A institución monárquica segue perdendo apoios no conxunto da cidadanía do Estado, en todas as franxas de idade e independentemente de ideoloxías, de acordo coa segunda onda da enquisa promovida pola Plataforma de Medios Independentes (PMI) da que forma parte Luzes. O único dato positivo desta sondaxe realizada de novo por 40dB. é que hai máis porcentaxe da poboación que se acolle ao «non sei» ao ser preguntada sobre a confianza nalgunhas institucións, incluída a monarquía.
A popularidade da monarquía é unha área de investigación sociolóxica que desapareceu dos barómetros do CIS en 2015, e que a PMI decidiu acometer coas achegas de 1.965 cidadáns (ver listado).
Malia a redución do tamaño da mostra (de 3.000 enquisados a 1.000) e incluso considerando unha maior marxe de erro ca na do ano pasado, os resultados son claros no que respecta á pouca confianza da poboación nalgunha das oito institucións do Estado polas que se pregunta. Todas reproban, coa excepción das Forzas Armadas, cunha nota de 6, malia unha caída de dúas décimas. Os resultados en xeral, son similares aos de 2020 e tamén, coas variacións lóxicas, aos de 2015 (barómetro do CIS).
Sen datos de Galicia
A reducción da mostra con respecto á de 2020 non permite dar datos desagregados de Galicia mínimamente fiables. Non obstante, a pouca variación nos parámetros estatais permite conxecturar que tampouco mudarían esencialmente os galegios. Os da mostra do ano pasado establecían un empate técnico: un 41,1% das persoas enquisadas en Galicia votarían a favor da república, fronte a un 40,9% que se decantarías pola opción monárquica. Un raquítico 0,9% de diferenza. A cousa cambiaba cando se lles preguntaba que alternativa cren que gañaría. Un 33% pensaban que sairía escollida a república, mentres un 47,5% consideran que a monarquía. Estes últimos, suman case nove puntos de diferenza a respecto da media estatal, que tamén aposta pola vitoria da monarquía se ben máis axustada que no caso de Galicia. A cidadanía galega si lle daba máis importancia ca española a vivir nun rexime democrático (un 3% máis).
A institución peor valorada son os partidos políticos, confirmándose resultados anteriores, cunha nota de 2,9 . Neste caso, a congruencia entre a falta de confianza e a consideración dos partidos políticos como un problema, que era clara en 2015, agora resulta menos doada de comprobar. Até decembro de 2019, «as/os políticas/os en xeral, os partidos e a política» aparecían no CIS como segundo problema, despois do paro, de maneira bastante persistente e congruente con esta falta de confianza. En xaneiro de 2020, cámbiase no barómetro esta opción, desagregándoa en tres: sobre os problemas políticos, o comportamento das persoas en política e o dos partidos. En consecuencia non hai con que comparar un concepto da amplitude «partido político» dos barómetros anteriores.
Empeora a imaxe da Igrexa
Achegándose ao aprobado, con pequenas subidas, o poder xudicial como segunda institución máis valorada, con 4,8, e os medios de comunicación no terceiro posto, cunha nota de 4,5. Son as dúas institucións que melloran nota respecto do estudo de 2020. Mantéñense os sindicatos e a igrexa católica. No caso da Igrexa, confírmase a gravidade do deterioro da súa imaxe respecto da que tiña en abril de 2015 e, xunto á monarquía, son as dúas institucións que empeoran tomando como referencia aquel barómetro.
O emérito, á baixa
Sobre os datos referentes á confianza na monarquía, parece claro que a desafección está bastante consolidada e non é froito dun escándalo concreto dos que rodean dende hai anos á familia real e á institución. A enquisa está, ademais, feita antes (non reflicte o seu impacto na confianza) do último deses escándalos: a decisión de non imputar ao rei fugado por delito fiscal, e non porque non existira tal delito, senón porque, ou ben prescribiu, ou ben cando foi cometido o rei fugado estaba protexido pola inviolabilidade que establece o art. 56 da CE.
Pregúntase por catro figuras da familia real. A única que non empeora respecto a 2020, é a consorte do rei, xusto a que non está a recibir o maior grado de protección mediática, cunha nota de 4,7. Seguen aprobando á baixa o rei actual cun 5,7 e a consorte anterior 5,6. Empeora a nota do rei á fuga que cae até un 3.
Non parece dar bo froito esta operación «persil» de branquexamento da monarquía en xeral e do actual rei en particular, dos medios mainstream na percepción popular. Pode incluso resultar contraproducente, por exemplo, basear a defensa do rei fugado nunha interpretación absurda (ilimitada) do concepto de irresponsabilidade da Constitución que, lonxe de crear confianza, sementa confusión, porque significa que a persoa que actualmente ostenta o cargo pode cometer delitos sen consecuencias. Delitos «fiscais», como o seu pai, e non sabemos ben que máis: é irresponsable se viola? se rouba? se mata?… Absurdo, verdade? O rei é irresponsable do que ten que asinar polo seu cargo, porque a súa función constitucional e facelo independentemente do que quere ou pensa. Como vai ser irresponsable se comete un delito como cidadán? Como vai a Constitución declarar unha tal desigualdade ante a lei? Como é posible que a imaxe pública da monarquía se recupere con estes argumentos?
Ligada á valoración da monarquía, a enquisa inclúe preguntas sobre a necesidade e a intención de voto nun referendo en España sobre a forma de Estado. Respecto a 2020, máis xente está indecisa sobre a necesidade aínda que segue a ser maioritaria a idea de que se debe facer a pregunta pendente dende a transición. O balance de voto 41/35 a favor da república de 2020 reforzase malia o aumento da abstención e queda en 39/31 en 2021.
Analizando os temas que abre esta segunda onda da enquisa de 40dB para a Plataforma de Medios Independentes, así como a necesidade de afondar con máis medios nesas liñas de investigación, é unha vez máis necesario reivindicar o papel do CIS como institución básica da democracia.
A necesidade de que o instituto público supere a actual tensión electoralista dos barómetros e utilice os seus valiosos recursos, nunha procura mellor do coñecemento da sociedade. Incluso dende a perspectiva pro-sistema de mellorar a percepción sobre as institucións, sempre será máis útil saber que omitir ou que mirar para outro lado. Resulta escandaloso que esta responsabilidade pública acabe quedando en mans privadas, por moi ben intencionadas que sexan, que cargan con dificultades de financiamento e difusión que limitan os resultados.
Resulta tan escandaloso como que sexa un grupo de xornalistas e non a inspección de facenda quen atope a fraude fiscal, como acabamos de ver no caso dos papeis de Pandora publicados estes días.
Pode mirar ou baixar aquí o informe-enquisa sobre a Monarquía feito por 40dB. para a PMI
A Enquisa sobre a Monarquía é unha iniciativa impulsada pola Plataforma de Medios Independentes ( PMI), que agrupa 15 cabeceiras, entre elas Luzes. Para poder realizar a maior enquisa feita nunca en España sobre a monarquía, a PMI organizou unha recadación de fondos que se completou nun só día. A enquisa financiada por 1.965 doantes encargouse a 40 dB., o instituto de opinión dirixido por Belén Barreiro, expresidenta do CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas). O proxecto xurdiu tras a solicitude destes medios ao CIS dunha enquisa sobre a monarquía, un asunto sobre o que o organismo leva máis de seis anos sen preguntar.