Feijóo tramita unha reforma sanitaria de dubidoso encaixe xurídico que contempla a obrigatoriedade das vacinas

O barón galego foi o único presidente autonómico en situarse abertamente a favor da vacina obrigatoria, que se materializará na comunidade coa aprobación da reforma da Lei de Saúde de Galicia que entrará en vigor en febreiro.

«Inseguridade xurídica» é a explicación do PP de Galicia para tramitar por vía urxente a reforma da Lei de Saúde de 2008. O texto aborda un conxunto de medidas que poderá adoptar a Xunta en situación de pandemia, como multas por non vacinarse e non levar máscara ou as facultades de ordenar confinamentos. Alberto Núñez Feijóo xa lle remitiu a Pedro Sánchez unha proposta de reforma da lei orgánica de Saúde Pública para evitar os estados de alarma e ante o seu rexeitamento, o líder do PPdeG aproveitará a súa maioría absoluta na Cámara para aprobar o documento en xaneiro a través do grupo parlamentario.

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, defendeu que a proposición de lei vén a cubrir «certas carencias na lexislación vixente para loitar mellor contra a pandemia sanitaria». «É necesario dar certezas legais ás administracións, unha vez que non foi posible actualizar a lei estatal pero si podemos reformar a lei autonómica», alegou. «A experiencia acumulada desde o mes de marzo evidenciou que o noso marco normativo non está preparado para afrontar unha pandemia longa, con efectos no conxunto da sociedade, tanto a nivel social, como económico e político».

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

O texto, de 53 páxinas, foi asinado polos 42 deputados do Partido Popular incluído o presidente galego e recolle tres tipos de multas: leves (que oscilan de 1.000 a 3.000 euros), graves (de 3.001 a 60.000 euros) e moi graves (de 60.001 a 600.000 euros). O incumprimento do uso de máscaras ou o seu uso inadecuado «cando se cualifique como infracción leve corresponderalle unha sanción mínima de multa na contía de 100 euros», así como a prohibición de percibir calquera tipo de axudas ou subvencións (por exemplo, en materia de xénero) por parte da administración autonómica e local por un período de entre un e cinco anos, e o peche dos establecementos ou servizos tamén por un prazo máximo de cinco anos.

O rexeitamento á vacinación será considerado unha falta leve. «A negativa inxustificada ao sometemento das medidas de prevención consistentes na vacinación ou inmunización prescritas polas autoridades sanitarias, de acordo co establecido nesta lei, coa finalidade de prevención e control dunha enfermidade infectocontaxiosa transmisible, se as repercusións producidas tiveron unha incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación». O mesmo para o toque de queda, as restricións horarias ou de mobilidade, agrupacións de persoas, medidas básicas de hixiene…etc. A negativa á colaboración coas autoridades sanitarias, o incumprimento das instrucións recibidas polas mesmas, así como os confinamentos e corentenas en caso de ser un positivo, a comunicación e información do contaxio e a resistencia ás autoridades sanitarias entre outras, conforman as de carácter grave e moi grave, dependendo do grao da infracción.

A finais de outubro, cando Feijóo avanzou a proposta da reforma criticou os 19 «estados de alarma» e manifestou que non é conveniente recorrer a un «estado de alarma permanente ou intermitente». O mesmo achácalle agora a oposición. O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou que a proposición esconde unha «deriva autoritaria» para «decretar un estado de alarma permanente, haxa ou non haxa pandemia». Ademais, os socialistas cren que existen problemas «de fondo» coa vacinación contra o coronavirus obrigatoria.

«Chapuza xurídica» é o termo que empregou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para referirse ao documento presentado polo grupo de Feijóo. Lamenta o «recorte de dereitos» á poboación galega que mostrou un «comportamento exemplar» ao longo da pandemia. «O proxecto de lei de Feijóo trata ás galegas e galegos como sospeitosos habituais aos que hai que vixiar e sancionar. Recorta dereitos fundamentais a través dunha lei ordinaria, obriga a vacinarse baixo pena de multa e ten afán punitivo-sancionador. De feito, o texto repite 71 veces a palabra “sanción”», esgrimiu Pontón.

Feijóo díxoo claro. «É unha vacina obrigatoria, e por tanto, debemos estar preparados para que cando a teñamos, a vacina obrigatoria non sexa unha cuestión que teñamos que xudicializar, senón que sexa unha cuestión que a lei orgánica prevé expresamente». Pola contra, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, explicou que a obrigatoriedade «non é recomendable» e que podería ser «contraproducente». Con todo, non o descartou, pero mostrou a súa confianza en que a «cidadanía vai reaccionar ben». Segundo o último barómetro do CIS, só un 36,8% dos españois poñerían a dose contra a covid-19 «inmediatamente» fronte a un 55,2% que prefire esperar, e un 8,4% que afirma que non a poñerá.

Hai encaixe xurídico para obrigar a vacinarse?

Existen dúas leis estatais que poden amparar a obrigatoriedade da vacina. Unha de 1980 que modifica a lei de bases de Sanidade de 1944 que dita que as vacinas contra a varíola, difteria e outras infeccións poderán ser declaradas obrigatorias «cando pola existencia de casos repetitivos destas enfermidades ou o estado epidémico do momento ou previsible se xulgue conveniente». Outra lei de abril de 1986 recolle que «as autoridades sanitarias competentes poderán adoptar medidas de recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supoñer a existencia de perigo para a saúde da poboación debido á situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas ou polas condicións sanitarias en que se desenvolva unha actividade».

O profesor de Dereito Administrativo na Universidade de Coruña (UDC), Carlos Aymerich, esgrime que a cuestión «é á vista de cada caso concreto, nos supostos de que haxa un risco real para a saúde pública» e recoñece que ten dúbidas de que se poida por lei «establecer con carácter xeral a obrigatoriedade con independencia de que se valore ou verifique se existe ese risco ou non». Aymerich cre que «deberían adoptarse as medidas menos agresivas ou que en maior medida respecten a liberdade e os dereitos das persoas para conseguir o mesmo obxectivo».

O exministro de Xustiza e catedrático de Dereito Constitucional, Francisco Caamaño, conta en declaracións a Público que «existen dúbidas se unha comunidade ten competencias para iso (sancionar por non querer vacinarse) na medida que afecta a dereitos fundamentais». «Non se pode exercer o iuspuniendi do Estado ante a decisión de non vacinarse. Cuestión distinta é que non vacinarse poida ter determinadas consecuencias, pero non invadir o dereito dunha persoa que non queira facelo, é unha decisión persoal e é moi difícil desde o punto de vista dos dereitos fundamentais castigar a decisión do «non» con multa».

A vacina contra a covid-19 chegará «en menos dun mes» segundo anunciou o ministro Illa, pero aínda se descoñece cando se iniciará a vacinación masiva, aínda que si empezará canto antes. Pola súa banda, o portavoz e médico de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, explica que a información que trasladou a industria farmacéutica é «limitada», porque, por exemplo, non foi probada en menores de 16 anos ou embarazadas, e insiste en que as présas en investigación «non son nada boas» e que «garantir» a seguridade dun fármaco deste tipo dura entre tres e catro anos. «Hai intereses económicos detrás desta carreira, cheas de laboratorios por conseguir unha vacina que está a ser financiada por fondos públicos», sostén.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail