O poder da pirámide

A semana pasada, en Nova York, un home con capucha e máscara disparou e matou o director dunha das aseguradoras máis relevantes dos Estados Unidos. Tanto a policía da cidade como outras forzas da orde puxéronse en alerta inmediatamente para buscar o culpable. Parece ser que xa o atoparon, mais o xuízo aínda non comezou.

Curiosamente, a reacción do pobo americano, e incluso do resto do mundo, foi practicamente uniforme: pouca sorpresa e menos empatía. Por primeira vez na miña vida non podo dicir que este sentimento sexa reprochable se temos en conta o estado da sanidade nese país en xeral e na empresa do falecido en particular. UnitedHealthcare denega o 33% das peticións que recibe; é dicir, unha de cada tres, de forma que case chega ao dobre do que é normal para a industria. Esta información tórnase aínda peor co dato de que as aseguradoras privadas en Estados Unidos xa denegan máis peticións que os programas de sanidade pública.

Fonte: @CrappwØm (X)

Na última semana, mentres as autoridades intentaban convencer a xente de que o asesino era un perigo público e de que debían sentir pena por un millonario, a cidadanía americana dedicouse a compartir as súas experiencias coa empresa en relación a peticións denegadas ou familiares falecidos, e a preguntarse por que a vida deste home resulta máis importante que as miles de mortes que terían que cargar na súa conciencia. Preguntábanse tamén por que este asesinato deu lugar a unha extensa busca e ao esgotamento de todo recurso posible para atopar o asesino, cando ningún outro recibe o mesmo trato se se trata dunha persoa sen iso que parece necesario para ser considerado importante: os millóns na conta bancaria.

Se ben en España non chegamos ao nivel do desastre que é o sistema sanitario nos Estados Unidos, que gasta o dobre ca nós, aquí tamén estamos experimentando unha crise sanitaria. Adeslas, Asisa e DKV non renovan o contrato con Muface por negarlles aumentos de ata o 38% nas primas. Quedan así sen cobertura 1,5 millóns de funcionarios, que terán que ser integrados de golpe na sanidade pública. O noso sistema sanitario é un dos maiores logros da nosa historia, pero tras anos de recortes e coa sobrecarga actual, non cabe dúbida de que vai ter problemas para acomodar tal cantidade de xente.

Por algún motivo, semella que estes meses as aseguradoras de ambos países queren poñerse a xogar coa saúde da xente, que é o que adoita pasar cando os asegurados deixan de ser persoas e pasan a ser números e estatísticas. Malia que o problema en España parece insignificante se o comparamos co problema en Estados Unidos, é difícil non sacar conclusións e denominadores comúns ou observar traxectorias paralelas que poden levarnos a unha situación pouco favorable para os asegurados.

Parece que nos últimos anos, a medida que a diferenza de riqueza entre clases se fai maior e os ricos se volven máis ricos, fomos esquecemos a lección da Revolución Francesa e de todas as que a seguiron: non importa o ricos e poderosos que sexan os que obstaculizan os dereitos da xente, porque nunca serán máis numerosos ca o pobo que están danando. Como en V de Vendetta, «fomos manipulados para pensar que o poder da pirámide está na cima, e non é así». O poder da pirámide está na base, nos números, na xente.

É fácil asumir que a xente vai aguantar o empeoramento gradual da súa calidade de vida, pero se algo podemos sacar en claro do que ocorreu en Nova York é que toda sociedade ten un límite. E acaba estoupando. O perigo de ser parte do 1% é que é sinxelo esquecer a importancia de manter o outro 99% da poboación atendida se un non quere ser dano colateral da explosión.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail