A confianza nas institucións ou na calidade da democracia é unha medida importante para saber o que funciona ben para a opinión publica e o que se debe modificar. Esa era unha das preguntas clásicas dos barómetros do CIS, desapareceu logo de abril de 2015 (presidía o goberno Mariano Rajoy e dirixía o CIS Félix Requena) e nunca se volveu publicar.
En data tan sinalada como o 12 de Outubro de 2020 apareceu en varios medios unha enquisa promovida pola Plataforma de Medios Independentes, pagada con aportacións do público lector, e realizada pola prestixiosa 40dB., que inclúe esta información, xunto con outras máis específicas relativas á Monarquía ou á Constitución. Podemos así, malia a negativa do CIS a recuperar estas preguntas, analizar de novo a opinión pública, cuns datos comparables e consistentes con aquela información «oficial» de 2015 e coas anteriores de 2014 e 2013.
No relativo á confianza en oito das principais institucións do Estado, destaca que «a única que aproba», en todos os tramos de idade, cunha nota media de 6,2 son as Forzas Armadas, e que a peor valorada tamén en todos os tramos, son os partidos políticos, cunha nota media de 3. Ambas institucións repiten posición a respecto do CIS de 2015, aínda que con notas menores. Compre lembrar que os partidos políticos están considerados, pola opinión pública española, entre os principais problemas da nosa sociedade de maneira continuada nos barómetros mensuais.
Rozando o aprobado, o poder xudicial como segunda institución máis valorada, cun 4,7 gáñase a confianza da xente por riba do que antano era habitual, xa que adoitaba estar sobre a quinta posición e con notas inferiores ao 4. Ese segundo posto era antes ocupado polos medios de comunicación que baixan agora en posición e nota, ao terceiro posto, cunha nota de 4,3.
A monarquía mantense na cuarta posición coa mesma nota que en 2015 de 4,3. Mentres as notas do Parlamento no quinto lugar e os sindicatos no sexto, soben considerablemente a 4,2 e 3,7 respectivamente. O baixón de confianza máis aparatoso é o da Igrexa Católica, que pasa do terceiro ao sétimo lugar, cunha puntuación media de 3,2. Son a Monarquía e a Igrexa Católica as institucións que máis diferencia de nota teñen por tramos de idade. No primeiro caso, pasa dun 5,5 para maiores de 65 a un 2,6 en menores de 18. No segundo, do 4,1 para maiores de 65 ao 2,2 -a nota máis baixa de toda a enquisa- en menores de 18.
Tampouco merece un aprobado o funcionamento da democracia en España, cunha media de 4,5. Non hai apenas variación se analizamos a nota por idades, tres décimas entre a nota maior de 4,8 no tramo entre 18 e 24 anos e a nota menor, 4,4 no tramo de maiores de 65. Chama a atención que unha porcentaxe importante de menores de 18 anos, un 13% non teñan opinión sobre o tema.
En cambio, apréciase maior diferencia segmentando por voto partidario. Dende a perspectiva do discurso partidario sistema/anti-sistema, non resultará raro que votantes do PSOE dean a nota máis alta, un 6,2, e que votantes de VOX, a máis baixa, un 3,1. O que pode resultar máis sorprendente desde esa perspectiva, é o aprobado de votantes de Unidas Podemos cun 5 raspado, e o suspenso que votantes do PP, cun 4,5 ou de Ciudadanos, cun 4,9 dan á democracia española. Quizás se identificamos o funcionamento da democracia coa acción do goberno, ten certa lóxica que as persoas votantes dos partidos que conforman o goberno do Estado dean notas superiores que votantes de partidos na oposición.
En termos xerais e alén dos resultados, o estudo mostra canto interese ten pulsar a opinión pública nestes temas de avaliación das institucións. Malia o valor que poida ter a opinión publicada, a información sen datos non é información. Desta volta foi un grupo de medios independentes quen asumiu a responsabilidade. Esperemos que o CIS reciba pronto o mandato de facelo.