S02E15 – Universidade (I) ?

As Womansplainers inauguramos novo ano coa mellor das noticias, porque a partir de agora contaremos coa colaboración de PuntoGal, o dominio galego en internet. E por se fose pouca novidade, comezamos tamén nova sección do podcast e desta vez en Fainos ti o womansplaining propuxémoslles ás nosas ouvintes que nos enviasen audios contándonos se foran ou non á universidade, se se alegran da súa decisión ou se a día de hoxe escollerían outra cousa.
E para abrir o 2022 opinando forte sobre a universidade veu falar connosco a Lucía Casal: cantante, psicopedagoga, docente e investigadora no Campus de Ourense da Universidade de Vigo na área de didáctica da expresión musical.
Debatimos sobre a orientación que recibe o alumnado dos IES cando deciden ir á universidade. Dáselle outras alternativas formativas e laborais, ou o mundo universitario segue a ter un prestixio maior que outras opcións coma a FP?
Por outra parte, a pandemia trouxo consigo grandes cambios para estudantado e profesorado durante o confinamento. Algunhas destas novidades semellan estar aquí para ficar e neste episodio descubrimos como se vive esta situación nas universidades.
Finalmente, debatimos sobre a precariedade dentro desta institución. Nas redes sociais cada vez vemos máis testemuños de persoas que abandonan a investigación debido á inestabilidade laboral existente neste ámbito. Como é a carreira investigadora no noso país e onde se sente esa precariedade? Lucía cóntanos de primeira man a súa experiencia como docente e investigadora na universidade.

Moitas outras cuestións quedaron no tinteiro nesta ocasión, pero non vos preocupedes: aínda temos moito womansplaining que facer ao respeto. Non o perdades!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail