A sentenza do Prestige resucitou de novo unha polémica que nunca morrera de todo, e serviu para que a Administración –o PP, daquela e hoxe no poder– porfiase na excelencia da súa xestión da catástrofe e a oposición –tamén a mesma entón que agora– e boa parte da cidadanía sentisen a mesma sensación de desamparo ante as institucións, neste caso as da Xustiza. En resumo, cada un falou da feira segundo lle foi nela, pero Carlos Martínez-Buján Pérez (Monforte de Lemos, 1955) non. Catedrático de Dereito Penal da Universidade da Coruña e conselleiro do Consello Consultivo de Galicia, autor duns vinte libros e director de case un cento, fala como un dos maiores expertos penais de Galicia, e como un analista que leva debullado a instrución do caso en columnas de opinión en La Voz de Galicia e El País. Para Martínez-Buján, aínda dando como probados os feitos que como tal dá a sentenza, a absolución é un grave erro xurídico.
Dentro duns anos, probablemente un xornalista preguntará onde estabas cando se leu a sentenza do Prestige e que pensaches, ou sexa que podemos ir adiantando traballo. Estaba no despacho, e escoiteina en directo. Valo vendo vir, a medida que vas oíndo, e a primeira sensación foi de sorpresa. Máis ca sorpresa, estupor. Digo desde o punto de vista xurídico, sen valoracións políticas, porque temos que pensar que aquí non se actuou con criterios políticos, senón entón alguén estaría obrando de forma contraria a dereito.
O fiscal dixo que o xuízo estivo viciado desde o principio. Este tipo de causas pódeas instruír un xulgado de primeira instancia? Este non era un caso para un xulgado pequeno desde todos os puntos de vista, pola carencia de medios e pola propia formación dos xuíces, que acaban de saír da escola xudicial. De aí arrincan os problemas. Claro que legal e constitucionalmente non había outra solución, pero debería regularse isto. Xa que existe a Audiencia Nacional, criticada e con razón por ser unha xurisdición especial, de ter algún sentido sería nestes casos.
O auto de instrución da xuíza de Corcubión nin sequera acusaba a López-Sors. Repescouno para o banquillo unha decisión da Audiencia Provincial. O auto de instrución pareceume moi deficiente xuridicamente. Pero, a maiores, baseaba toda a súa argumentación na famosa peritaxe de Martín Criado, que era un pseudoperito e era parcial. Pseudoperito porque era un enxeñeiro naval que opinaba sobre algo que non era da súa especialidade. Podía falar da resistencia do buque, pero carecía da capacitación necesaria para opinar se se podía refuxiar en Corcubión. E parcial porque foi dos que asesorou naquel momento
a López Sors, estaba contaminado. Isto vese moi ben no auto de procesamento da Audiencia, e noutro auto sobre cuestións preliminares do propio tribunal sentenciador, onde se di que a declaración non ten máis valor que unha opinión, con valor probatorio moi reducido,
non un ditame pericial. E se non existe ese ditame, onde se pode apoiar a absolución de López-Sors? Porque os outros peritos e unha chea de testemuñas, algúns da propia Administración, servían para o contrario. Pero quero sinalar que a min non me chamou tanto a atención a absolución en si, senón a deficiencia da argumentación xurídica da sentenza.
Pois cando se producen estes fallos que non concordan co sentir maioritario da sociedade sempre hai quen di, «a sentenza non é xusta pero legalmente é impecable». Iso é… en fin. Desde o punto de vista xurídico-penal, tendo en conta os feitos probados, con eses mesmos feitos e non outros, insisto, por moi nesgados que parezan, o correcto sería ter condenado a López-Sors. A sentenza está chea de defectos e de erros básicos de concepto.
