Sumar prescinde de Podemos para as autonómicas galegas

A Coruña.- As negociacións entre Sumar e Podemos para conformar con Esquerda Unida (EU) unha coalición a tres para as eleccións autonómicas galegas quedaron rotas esta fin de semana, despois de que os representantes en Galicia do partido de Yolanda Díaz se negasen a permitir que os da formación que dirixe Ione Belarra asistiran á reunión prevista para o pasado domingo, á que eles mesmos os tiñan convocados.

Aínda que todas as partes aseguran que manteñen as portas abertas ao resto, o acordo semella agora case imposible, o que augura que a esquerda alternativa, sobre a que se articulou o proxecto das Mareas e as súas alianzas e que chegou a ser a segunda forza política do país entre 2016 e 2020, podería presentarse aos comicios con dúas ou mesmo tres candidaturas, para enfrontarse ás xa confirmadas de PP, BNG e PSOE.

Tras a ruptura, fontes tanto de Podemos como de Esquerda Unida indicaron que manexan «outros escenarios» diferentes ao da coalición con Sumar. É dicir concorrer ás eleccións cada un pola súa conta ou acompañados doutras organizacións.

Da mesma forma, Sumar asegura que presentará en breve a súa plataforma autonómica, na que figurarán, afirman portavoces do partido de Díaz, «persoas» vinculadas tanto á formación violeta como a EU aínda que non teñan o apoio explícito das súas respectivas estruturas.

Sumar, sen candidato en Galicia

Sumar aínda non designou candidato en Galicia, pero todo parece indicar que a aposta da vicepresidenta é o politólogo Paulo Carlos López, en quen depositou a súa confianza para armar o seu proxecto na comunidade e para negociar as alianzas que agora parecen truncadas.

Antes de que Podemos e Sumar rompesen en Madrid o grupo parlamentario no Congreso, os dous partidos alcanzaran xunto a EU un principio de acordo para presentar listas conxuntas ás autonómicas, previstas para o próximo xullo aínda que con toda probabilidade se adiantarán ao primeiro trimestre de de 2024.

Borja San Ramón, coordinador nacional de Podemos Galicia / Alba Tomé Sueiro

Os de Díaz aceptaran ir en coalición cos seus socios, unha fórmula que en principio descartaban, así como repartirse con eles a asignación de fondos públicos que puidese corresponderlles segundo os resultados electorais. Non aceptaban, con todo, que esa repartición económica fóra a partes iguais, nin tampouco a dos cargos nos órganos de decisión da coalición.

O pasado martes 5 de decembro Sumar convocou a Podemos e a EU a unha reunión telemática que debía celebrarse o pasado domingo ao mediodía, asegurándolles que iría con vontade de acordo e con propostas en firme sobre os aspectos anteriores. Animábaos ademais a programar unha axenda de encontros desde esta mesma semana para pechar canto antes o pacto electoral.

Negociacións supendidas

Esa convocatoria produciuse minutos antes de que as deputadas de Podemos no Congreso anunciasen o seu paso ao grupo mixto. Tras coñecer a noticia, Sumar Galicia deu por suspendidas «temporalmente» as negociacións, segundo anunciaron esa tarde fontes da formación. Con todo, non desconvocaron a reunión á que convidaran previamente aos seus socios.

Pouco antes da hora acordada para a cita do domingo, os responsables de Sumar indicaron aos de Podemos que, tras o ocorrido en Madrid, non estaban en disposición de reunirse con eles, aínda que si tentaron sen éxito seguir negociando con Esquerda Unida.

Podemos considera «irresponsable e incoherente» que Sumar rompa as negociacións en Galicia e as  manteña en Euskadi

Segundo fontes dese partido, que dirixe en Galicia a exvicepresidenta do Parlamento autonómico Eva Solla, EU trasladou a Sumar que a reunión estaba prevista a tres bandas, e que se a formación de Díaz excluía unilateralmente dela a Podemos e descartaba a coalición tripartita, entón EU se reservaba o dereito para decidir a súa posición diante do cambio no obxecto e a formulación das negociacións.

As fontes de Podemos, do que é coordinador en Galicia Borja San Ramón, cualifican de «irresponsabilidade» a decisión de Sumar de rompelas, e subliñan a «incoherencia» de que estas prosigan en cambio en Euskadi, onde tamén hai previstas eleccións e onde a vicepresidenta segue a manter a idea de ir en coalición cos morados a pesar da ruptura en Madrid.

«O argumento de que aquí non se dan as condicións é absurdo e incoherente e, sobre todo, pon en perigo que poida haber un cambio político en Galicia», indican.

Paulo Carlos López, no centro, nunha rolda de prensa en Santiago / Foto: Sumar Galicia

Público tamén puido constatar o malestar que causaron as presións de Sumar sobre militantes e simpatizantes do resto de organizacións para que se unan ao proxecto á marxe das mesmas, e tamén o que Yolanda Díaz ofrecese a candidatura á Xunta, sen consultar aos seus aliados e mentres negociaba con eles a fórmula da coalición, a outras persoas, entre elas a exconselleira do BNG Teresa Táboas ou o exalcalde de Santiago e portavoz de Anova, Martiño Noriega.

A dirección de Anova, a formación nacionalista escindida do Bloque e construída ao redor da figura de Xosé Manuel Beiras, decidirá nos próximos días se acepta concorrer ás autonómicas con Sumar ou se apoia aos seus excompañeiros do BNG que lidera Ana Pontón.

Fuentes próximas á organización aseguran que a ruptura de Díaz con Podemos afasta «moito» a primeira posibilidade e reforza a posición de quen opina que a única opción útil para gañarlle a Xunta ao PP é non dividir o voto nacionalista e reforzar a candidatura de Pontón.

As direccións estatais desenténdense de Galicia

O portavoz estatal de Sumar, Ernest Urtasun, desentendeuse este luns da cuestión galega e eludiu responder á pregunta de se resultaba coherente ou non unha coalición en Galicia tras a brecha aberta en Madrid. «Se agora manifestase a miña opinión estariamos a condicionar aos compañeiros», que teñen «plena autonomía», dixo, informa Raúl Bocanegra.

Os portavoces da dirección estatal de Podemos Pablo Fernández e Isabel Serra afirmaron pola súa banda que as direccións autonómicas do partido tanto en Galicia como en Euskadi tamén «teñen autonomía par traballar e buscar a fórmula para [conformar] candidaturas amplas que [consigan] gobernos de esquerdas nas dúas comunidades».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail