Alberto e o lobo

O último barómetro do CIS de novembro de 2022 informa dunhas respostas sobre a situación económica que poden semellar contraditorias. Mentres que ao 63,2% das persoas preguntadas a súa situación económica lle parece boa, a de España parécelles mala ao 47,9% e moi mala ao 22,4%. Podemos dicir que a percepción da nosa economía particular ou familiar depende da vivencia directa, de parámetros da realidade, e a de España depende dun relato que se instala a través da comunicación política e dos medios.

Naomi Klein, no seu libro The shock doctrine, describe unha estratexia de avance do neoliberalismo, comandada polo que ela alcumaba doctor shock, Milton Friedman, baseada na crenza de que «só unha crise –real ou percibida– dá lugar a un verdadeiro cambio». Trátase de xerar na poboación unha sensación de medo, caos, inseguridade tal, que se acepten pacificamente cambios inusitados das condicións de vida. Deste xeito, «o politicamente imposible vólvese politicamente inevitable». O matiz no que quero fixarme está, e non é pouca cousa, na diferenza entre as condicións de real e percibida da crise. En como se xera esa percepción. Se non é pola vía da experiencia individual e colectiva, dos feitos fácticos, será pola vía dun relato que se torna hexemónico por máis que os contradiga.

A crise do coronavirus foi real para a maior parte da poboación mundial. Aceptamos restricións inauditas das nosa liberdades e puxemos a nosa vida nas mans dos gobernos porque confiamos na súa versión do que estaba a pasar e de como resolvelo. Porén, sabemos da existencia dun relato alternativo, unha corrente negacionista que discute a propia existencia do virus e non ve xustificadas as limitacións e os cambios. Eu diría que a base para que funcione a doutrina do shock, para que se cree unha pulsión social de cambio, é a percepción dunha fonda crise, incluso cando os datos da vida real individual e colectiva, a contradigan radicalmente.

A aparente contradición do barómetro do CIS pódese deber a un certo triunfo do argumentario catastrofista da dereita política, mediática e xudicial. Mais o «todo vai mal» da dereita estase atopando con algún problema. Está a dificultade de combinar os roles de goberno (autonómico) e oposición (estatal) na interpretación dos datos: cuestionar a bondade dos do paro no Congreso en Madrid e atribuírse o mérito deses mesmos números en Sevilla ou Santiago. Son bos ou son malos? Depende. Resulta confuso para a audiencia que, ás veces, o mesmo conselleiro de Economía chega a falar ben e mal do mesmo dato.

Cada movemento do goberno de Sánchez vén seguido dunha batería de críticas tremendistas e de anuncios ameazantes. Vaise acabar o mundo cada día. A subida do salario mínimo ía desatar un tsunami de desemprego, mais creouse emprego

Outra dificultade é que eluden falar de temas da vida cotiá que realmente cuestionan a acción do goberno de Sánchez porque non son relevantes para o seu marco ideolóxico ou non teñen alternativa para eles. Por exemplo, non parece preocuparlles que o alto nivel de emprego conviva cun altísimo índice de pobreza infantil, o que significa a extensión do precariado como nunca dende a restauración borbónica. E céntranse noutros indicadores desconectados do día a día da xente, como o lugar que ocupa España na evolución comparativa do PIB na contorna da UE antes, durante e despois da pandemia.

Tamén sucede que, máis que crear axenda propia, destinan moita enerxía a reaccionar dramaticamente ante a axenda gobernativa. Cero propostas e todo mal. Cada movemento do goberno de Sánchez, sobre todo nos cambios lexislativos, vén seguido dunha batería de críticas tremendistas e de anuncios ameazantes. Vaise acabar o mundo cada día. A subida do salario mínimo ía desatar un tsunami de desemprego, mais creouse emprego. O goberno frankenstein ía durar dous telexornais polas liortas entre os socios e aí o temos, rematando a lexislatura cun orzamento aprobado en cada anualidade. Había que baixar impostos como fora, e entón Truss ten que marchar e Sunak fala de subir impostos aos ricos.

E só nos últimos días e entre outras perolas: a lei de liberdade sexual libera centos de violadores pola incompetencia da caixeira de supermercado, o cambio dos delitos de secesión e malversación vai romper definitivamente España e o bloqueo do PP á renovación do CXPX é para protexelo do goberno de Sánchez. Este vórtice apocalíptico do que Feijóo non sabe, non quere ou non pode saír, probablemente ten a intención de paralizar ao goberno por medo á evolución da opinión pública e, sobre todo, de crear o relato da crise que se instale como marco necesario para o cambio político.

Podemos intuír que o relato está instalado (volvendo ao barómetro do CIS), porén, é difícil prever como afectará á intención de voto. E a un ano vista das xerais, onde o vai levar esta escalada ao moderadísimo? Como superar en contundencia e rapidez o argumento anterior sen quedar convertido nun meme grotesco?

Que vén o lobo!, berraba o pastor da fábula atribuída a Esopo O pastor mentireiro. As primeiras veces a veciñanza corría na súa axuda malia non vir tal. Mais a broma saturounos, perdeu o pastor a credibilidade e, cando o lobo veu de verdade, fartouse de berrar mentres lle ía matando as ovellas. Ninguén acudiu pensando que era outra trapallada súa máis. A fábula ten unha moral de aplicación na política: os relatos desconectados da realidade xeran desconfianza en votantes e incluso correlixionarios. E sen confianza non hai paraíso.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail