O TSXG frea unha macrogranxa que a Xunta autorizou na Límia ao considerala un perigo para o medio ambiente e a saúde

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considera que o Executivo autonómico autorizou que a explotación duplicase a súa produción sen avaliar adecuadamente os seus efectos contaminantes

A Coruña.-O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou anular a licenza de ampliación dunha macrogranxa de pitos vinculada á empresa Coren no municipio ourensán de Rairiz de Veiga que duplicou o seu tamaño co visto e prace da Consellería de Medio Ambiente da Xunta.

Os xuíces alegan que o informe de impacto ambiental no que se baseou o Executivo autonómico para outorgar a autorización non tivo en conta os efectos contaminantes da explotación, situada a escasos metros dunha vivenda, nin tampouco sobre os recursos hídricos da zona.

A comarca da Limia é unha das máis afectadas polas explotacións gandeiras intensivas de porcos e pitos que promove Coren, un dos maiores produtores de carne do país. Especialmente polos nitratos derivados dos residuos e xurros dos animais, que contaminaron durante anos os acuíferos e encoros da zona.

No ano 2019 a firma Cavirsa Freire, vinculada a Coren, presentou á Xunta un proxecto para duplicar a súa capacidade de produción cunha nova nave na planta que explota na parroquia de Santa Mariña de Congostro, en Rairiz. A factoría, situada xunto a unha vivenda, produce anualmente ao redor de 290.000 pitos ao ano en seis ciclos. Tiña unha capacidade de 22.932 pitos por ciclo e pretendía pasar a case 48.000.

Cisternas vertendo xurros en A Limia / Foto: MEL

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta autorizou o proxecto e resolveu favorablemente o informe de impacto ambiental, a pesar de que no documento non se mencionaba a existencia da citada vivenda e de que non se valoraron os efectos ambientais sobre a saúde e calidade de vida que ían padecer os veciños como consecuencia da ampliación.

Os afectados recorreron alegando que o informe de impacto ambiental no que a Xunta baseou a súa resolución carecía de valoración algunha sobre «a contaminación atmosférica da explotación, así como da exposición da vivenda ás emisións polo sistema de ventilación, o almacenamento do esterco, as operacións de carga e descarga e a emisión de partículas e gases tóxicos debido á súa proximidade».

«A vivenda vai quedar exposta a un efecto multiplicador das emisións por cheiros, ruído e risco de pragas que vén padecendo, ao duplicarse a produción coa construción dunha nova nave a escasos metros, significando un grave risco para a saúde» das persoas e animais, explicaban no seu recurso .

A Sala do contencioso-administrativo do TSXG, nunha sentenza asinada en novembro pasado pero que se coñeceu agora, estima todas as súas demandas, e afirman que a Xunta vulnerou o seu dereito «á saúde, a intimidade persoal e familiar, a inviolabilidade do domicilio e o dereito para gozar dun medio ambiente adecuado».

Os xuíces alegan que a ampliación da explotación «comporta graves riscos polas emisións de po, partículas, cheiros e ruídos da actividade, emisións de amoníaco e enfermidades zoonóticas transmisibles aos humanos con consecuencias incalculables como estamos a ter a desgraciada oportunidade de comprobar cos efectos da covid-19».

Praia fluvial de O Corgo en Mugueimes, en el municipio de Muíños, nunha imaxe de arquivo / Foto: Movemento Ecoloxista de A Limia

Os maxistrados advirten de que a Xunta concedeu a licenza a pesar de que «a descrición dos aspectos ambientais que poden verse afectados polo proxecto e a avaliación dos seus efectos carecede rigor, é insuficiente, parcial, incompleta e vaga». Tamén consideran que a autorización «carece dunha xustificación adecuada», que non existe tampouco unha correcta valoración das repercusións da ampliación da granxa sobre os recursos hídricos dunha zona situada «en espazos Rede Natura 2000», e que a Xunta vulnerou os dereitos dos demandantes ao non recoñecelos como afectados polo proxecto de Coren e, por tanto, como interesados no procedemento de avaliación ambiental.

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, referiuse hoxe á sentenza e acusou á Xunta de incumprir «outra vez» a normativa ambiental. «A protección dos ecosistemas galegos e a saúde das persoas non son unha prioridade para o Goberno de Feijóo, para o que si o é perpetuar unha invasiva gandería industrial prexudicial para as explotacións máis pequenas e sostibles».

«É lamentable que o PP de Galicia leve ao Parlamento o bulo sobre [o ministro de Consumo, Alberto] Garzón cando é obvio que fan a vista gorda coas macrogranxas mentres incumpren a lexislación ambiental e non protexen a gandería tradicional galega», concluíu.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail