao porco, pola contra, só lle queda o órgano batendo dentro do peito do señor Bennett. Na actualidade hai no mundo un presada de granxas de crecemento de órganos que forman parte de centros de investigación e do demo das farmacéuticas, que se dedican a criar porcos xeneticamente alterados. Retóquenlles un xen por aquí e outro por ala, e o corazón do porco queda cuspidiño ao noso.

O asunto do chamado xenotransplants e un argumento de vertixe, dun futuro de ciencia ficción que aínda que nos faga sentir noxo xa chegou para quedarse. Os transplantes de órganos entre especies diferentes abren unha porta polémica para moitos, definitivamente sinistra para os pobres porcos e para outras xentes, como este primeiro paciente, é unha saída de emerxencia esperanzadora. Pero imaxinen o que será esta merda de medios de comunicación e propaganda Made in Spain e a cobiza da industria cárnica da macrogranxa, cando os patriotas Terraplanas ibéricos descubran que o prezo dun só corazón de porco alterado para un transplante nun ser humano, vale por centos de miles de patas doutros conxéneres, aínda que sexan da variedade manchados de Jabugo. Ou como di o New York Times que o retranqueiro paciente señor Bennet lle preguntou ao doutor Griffith, despois de que este lle explicase o asombroso proceso da operación: «Ben, e logo direi OINK?»

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail