A hexemonía cultural da «normalidade»

O da Cultura da Transición (CT) é xa un concepto moi difundido -aínda que para segundo quen signifique cousas moi distintas-, que conta cunha articulación académica. Pendente de construción colectiva está aínda o da Cultura da Transición de Galicia (a partir de agora CTdGa). A través deste concepto búscase comprender o marco no que se desenvolveron as políticas culturais galegas, trala aprobación da Constitución e a instauración da democracia posfranquista. O autor de La cultura como reserva india. 36 anos de políticas culturales en Galicia (libros.com), acuña o termo de «cultura de botafumeiro» para definir a operación cosmética que se empregou desde o eido institucional para frear a cultura como ferramenta crítica.

Ao redor do ano 1978, no contexto constitucional, creouse un determinado tipo de cultura, que despois desenvolvería o felipismo nos anos oitenta. Unha cultura baseada nun modelo de nación,
a España das autonomías, no que o centralismo sería substituído por unha especie de multiplicación dos centros e o recoñecemento dunha serie de espazos periféricos. Non dunha noción de autogoberno, de federalismo ou multiculturalidade, senón coa reprodución do modelo nacional a escala autonómica. Deste xeito, o fenómeno da CT coñece as súas réplicas disociadas no contexto da construción cultural do sistema de autonomías, e especialmente en relación coas nacionalidades históricas. Este modelo estaba baseado nunha idea: democracia como bipartidismo, reparto simbólico de poder entre unha dereita asociada ao imaxinario franquista e un proxecto socialdemócrata asociado á modernidade europea capitalista, coa monarquía como pechadura e deixando fóra deses límites calquera outra realidade que puidese ser pensada.

Co concepto da CTdGa non se busca un «home de palla» ao que é fácil voltear porque dificilmente vai responder, quérese comprender por que as cousas son ou foron dun xeito determinado e non doutro, sen confundir crítica cultural con superioridade moral, nin establecer a sempre perigosa dicotomía de pertencer ou non á CTdGa. Queremos estar á altura da nosa crítica porque a sociedade era a que era, nun contexto de gran sufrimento, terror, trauma e medo vivido pola poboación tralas experiencias da Guerra Civil e o franquismo, sentimentos que aínda estaban moi presentes no imaxinario colectivo do pobo. Algunhas destas sensacións refloreceron cun inicio de Transición moi violenta e o fracasado Tejerazo. Máis que un lectura impugnadora ou emenda á totalidade da Transición, o que se critica é o relato creado desde as altas esferas e que aínda se enarbora a día de hoxe, a doxa oficial. Preténdese, polo tanto, resemantizar este mito á vez que se convida a manter un debate colectivo.

A bóla de libros de Alicia Martín, Singularidade, no Gaiás.

«A cultura foi esencial para darlle unha certa lexitimidade simbólica á autonomía porque politicamente era moi fraca». Ramón Villares, ex-presidente do Consello da Cultura Galega en entrevista persoal o 6-IV-2016.  A hipótese que se mantén avoga cara a unhas liñas de procesos culturais hexemónicos que tiveron lugar en Galicia entre 1984 e 2002. En palabras do xornalista Óscar Iglesias, unha «paz cultural» fundada como froito do acordo das elites do sector galeguista da cultura, personificado, entre outros, no colectivo ou holding de cariz político-intelectual Realidade Galega, e deixando fóra o nacionalismo, co poder das elites franquistas –Rosón e Fraga Iribarne á cabeza– outorgándose un recoñecemento mutuo. Estamos, polo tanto, ante unha cultura iracunda e agresiva que permitiu ao ex-ministro franquista autodenominarse adaíl do galeguismo e excluír toda a contracultura xurdida durante a década dos setenta e primeiros compases dos oitenta.

Coa CTdGa as elites buscaron que a cultura fixese o traballo de lexitimación que non se lograra a través do referendo do Estatuto, cuxa participación en decembro de 1980 foi moi escasa, do 28,27%, o que significa –e con moita diferenza– a maior abstención rexistrada en calquera das eleccións celebradas na historia de Galicia. Do mesmo xeito que no resto do Estado, certa esquerda tiña pouco que aportar, polo que a súa achega na procura da aparente normalidade foi coa cesión da única ferramenta da que dispoñían: a cultura. Nun proceso moi inestable, a esquerda galega do interior dos últimos anos do franquismo sumou esforzos na procura da estabilidade e a normalidade, unha nova cultura institucional que supoñía a desactivación da cultura. Nun momento clave para entender a Galicia de hoxe, a CTdGa supuxo a eliminación dos movementos sociais e a renuncia a xeitos máis amplos de entender a democracia.

CTdGa é unha ideoloxía e un conxunto de ritos: son as medallas Castelao da Xunta –que se entregan cada 28 de xuño coa fin de facer coincidir a cerimonia co aniversario do plebiscito do referendo do Estatuto de 1936 nos últimos días da II República antes do golpe de Estado–, aqueles anuncios de Caixa Galicia, o Día das Letras Galegas, o Xacobeo 93, o Luar da Televisión de Galicia ou as Medallas de Galicia; e é que ninguén pode opoñerse a algo realizado en nome da cultura, aínda que sexa dunha «cultura do botafumeiro», destinada a perfumar o pacto das elites e eliminar o mal cheiro. A CTdGa posibilita o uso de símbolos e cerimonias para o fortalecemento do réxime autonómico e rituais políticos imposibles de explicar racionalmente, como é a misa por Rosalía para celebrar as vodas da Igrexa e o galego. Nesa sorte de consenso, que presupón que a cultura é un ben en si mesmo, nunca sería posible a construción dunha megalópole no alto dunha montaña como un dos emblemas do desenvolvemento especulativo dominante unha vez cruzado o Rubicón do século XX e hoxe metáfora da súa ruína; Un cenotafio levantado a débeda pública e corrupción –máis de 400 millóns de euros, e contando–, que contou co silencio cómplice do establishment e os medios.

CTdGa é un espazo cultural postideolóxico, pero para acomodarse tivo que producirse un proceso de cooptación simbólica dos referentes históricos da cultura do nacionalismo. Antonio Rosón –presidente da Xunta preautonómica por UCD e con pasado nas cortes franquistas– marcaría un camiño que Fraga Iribarne levaría ao extremo nos anos noventa. Pero quizais a figura clave na aplicación da CTdGa sería Fernández Albor, primeiro presidente da Xunta entre 1982 e 1987, e cuxo momento fundacional se producía cunha escena histórica ben coñecida como é o enterro dos restos de Castelao no panteón de Galegos Ilustres, un 28 de xuño de 1984. Un acto violento –porque non se pode cambiar unha cultura de persoas libres por outra oficial sen violencia– que simbolicamente foi moi importante, a chegada dun tempo de consenso e recoñecemento do comezo dun novo tempo cultural, dándolle honores de Estado a imitación do panteón francés. Un movemento moi intelixente, á vez que perverso, atravesado en todo momento polo paradigma da metanarrativa da reconciliación co nacionalismo histórico e republicano; a proba de como os ex-dirixentes franquistas podían ser políticos modernos, democráticos e de dereitas, pero entendendo que antes diso estaban Galicia e Castelao. Pese a que a CTdGa se foi labrando desde finais da década dos setenta, a chegada dos restos de Castelao a Galicia, en 1984, e o seu reenterramento foi un elemento representativo que empregamos para marcar o feito fundacional desta cultura postransicional que é a CTdGa. Unha alianza da dereita orgánica galega e institucional –herdeira do franquismo– co capital simbólico do nacionalismo histórico e consubstancial á articulación da mesma. A través da súa política oficial, a CTdGa dedicouse a un control estrito da regulación establecida a través dun marco antigalego determinado pola Constitución e o seu descendente, o Estatuto de Autonomía de 1981. Unha cultura na que convivirá un modelo de país que é fundamentalmente colonial, colonia de interior –e de un tempo a esta parte un dos alelos máis débiles do xenoma capitalista– con estruturas de exploración colonial que persisten no tempo, e que asumirá que a xestión dos recursos naturais será realizada por multinacionais non galegas, e que non cuestionará en ningún sentido o reparto da propiedade e os bens sociais. Unha articulación cultural que permite a coexistencia máis ou menos pacífica dunha cultura autoritaria a nivel político e unha cultura nacionalista a nivel simbólico; digamos que Alianza Popular primeiro, e a continuación o Partido Popular, asumiron como fórmula de representación o galeguismo e o seu compromiso cunha dimensión «enxebre» e costumista desta articulación, algo unicamente concibido desde esta perspectiva. A CTdGa é a Galicia das festas gastronómicas, o Pelegrín ou o «eventismo», cos xacobeos como máximo expoñente da espectacularización, o autobombo, a propaganda institucional e o clientelismo que conviven coa especulación urbanística e un modelo caníbal de destrución do territorio, da destrución do rural e tamén das bases culturais desa mesma cultura galega que fetichiza, museifica e institucionaliza vía medios de comunicación e espazos institucionais. Estas lóxicas culturais, que desde tribunas públicas, universidades e institucións, construíron durante anos o mito da normalidade, modernidade e desenvolvemento nacional, conforman un pensamento que convivirá comodamente coas lóxicas especulativas dos anos da burbulla inmobiliaria; xa Antonio Gramsci dicía que a conquista do poder cultural é previa á do poder político e isto lógrase mediante a acción concertada dos intelectuais chamados «orgánicos» infiltrados en todos os medios de comunicación –tanto públicos coma privados, dominados dende tempos de Fraga a base de subvención–, expresión e universitarios. A dinámica hipernormalizadora –xa nos anos oitenta a palabra clave era a «normalidade»– afecta tanto á produción de novelas como á de obras públicas. Porque a hexemonía cultural lógrase cando se transforma no obvio, no que é de sentido común, no que é o «normal».

Homenaxe institucional a Xaime Isla Couto, co-fundador de Editorial Galaxia.

