Cinco semanas despois de propoñer «unha reflexión» sobre o seu futuro, ninguén dubida en Galicia de que a líder da oposición a Feijóo seguirá á fronte do proxecto nacionalista
A Coruña.- O órdago que lanzou hai unhas semanas a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, anunciando un «tempo reflexión» para decidir cal debía ser o seu papel no futuro da organización, parece lograr o obxectivo que pretendía. Non só acalar as escasas voces críticas cunha xestión que permitiu ao nacionalismo galego acadar o momento máis doce da súa historia, senón reactivar á formación e evitar que poida durmirse na autocompracencia.
A finais de agosto pasado, na executiva coa que ía abrir o curso político, Pontón deixou caer que se estaba repensando o seu papel no partido para a asemblea nacional que o BNG ten previsto celebrar o próximo 7 de novembro. Foi un choque. Porque ninguén poñía en dúbida o seu liderado nin dentro nin fóra do partido, e porque ninguén pensaba que o Bloque poida seguir crecendo sen ela á súa cabeza.
Pontón ascendeu á portavocía nacional do BNG en febreiro do 2016, e sete meses despois non puido evitar que a resaca das batallas internas do nacionalismo, a sucesión de líderes con escaso apoio electoral e o ascenso da esquerda alternativa deixarán ao partido con apenas o 8,3% dos votos e unha exigua representación de seis escanos dun total de 75. Apenas catro anos despois, Pontón obtivo 19 deputados con case o 24% dos sufraxios.
«A reflexión que propuxo Ana parte dunha posición que escapa do conformismo e da rutina. Porque é evidente que ninguén cuestionaría que se presentase sen máis a revalidar o seu liderado e que saíse da próxima asemblea nacional aclamada pola militancia. Ese sería o camiño previsible, pero non é o que ela considera que hai que percorrer para lograr o gran reto histórico do BNG: liderar o goberno de Galicia dentro de tres anos», asegura unha fonte do Bloque.
«Creo que iso é o que está detrás da súa decisión e que, por iso mesmo, é tamén unha invitación a unha reflexión colectiva. O Bloque pasou da resistencia e a reorganización ao despegamento, e nesta asemblea abrirá unha nova etapa política no que o obxectivo é disputar a hexemonía ao PP. Por iso o seu discurso no último Consello Nacional, o máximo órgano de dirección entre asembleas, foi claro: hoxe lideramos a oposición, en tres anos queremos liderar Galicia», engade esa fonte.
Nesa clave inciden outros membros da formación, que prefiren manter o anonimato ou advertir de que só falan off the record cando alertan de que, a pesar dos éxitos electorais do BNG de Pontón -un deputado no Congreso, outra no Parlamento Europeo, unha trintena de alcaldías, once escanos nas deputacións provinciais e a condición de segunda forza política do país-, na formación aínda había sectores que cuestionaban polo baixo a forma na que o Bloque está a lograr ampliar a súa base social.
O BNG é unha fronte ampla de varios partidos nacionalistas, conformada como tal en 1982. A formación funciona externamente como un único partido e boa parte da súa militancia é independente e non está adscrita a ningún dos colectivos que a integran. Pero o peso organizativo da Unión do Povo Galego (UPG) segue sendo moi relevante.
O liderado de Pontón ten a súa orixe a UPG, de onde proveñen os chamados «coroneis» aos que sempre se lles ten atribuído -e criticado- o pretender exercer de gardiáns dos principios políticos e organizativos do nacionalismo, baseados no soberanismo e o socialismo. Unhas barreiras que propiciaron disputas internas mesmo nos mellores momentos, cando logrou 18 escanos con Xosé Manuel Beiras en 1997, ou cando accedeu á Xunta no 2005 con Anxo Quintana no Goberno do socialista Emilio Pérez Touriño. Só catro anos despois, no 2009, o PP puido recuperar o Executivo autonómico porque o BNG perdeu o escano que dese á coalición a maioría sobre o recentemente chegado Feijóo.
Pontón é hoxe a segunda líder política de Galicia mellor valorada despois do presidente da Xunta, pero a primeira entre os votantes dos partidos rivais, incluídos os do PP. De momento, a única que parece capaz de amenzar o reinado de Feijóo.
Pero non quere conformarse con iso, con ser unha mera ameaza como xefa da oposición, con todo o sacrificio persoal que iso supón -ten unha filla dun ano e oito meses-. O que quere é gañar as próximas eleccións e presidir a Xunta a partir do 2023. E agora dá a impresión de que o tempo de reflexión que propuxo a finais de agosto non era porque ela teña ningunha dúbida sobre como facelo, senón porque non quere telas respecto do compromiso de toda a súa organización co seu proxecto. Sete semanas despois de anuncio, o que ninguén dubida en Galicia é que Pontón seguirá.
«O BNG está diante unha oportunidade histórica e é lóxico que unha líder responsable, e Ana Pontón o é, aposte por parar e pensar cal é a mellor maneira de afrontalo, e se é a mellor candidata para encabezar ese reto que, obviamente, é colectivo. Por iso insiste tanto na fortaleza da organización, no papel da militancia e en ampliar a base social sen renunciar a nada, pero desde a transversalidade», afirman fontes do Bloque, que citan outra cuestión clave neste asunto e que quizá non fose valorada con toda a importancia que merece: «Ana non exerce un liderado ao uso, senón un liderado en clave feminista, con modos e formas moi diferentes aos que podemos ver habitualmente en política. Por iso tamén a súa decisión foi tan sorprendente para moitos».