Como por exemplo? En primeiro lugar hai unha mala interpretación do que é a imprudencia no dereito penal. Na sentenza dise que «a imprudencia non é senón un xuízo de valor que non pode vincularse co resultado dunha conduta senón coas súas motivacións… de modo que se a motivación foi evitar unha catástrofe ou paliala non se lle pode atribuír a ese comportamento ningunha responsabilidade penal». Que teñen que ver as motivacións coa imprudencia? O cirurxián pode actuar con toda a intención de curar, pero se non segue as regras da lex artis [as que regulan o deber profesional], e lesiona o paciente, é responsable. Non fai falta ser experto en dereito penal para saber que a imprudencia pode ser inconsciente. De feito, as condutas máis perigosas son as dos atordados que non se decatan do que fan. A sentenza está chea de cousas así: «Non parece lóxico que unha decisión tomada para protexer a costa se convertese nun remedio moito peor que a vertedura nun punto concentrado». Pois é perfectamente lóxico, ti podes ter a intención de protexer a costa, pero se non tomas as medidas axeitadas, porque non te informas, porque non sabes, non queres ou porque cho dixeron desde arriba, fas unha desfeita. «Sorprende ademais que se incrimine a quen en principio non é senón unha vítima e afectado polo desastre que tratou de solucionar», di tamén. Co cal nunca poderiamos procesar un médico, que o que pretendía era curar, nin o maquinista do Alvia, que soamente quería transportar xente, non descarrilar. Así non é imprudente ninguén. En definitiva, a imprudencia non é algo psicolóxico, é unha infracción do deber, non ter previsto algo que deberías ter previsto.
Ao capitán Mangouras e ao xefe de máquinas tamén os absolveron porque non estaba probado que coñecesen o estado real do barco. Neste caso esa inconsciencia non é tamén punible? Partindo sempre de dar por bos os feitos probados, por moi discutibles que parezan, con relación ao capitán son moi contundentes e non o poderían condenar. Primeiro porque non coñecía o estado do buque nin, como di a sentenza, tiña por que coñecelo. E segundo, se as manobras para adrizar o barco foron correctas, segundo o 99% dos técnicos, non hai modo ningún de que prospere esa casación.
E de onde veñen eses erros da sentenza? Están inducidos en parte pola Avogacía do Estado. Hai un momento que di: «Como ben di a Avogacía do Estado». E di tres cousas, e as tres están mal. A primeira, que non había posición de garante. A posición de garante é a que permite que unha omisión equivalla a unha acción, é dicir, tanto ten que unha nai ou un pai afoguen o seu bebé como que non lle dean de comer e morra a consecuencia desa omisión. A posición de garante soamente ten sentido nos delitos que se cometen por omisión. Pero o delito de López Sors non é de omisión, é de acción: substituír a Mangouras, asumir o mando do barco e ordenar que siga rumbo noroeste cara ao temporal en lugar de refuxialo. Hai unha conduta activa. Pero despois realizou outra acción perigosa, que foi enviar o barco mar adentro e desentenderse del. Ou sexa que o erro é dobre, non ten sentido a posición de garante, porque o comportamento era por acción, pero, aínda así, despois hóuboa, porque se desentendeu do perigo que provocou, como o excursionista que non apaga o lume que prendeu. A Avogacía do Estado tamén asegura que a conduta non está tipificada no Código Penal ao non haber infracción de normas administrativas. Outro disparate. Se non hai unha conducta tipificada como delito, por que estamos case un ano celebrando unha vista oral contra López-Sors que nos custa unha fortuna? Se non hai cadáver nin nunca houbo morto, non sei que facemos aquí. Polo demais, o que se supón que quere dicir é que non hai unha norma administrativa específica que prohiba verter hidrocarburos ao mar a unha administración que intenta salvar un petroleiro —isto é, a chamada «accesoriedade administrativa»—, mais verter hidrocarburos está prohibido polo artigo 325 a todo o mundo, tamén aos Estados segundo a normativa internacional. E ademais o artigo 330 castiga a quen dana un espazo natural protexido. Punto. Sen máis requisitos, infrinxindo normas administrativas ou sen infrinxilas —non exixe a «accesoriedade administrativa»—. E o 267, que castiga os danos patrimoniais, tampouco exixe esa accesoriedade administrativa.
E a terceira? A terceira non é doada de explicar, pero é moi importante desde o punto de vista do Código Penal. Din que López-Sors non tiña «o dominio do feito», un criterio de autoría para que se estableza quen é autor e quen é partícipe. Pero, de entrada, nos delitos de imprudencia o dominio do feito non é o criterio válido. E ademais iría no sentido contrario, porque este criterio amplía extraordinariamente o concepto da autoría a aqueles que non cometen directamente o delito, pero que se considera que son responsables del. Creárono fundamentalmente para poder castigar, por exemplo, os xerarcas nazis que deron as ordes, aínda que non executasen persoalmente a ninguén nos campos de concentración nin coñecesen aos executores, porque tiñan o dominio do feito. Aquí non ten sentido porque López-Sors executa el propio as accións.
Falando de autorías e ordes, ata que punto é lóxico, ou xusto, que o único representante da Administración e responsable do que a Administración fixo fose o director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors? Mesmo o maxistrado Juan Luis Pía Iglesias dixo ao remate do xuízo que debería haber máis acusados. Lin e escoitei que a absolución en certa forma foi unha decisión ética porque quen sentara no banquillo non eran os auténticos responsables. Non obstante, o capitán non asume ningunha responsabilidade que non sexa a súa, responde dos seus propios actos. Pero López-Sors é o verdadeiro responsable porque asume el todo o marrón, para entendérmonos. Declara: eu non recibín instrucións de arriba nin de ningunha parte. Xuridicamente é o único que me ten que importar. Home, entendemos todos que probablemente a decisión non a tomou el. O propio auto de procesamento dixo que a cousa tiña perfís plurais e que había que investigar os superiores de López Sors, pero non se investigou.
Visto con obxectividade, poderíase dicir que López-Sors non foi o responsable do accidente. Do accidente inicial non, claro. Mais a efectos da súa responsabilidade, a causa do accidente é irrelevante e intranscendente. Como se a causa do accidente fose unha bomba terrorista. El responde desde o momento no que asume o control da fonte de perigo. Outra vez volvemos ao exemplo do médico: tanto ten se o paciente que lle morre no quirófano polas súas malas prácticas ingresou por unha apendicite ou por unha puñalada.
A sentenza absolutoria di que a conduta de López-Sors «foi enteiramente lóxica e claramente prudente», cando o auto da mesmaAudiencia Provincial que decidiu encausalo dicía que «non se pode tildar de prudente e razoable o que é un erro clamoroso» e subliñaba «o desacerto na xestión da crise» como «peor imposible». Como casa unha cousa coa outra? Houbo unha vista oral longuísima, pero os ditames periciais son os ditames periciais, e as gravacións son gravacións, e todo consta no sumario.
De «peor imposible» a «claramente prudente» xa dá unha idea do inexplicable e o absurdo do asunto. De todas formas, a sentenza di o de «conduta lóxica» pero logo todo está salpicado de «tomou decisión discutible», «é controvertido»… É contraditorio nos seus propios termos.
A propia sentenza recoñece que non se constituíu formalmente un comité asesor, e houbo quen formou parte do gabinete de crise que o definiu como o camarote dos irmáns Marx. Logo tes que ponderar riscos, escoller o mal menor. Que é mais lesivo, refuxialo coa posibilidade de que non haxa vertido, que esa posibilidade existía, ou un afundimento seguro? Iso ata o vai recoñecendo a sentenza, nesa síndrome de Penélope que ten de si, pero non, pero si, pero non, que ao final chega a dicir que a alternativa do refuxio era eficaz. E xa habería que parar aquí a comparación de males. Ese argumento que manexa de que se se enfadaban os veciños de Corcubión… Pois claro que se ían enfadar os veciños de Corcubión!, pero refuxialo era o menos lesivo para o interese xeral.
Pero podíase ter afundido en Corcubión. Admitindo esa hipótese, é cando a sentenza entra nesa comparación absurda de que prefire a contaminación «extensa» á «intensa». Primeiro, porque aínda que afundise en Corcubión, que non é seguro, sería unha contaminación intensa nunha ría sen espazos naturais protexidos, e este sería o argumento xurídico básico:
non habería infracción ningunha contra o artigo 330, daquela un delito máis grave que o de contaminación, o 325. Segundo, a contaminación sería moito menos grave, porque a catástrofe sería menos extensa. E terceiro, tamén habería moitos menos danos patrimoniais, os do artigo 267, porque hai menos posibles persoas e empresas afectadas. Refuxiándoo, aínda que saíse mal, o mal xurídico sería moito menor. E sería moito máis doada a recuperación do fuel, pola pouca profundidade, segundo sinala a propia sentenza. Pero se a sentenza, ao final dese penelopismo, recoñece que a alternativa de Corcubión é «respectable e eficaz, se non fose por un gran inconveniente…» [pausa]
Cal? Aquí está: «Un gran inconveniente de carácter real e argumental». E cal é? Agárrate! «Nunca se dixo ata agora cal sería a decisión correcta a adoptar nin o protocolo a seguir no suposto non desdeñable de que se repetisen feitos similares». É que non hai unha resposta unívoca sobre o que hai que facer. Se se dá un caso similar, haberá que facer o que figura no Plan Nacional de Continxencias, e que aquí non se fixo: informarse adecuadamente e avaliar o estado do buque, ponderar riscos e adoptar a medida menos mala.
Sinalouse que non hai unha normativa en España que obrigue a meter os barcos en portos refuxio, e de feito non hai nin portos refuxio. É o Código Penal o que obriga a refuxiar o buque, porque tes que optar polo mal menor, desde unha perspectiva ex-ante: o que faría no momento dos feitos un profesional ideal, cos coñecementos do autor, de López-Sors, e cos medios que tiña á súa disposición. Porque ex-post, claro, todos sabemos o que pasou. Non hai obriga de refuxialo, pero tampouco prohibición, pero aínda que a houbese, sempre prevalecería a busca do mal menor. Se vas no coche e se che cruza un neno, para non atropelalo podes e debes invadir o carril contrario, aínda que estea prohibido por unha norma administrativa.
Houbo delito en confiarlle o barco a Smit e en obrigalos a levalo fóra das 120 millas de exclusión económica española? Ese é o núcleo da acción perigosa realizada por López-Sors, porque non soamente non escolles o mal menor, senón que mandas afastalo na peor dirección posible. Cara a onde, Canadá? Hai unha frase de José Manuel Martínez Mayán, capitán de prestixio e profesor de técnicas de navegación, un dos dous asesores externos de López-Sors nos primeiros momentos que dixo: «Non creo que exista un profesional no planeta que queira ser medianamente honrado e que aconselle levar o barco mar adentro».
E por que non lle deu ese consello ao director xeral da Mariña Mercante? Porque o único que lle preguntaron, por teléfono, non foi se era mellor refuxiar o barco ou non, senón soamente se era posible transvasar a carga en alta mar, e claro, díxolles que era unha loucura.
Faga de xuíz. De que delitos foi culpable López-Sors e que penas lle corresponderían? É complicado de cualificar. Simplificando, hai un delito de contaminación, pero ao ser de imprudencia e non doloso, non se lle poden engadir as agravantes que lle pedían a el, e ao capitán, ou sexa que lle corresponderían de 3 a 6 meses, por aplicación da pena inferior en grao, tal e como estaba establecida a pena no artigo 325 no momento dos feitos. Tamén incorreu
no 330, contaminación de espazos protexidos, que supón unha pena de 6 meses a un ano para a imprudencia grave. E o 267, o delito de danos patrimoniais, se superase os 60.101,21 euros —no momento dos feitos— de danos, cuxa pena é de 3 a 9 meses. E multas e inhabilitación á parte, claro.
Estamos condenados a que o de «quen contamina, paga» siga sendo soamente un slogan? A sentenza é correcta no sentido de que se non hai responsabilidade penal, non a hai civil neste xuízo penal. Queda a vía civil, contra a clasificadora ABS, e ese xa non é o meu campo, pero todos os especialistas din que, tras o preito nos EUA, non ten moitos visos de prosperar. Tamén queda a posibilidade da responsabilidade administrativa patrimonial da Administración. Iso si, se o delito se cometese hoxe, que as persoas xurídicas poden ser xa responsables penalmente, a operadora do Prestige, Universe Maritime, podería ser condenada.