«Sepulcro branqueado», Xosé Manuel Beiras sobre o Consello da Cultura Galega en 1989. A todo ese pacto de elites déuselle cobertura coa creación de infraestruturas –que tamén realizaban unha función lexitimadora e xerarquizadora– como o Consello da Cultura Galega, a CRTVG ou o IGAEM, outorgándolle á Televisión de Galicia e posteriormente ao Xacobeo a categoría de fenómenos da autonomía por antonomasia. Todo iso acompañado dunha rede destinada a situar a integrantes dese galeguismo cultural, autodenominado apolítico, en centros de poder como a Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Ramón Piñeiro ou ata na propia Presidencia da Xunta a Fernández Albor, un membro do grupo e compañeiro de fatigas que primeiro foi embarcado e posteriormente decapitado. Coa CTdGa mellorou a vida dunha clase intelectual que tivo acceso aos medios e ao diñeiro, pero as vidas do resto do sector cultural permaneceron iguais; e mentres a vida artística se enchía de discursos oportunistas, moi poucas cousas cambiaban de verdade para a xente da cultura de base. A orde cultural xurdida da CTdGa supuxo a nova alianza entre cultura e poder, tradicionalmente enfrontados no transcorrer da historia e repentinamente irmándaos ao redor do mesmo proxecto de normalización e modernidade, nun pacto que deixaba a un lado o papel da cultura como ferramenta e práctica crítica.

Un dos aspectos que se tiveron claros cando se crearon as infraestruturas culturais que daban cobertura ao pacto, é que tivesen un apelido territorial: galego, galega, de Galicia. Algo que no fondo neutralizaba o uso do adxectivo «nacional» e que se compuxesen nomes –algo que si sucede en Catalunya, en certo xeito en Euskal Herria e, por suposto, no Estado español– como Centro Dramático Nacional, Filmoteca Nacional ou todas as súas variantes posibles. Esta operación cosmética levou a que a cultura da autonomía fose creada principalmente polo galeguismo deixando ao nacionalismo galego á marxe, algo presente na linguaxe e a denominación das institucións, para evitar que a sociedade puidese pensar algo que desde Madrid e certos sectores de Galicia non estaría ben visto.

Manuel Fraga entrégalle o trofeo da Volta a España 1993, un Pelegrín, a Tony Rominger, o gañador dese ano (xacobeo) no que a competición ciclista rematou en Compostela.

Un ano clave para sentar as bases da CTdGa foi 1983, nese mes de xuño apróbase a Lei de Normalización Lingüística e, un mes despois, créase o Consello da Cultura Galega. Este organismo con capacidade xurídica propia foi o primeiro que se creou a nivel estatal –nalgunhas comunidades aínda nin se creou, e a principios desta década unicamente existía en oito das dezasete CCAA– e dos poucos cuxa creación estaba previsto no propio Estatuto de Autonomía, en concreto, no seu artigo 32. Unha vez que os gobernos autonómicos asumiron as competencias en cultura, resulta clarividente observar a rapidez que existiu en Galicia –ademais do caso a analizar na primeira metade da década dos oitenta só se creou o equivalente valenciano e navarro– para a creación deste organismo parainstitucional moi criticado por ter en moi poucas ocasións unha postura crítica co poder. Na creación da CTdGa –do mesmo xeito que na redacción e aprobación da Lei de Normalización Lingüística– intelectuais bandeira da mesma como Piñeiro e Carlos Casares, que con posterioridade chegarían a ocupar a presidencia, tiveron un papel central.

A manipulación da obra e pensamento político de Castelao foi clave para a lexitimación da autonomía e o sistema cultural galego, algo que se nos presenta moi claramente na identidade gráfica do Consello. Para o logotipo que acompaña a todas as comunicacións e traballos realizados desde a institución optaron polo tallado e retoque ao gusto autonomista do escudo deseñado por Castelao para a bandeira galega, pero suprimindo a lenda «Denantes mortos que escravos» e substituíndo a fouce de ouro druídica e a estrela vermella de cinco puntas polas sete cruces –que representan as sete antigas provincias galegas–, o cáliz e a hostia do actual escudo oficial de Galicia descrito na Lei 5/1984, do 29 de maio, de símbolos de Galicia. O conxunto preséntase sostido pola silueta da serea orixinal do escudo de Castelao que nos remite instantaneamente ao mesmo, e cuxa aberración aparece culminada pola coroa real e, esta, pola cruz sobre a cabeleira da ninfa.

Na nosa hipótese, a fin ou a crise principal da CTdGa –e tamén da pax fraguiana– prodúcese en 2002, ao redor da xestión do accidente do Prestige. O acontecido en torno ao Nunca Máis foi o momento onde a hexemonía cultural do fraguismo entrou en crise, no que a realidade oficial dos medios de comunicación e o seu exército de periodistas, opinadores e intelectuais orgánicos, que dominaran os marcos interpretativos da realidade dende a «transacción», non van ter a capacidade de facelo cun evento que confrontaba coa CTdGa.

A sucesión de feitos ou efectos non sempre implica causalidade, pero cando a densidade destes é tan elevada e continuada no tempo é complicado non prestarlle atención. Este artigo é unha reflexión, un intento de poñer as principais pezas no taboleiro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail