A sociedade española no seu conxunto cualifica cun suspenso (4,6) o funcionamento da monarquía española. Soamente a aproban (cun 5,7%) os maiores de 65 años, e non chega ao 4 na franxa dos 16 aos 34 anos, segundo o informe Enquisa sobre a monarquía promovido por 16 publicacións, entre elas Luzes, realizada polo Instituto de Opinión 40db sobre unha mostra de 3.000 persoas. Estes son algúns dos resultados da enquisa, que seguiremos debullando nos próximos días.
A maioría dos españois consideran importante vivir nunha democracia (danlle un 8,7 de media sobre 10), pero non teñen tanta boa opinión de como funciona en España.
Tampouco a monarquía acada o aprobado. Os máis novos son quen peor opinión teñen da institución. A Casa Real non rolda o aprobado ata as franxas de idade dos 55 aos 64 anos, e só supera o 5 entre os maiores de 65.
A maioría da sociedade española, un 40,9% votaría a favor da república de convocarse un referendo sobre o sistema de goberno. Os votantes monárquicos serían o 34,9%, e un 12,9% non sabe por que opción se inclinaría. A diferenza entre os que pensan que se debería convocar ese referendo e os que non, son maiores (47,8% e 36,1%) e tamén hai máis indecisos. En Galicia son máis os que consideran que a cuestión non debería chegar ás urnas (42,9% a 39,4%), pero de ir, a república gañaría, pero por apenas un punto (41,1% contra 40,2%).
A monarquía aséntase en Madrid e Andalucía
A demanda dun referendo, e o voto republicano caso de que se convocase, é xeneralizado, pero sobre todo na xente nova. Entre os rapaces de 16 e 17 anos, só se mostra contrario o 8% (aínda que hai un 35% de indecisos) e só os maiores de 65 anos son maioritariamente contrarios (49,7%). Apoian a celebración 6 de cada dez votantes do PSOE e 9 de cada dez de Unidas Podemos. A oposición en PP e Vox sube do 75%. Das catro comunidades analizadas ao detalle, as máis poboadas (Andalucía, Cataluña, Madrid e Valencia), a máis reacia ao referendo é a de Madrid (48%). As tendencias do hipotético voto son semellantes ás de demanda de plebiscito, tanto por recordo de voto como por franxas de idade, aínda que neste caso, o sorpasso dos monárquicos dáse a partires dos 55 anos. Curiosamente, preguntados sobre que opción pensa que ganaría, a maioría considera que a monárquica, quitado a xente menor de 45 anos.
Dereita e esquerda de acordo en que a Casa Real publique as súas contas
Todas as opinións sobre o sistema de goberno están fortemente polarizadas por idades, por partidos e tamén –aínda que menos– por territorios. A opción monárquica resiste nos capas de máis idade, nos votantes de PP, Vox e –claramente, mais non tanto– de Ciudadanos, e tamén en territorios como Madrid ou Andalucía. Aínda así, como iremos vendo noutras información, hai un sentir absolutamente maioritario, transversal a todas as idades e a todas as militancias, en aspectos como que os Reis deben ser xulgados polos seus actos (agora son inviolables), que deben ser transparentes nos gastos, e que, como os demais representantes públicos, deben facer declaración dos seus bens e intereses. Nesas demandas, unha enorme maioría está moi ou bastante de acordo, mesmo entre os votantes de Ciudadanos. Tamén hai un moi amplo consenso a prol de reformar a Constitución. As propostas que non contan co respaldo maioritario da poboación, e cuxo apoio se circunscribe aos que simpatizan dos partidos agora no goberno son que o rei non sexa o xefe das forzas armadas, e que tampouco interveña na elección do presidente do Goberno.
Felipe VI sabía o das comisións de seu pai, pero non se beneficiou delas
A polarización esquerda/dereita abarca tamén extremos como o coñecemento por parte de Felipe VI das comisións cobradas polo seu pai, Juan Carlos I. O 48% da xente pensa que si que as coñecía, e o resto responden que non sabe, ou que non as coñecía (os votantes de PP e Vox, pero non os de Ciudadanos). Aínda así, son minoría os que pensan que o actual rei se beneficiou das actividades económicas paternas (un 32% cre que si, un 41% di que non e o 27% restante confesa que non o sabe).
O Enquisa sobre a Monarquía mergúllase así mesmo na valoración da ideoloxía dos membros da Casa Real. Entre 0 (nada) e 10 (moito), a poboación en xeral considera que Felipe VI neutral en política (os votantes de todos os partidos, quitado Unidas Podemos, danlle máis nota que o 6 de media), pero logo, á hora de situalo ideoloxicamente, a poboación que se autoubica no 4,8 (no centro esquerda), coloca ao rei no 6,5 (claramente na dereita). Os votantes do PSOE coinciden cos de Ciudadanos en considerar que non é para tanto: póñeno no 6,1.
A enquisa propón tamén a cuestión de que tipo de república escollería para España, se unha cun presidente elixido polo Parlamento e con poucos poderes, o unha cun presidente escollido por opción directa pola cidadanía e con amplos poderes. Dáse outro aparente paradoxo: os votantes de Vox son os únicos que prefiren un presidente escollido e vixiado polo parlamento, mentres os ámbitos de idade e territorio considerados progresistas optan polo “presidente forte”.
A Enquisa sobre a Monarquía é unha iniciativa impulsada pola Plataforma de Medios Independentes (PMI), que agrupa a 16 cabeceiras, entre as que está LUZES. Para poder realizar a meirande enquisa nunca feita en España sobre a monarquía, a PMI organizou unha recadación de fondos que foi quen de completar nun só día. A enquisa encargóuselle a 40dB, o instituto de opinión dirixido por Belén Barreiro, ex-presidenta do CIS (Centro de Investigaciones Sociológicas). A proposta de poñer en marcha este proxecto xurdiu trala solicitude destes medios ao CIS dunha enquisa sobre a monarquía, un asunto sobre o que o organismo leva máis de cinco anos sen preguntar”
Mira e/ou baixa o Informe monarquía
Esta é a relación de persoas que posibilitaron o proxecto coa súa axuda.