A folga duns pais polo transporte escolar na montaña de Lugo

Os taxistas da zona do Folgoso do Courel levan 30 anos recollendo aos infantes na porta das súas casas para deixalos no colexio. A Xunta sacou un concurso público debido á caducidade dos contratos de transporte cunhas normas que os condutores non poden asumir.

Folgoso do Courel é un municipio dunha serra luguesa. Desde hai 30 anos, un servizo de taxis encárgase de recoller a 40 nenos dos seus respectivos fogares para deixalos no único colexio do lugar, o CPI Poeta Uxío Novoneyra. A Xunta abriu un concurso público cunhas condicións de transporte que minguarían a calidade do servizo actual. Este luns a administración tivo que paralizar o proceso debido ás protestas dos pais.

As asociacións de nais e pais (Anpas) decatáronse da noticia pola prensa e convocaron unha folga que segue vixente desde o 8 de xaneiro, as aulas continúan baleiras. Aínda que non poida participar, o profesorado do colexio de educación infantil, primaria e secundaria tamén apoia a causa. O propósito do cambio anunciado pola Consellería de Educación afecta non só a este municipio, senón a un lote de seis concellos, e nas normas que compartiu a administración é moi difícil encaixar os servizos que prestan os taxistas da zona, xa que terían que dar servizo tamén a outras localidades. Pode haber ata 60 quilómetros de distancia entre elas. As Anpas defenden manter o servizo actual de transportes e piden a suspensión do novo procedemento de licitación, así como convocar un novo cunhas condicións que os taxistas poidan cumprir.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Segundo esgrime a Consellería de Educación, está a seguirse o establecido na Lei de Contratos Públicos e nas directivas europeas en materia de transporte. A Xunta iniciou a licitación de 57 lotes e Folgoso do Courel «non pode quedar á marxe da normativa vixente», detalla. Este luns Educación decidiu paralizar o prazo de presentación de ofertas que terminaría o 18 de xaneiro, para «analizar as diferentes alegacións recibidas de diversos colectivos implicados no proceso» e a partir de aí tomar unha decisión: que as empresas se poidan presentar ou manter o modelo actual.

O contrato estaría en vigor os dous próximos cursos, que se poderían prorrogar. O Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reuniuse coa alcaldesa do PP para comunicarllo, Lola Castro, rexedora que se mostrou en contra da decisión adoptada pola Xunta. «Unha vez determinado o alcance destas rectificacións, procederase a renovar ou prorrogar os prazos iniciais de presentación de ofertas», sostén a Consellería. Como a administración pode retomar o proceso en calquera momento, os pais continuarán coas protestas como ata o de agora. Cren que as súas peticións non van ser atendidas e que a Xunta decidiu paralo -que non suspendelo- para tranquilizar os ánimos debido ao balbordo en redes sociais.

A presidenta do Ampa, Pilar Veiga, explica a Público que no caso de O Courel debería figurar como un lote único e non unirse a unha multitude, para estar en «igualdade de condicións» que outros lugares. «Cos minibuses os nenos van ter que facer percorridos máis grandes, están a sacar traballo ao rural, non se pode permitir que ocorra isto cando se pretende á vez potencialo co fondo Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional)».

Os taxistas, autónomos e residentes no municipio, utilizan vehículos de sete a nove prazas e realizan cada día seis liñas. No prego aprobado pola Xunta prevese reducir o número de liñas de transporte e substituílos por buses ou minibuses. Os taxistas consideran que a súa é a alternativa máis segura polas condicións climatolóxicas da Serra do Courel, así como polas estradas estreitas e a ausencia de marquesiñas para que o alumnado se cubra en caso de choiva. Pola contra, co novo método os infantes pasarían máis dunha hora no autobús debido á distancia entre municipios e a que circulan a menor velocidade, algo que está prohibido por lei.

Pedro leva só cinco anos exercendo de taxista en O Courel. A súa filla non tiña como chegar á escola, o seu pai púxose en contacto coa Administración e acordou unha ruta da que se fixo cargo. El mesmo conta a Público que se fixo taxista pola súa filla e que non podería continuar realizándoa polas normas da Xunta. «Tal e como está é imposible cumprilo porque son seis concellos para cubrir. Hai que ter uns medios materiais, dez microbuses de dez a vinte e cinco prazas e catro furgonetas. Está pensado para grandes empresas», alega.

Ademais de encargarse do transporte escolar, estes profesionais son taxistas de O Courel a tempo completo. Pedro explica que hai uns anos no rural había máis poboación e menor cantidade de coches, por iso o servizo de taxis era máis rendible, os habitantes precisábanos para desprazarse aos hospitais e ás cidades. Agora acontece ao revés, o despoboamento provoca que a mocidade se traslade a vivir á cidade, sumado a que o número de vehículos por familia aumentou. De momento, encargarse do alumnado é un «complemento fundamental» para condutores como Pedro, que teme que se non pode continuar co servizo teña que desfacerse da licenza e abandonar O Courel.

Os pais difundiron ao longo do proceso as protestas polas redes sociais onde atoparon o apoio doutros Anpas e colectivos de Galicia. Este mércores convocaron unha manifestación ante a sede da Xunta en Lugo ás doce do mediodía. A alcaldesa, que apoiou a causa nun inicio, non asistirá, e agradeceu ao Goberno galego a paralización do concurso. «Pódese considerar un paso, para nós non é unha vitoria», engade a presidenta do Anpa, Pilar Veiga.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail