Con Vox España xa é plenamente europea

«Cando os cidadáns votan, non hai inquietude», afirman con cautela na Comisión Europea, tralas últimas eleccións xerais en España. «Está claro que acadar maiorías será difícil, pero agardamos que se forme un goberno o antes posible», afirmou este luns a portavoz xefe da Comisión, Mina Andreeva.

Bruxelas olla con moita prudencia cara un Estado membro que ata o de agora era modelo de europeísmo e estabilidade política. Todo cambiou hai cinco anos coa irrupción de Podemos e Ciudadanos, dúas formacións que viñan a romper o bipartidismo, e todo semella voar polos aires coa meteorito de Vox dende os comicios de abril. Así os chama un importante xornal europeo.

Mina Andreeva, a portavoz xefa da Comisión europea.

España xa é plenamente europea. Até o de agora, era o único dos grandes países da UE onde a extrema dereita non contaba cunha formación propia capaz de loitar contra as antigas formacións saídas da Segunda Guerra Mundial. Non contaba cun Fronte Nacional como o da familia Le Pen en Francia, unha AfD xermana en disputa cos verdes pola terceira praza logo de esnaquizar os liberais, tampouco cun omnipresente Matteo Salvini.

Hai un ano a extrema dereita estaba agochada, entre as filas do PP máis ultras en canto á herdanza franquista, e representada por Ciudadanos na defensa contemporánea do nacionalismo español fronte ao catalán. Hoxe, ten un 15% dos votos por si soa, 28 escanos máis que en abril e xa non se agocha nuns nin vota aos outros. É unha extrema dereita verdadeiramente europea.

De súpeto Vox ata supera en porcentaxe de votos a auténticos referentes do seu espectro ideolóxico como o partido pola libertade de Geert Wilders nos Países Baixos ou á AfD alemana, os tres socios dos mesmo grupo no Parlamento Europeo, que só acadan un 13% nos seus países. «Unha progresión fulgurante» grazas a un «impresionante traballo», segundo Marine Le Pen, «un gran avance» dos «amigos de Vox», para Salvini. Os dous popes da ultradereita saúdan a forza do novo sangue hispano.

Membros do Comité Executivo Nacional de VOX con Marine Le Pen.

Meteorito, precisamente, quizais sexa axeitado para describir o impacto de Vox no sistema parlamentario español, onde xa obtivo a súa primeira vítima, a dimisión de Albert Rivera. Esta simbiose estelar da extrema dereita española xera un meltdown. A verba inglesa é axeitada porque como fusión provocada por unha reacción nuclear, emprégase para ilustrar un colapso, como o que acontece tralo impacto dun grande asteroide, como esa codia política que vemos quebrarse e só somos quen de albiscar as consecuencias.

E somos quen grazas a Andreeva, portavoz da Comisión Europea, quen deixa un agasallo para Pedro Sánchez na valoración do executivo comunitario, breve pero chea de matices, sobre a situación política española. «Agora, a creación dunha maioría non será sinxela para o primeiro ministro Sánchez pero agardamos [de novo, véxase o verbo escollido por Bruxelas, mestura de desexo ou esperanza mais tamén de recomendación imperativa] que o proceso remate cun goberno que permita a España seguir exercendo un rol activo en Europa e no exterior».

Velaquí de novo España pode dar un salto na clasificación do europeísmo. En abril, PSOE e PP sumaban 189 escanos. Agora, malia á pequena caída dos socialistas, xa están nos 200. A posibilidade dunha gran coalición amósase pola porta, dunha Groko alemana, que mellor espello ao que ollar que o da gran potencia europea.

A chanceler alemá Angela Merkel (CDU) e o vicechanceler Olaf Scholz (SPD).

A Grose Koalition é o goberno de coalición entre democristiáns y socialdemócratas en Alemaña, da que van tres edición dende 2005. Ambos partidos gobernan xuntos capitaneados por Angela Merkel garantindo unha estabilidade política e económica que agocha as enormes diferencias entre un oeste próspero e un leste que segue a loitar para esquecer a herdanza soviética. É a mesma gran coalición que gobernou e se distribuíu os grandes postos de responsabilidade da UE ata as derradeiras eleccións europeas de maio. Na Eurocámara había dende hai décadas un importante abano de formacións con liberais, forzas de esquerda, ecoloxistas e, máis recentemente, euroescépticas. Fronte a todas elas, a receita da gran coalición era a solución.

En España ábrese un escenario semellante agora que Ciudadanos xa non pode exercer como gonzo entre eixos. Un Goberno do PSOE como forza máis votada integrando ao Partido Popular, escenario máis complicado, ou unha quirúrxica abstención na segunda votación de investidura, cando non faga falla a maioría absoluta, e logo xa iremos vendo, como dirídamos en Galiza.

Alguén pensa que Bruxelas considera a unha coalición con Podemos e Máis País apoiada por PNV, BNG, Coalición Canarias e ERC como un «goberno que permita a España seguir exercendo un rol activo en Europa e no exterior»?

Para ser un grande na Europa hai que ser da GroKo!!! Longa vida á Gran coalición, en Alemaña ou en España!!!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail