A dobre dependencia dos coidados

Hai xa máis de trinta anos desde que María comezou a coidar familiares. Ela e o seu home acumulan un historial de atención a oito persoas dependentes. Ao longo desta andaina bateron coas eivas dunha lei homoxeneizadora que mira con degoxo cara as residencias de maiores e que segue ancorada nun esquema de coidados descendentes-proxenitores.

É luns, primeiro día da «nova normalidade». Pola ventá vese a casa dos veciños. Andrés volveu vestir o sombreiro na cabeza para tornar o pouco sol que vai. Está apoiado de pé na varanda da entrada e ao seu carón fálalle Verónica. Conversan moito, un en galego e a outra nun castelán que a afasta en orixe pero, polo visto, non en entendemento. Miran para a aira e dan en conversar sobre os cans e os gatos. Óeselle unha risa que xa había tempo que non se sentía de portas cara a fóra. A Andrés caeulle o bastón embaixo polo medio dos balaústres. Soltóuselle dunha man que cada vez sostén con menos forza. Danlle de comer aos cans e volven para dentro. Pechan a porta con coidado. E con coidados.

María ten hoxe 54 anos, unha continua dor de costas e oito maiores dependentes no seu historial familiar. Comezou a coidar aos 18 anos e a maneira na que fala obriga a fixarse nas historias dos Andrés e das Verónicas do arredor con outros ollos. «Oito persoas parecerán moitas, pero non somos un caso estraño», comeza, «só que a nós nos tocaron doenzas longas que se estenderon moito no tempo».

O uso do plural fai referencia a si mesma e ao seu marido, a quen coñeceu no segundo curso de carreira universitaria, alá cara a finais dos oitenta. El prestáballe apuntamentos das clases ás que María non podía asistir por atender a seu pai, daquela hospitalizado. As familias extensas e as circunstancias particulares están detrás dos outros sete dependentes que coidaron dende aquela. A día de hoxe, fanse responsables de catro maiores: dous pola parte dela, outros dous pola parte do home.

María, que escolleu ser identificada con este nome na reportaxe, colecciona unha fartura de comentarios alleos que lle poñen en bandexa a suposta solución: por que o fas?, non son teus pais, non tes que estar atada a iso, non é problema teu…  «Nesta sociedade hai unha sensación de que os maiores son unha carga. Iso é inxusto e non leva a unha humanización dos coidados», pensa. «O problema é noso, non dos demais. Iso non quita, claro, que teña que haber ferramentas para facilitar o proceso».

A burocracia que enlama as axudas

A Lei da Dependencia, inoperante a medias en forma e aplicación, é o cerne deses servizos e axudas para as persoas que non se valen por si mesmas. Naceu en 2007 con vontade pública e universal, segundo aparece recollido no seu artigo 3, mais o seu carácter global e estandarizado, ignora as múltiples realidades e encamíñase a un modelo asistencial con pé e medio nas residencias. A alternativa estrela dos últimos tempos.

As eivas xa son evidentes no primeiro chanzo da cadea: a avaliación. «Levaba un ano en estado vexetal. Concedéronlle a dependencia un día antes de que morrera», di María sobre a situación dun dos seus familiares. O «excesivo protocolo» e «burocracia» nos procedementos de valoración non casan coa esperanza de vida das persoas que aspiran a ser beneficiarias das axudas. Os falecementos cóanse polo medio e, coma un paradoxo, xa tronzan o inicio.

María sostén na man fotografías dalgúns dos seus familiares, memoria para o futuro.

O Decreto 15/2010, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), regula un prazo máximo de tres meses para a tramitación dos expedientes. Porén, segundo o último informe da Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais (con datos de 2019), en Galicia o tempo medio deste proceso é de 342 días. É dicir, dende que se solicita o recoñecemento da dependencia ata a súa resolución pasa case un ano.

Ademais, con data do 31 de decembro do 2019, preto de 8.500 dependentes recoñecidos como tal seguían agardando por unha prestación. Só 61.636 persoas das 70.092 con dereito estaban a ser atendidas, o que revela dilacións non só no proceso de avaliación, senón tamén no de actuación. «Por que non se lles dá máis peso aos médicos de familia no trámite da Dependencia? Ninguén ve coma eles a evolución do paciente. O mesmo coas traballadoras sociais. Elas están no barrio, coñecen a realidade social concreta», sinala María, que confesa «sentir urticaria» ao ver como se xestionan estes asuntos.

A responsabilidade de quen así o asume

Seu tío e súa tía, que viven nun piso da cidade de Lugo, teñen unha dependencia de Grao III, pero «calquera que os vexa» comprobaría que os estados dun e doutra nada teñen que ver. O home, malia precisar de coidados físicos, «conserva a cabeza perfecta» e podería chegar a valerse por si mesmo en situacións puntuais como, por exemplo, atender unha chamada telefónica. O caso da muller é ben distinto: require atención continuada con «coidados moi sensibles, case de enfermaría». «Para min miña tía sería un exemplo de Grao IV», nivel non contemplado na normativa, que distingue tres categorías.

Esta tía é tamén a súa «mamá». «Eu chameille así, claro». A nai biolóxica faleceu aos corenta días de nacer María, así que foi unha irmá da finada –casada e sen fillos– quen se fixo cargo da pequena «de forma liberal e continua». A emoción sáelle polos ollos ao contar como a familia completa, polas dúas ramas, se implicou na súa crianza. Invádea unha fonda gratitude que non quere deixar de expresar. «Algo fixeron ben para que eu sinta que tiven unha infancia feliz a pesar daquela situación dramática. Agora estou devolvendo o que me deron».

Porén, a ausencia de vínculo paterno-filial entre ela e estes maiores dependentes complícalle a vida. O estatuto dos traballadores non considera a posibilidade de días de libranza para coidar de tíos, por exemplo, e os mecanismos fiscais vólvense ríxidos e esixentes. Moito máis a medida que se eleva o grao de parentesco ou se nin sequera existe relación familiar. «Eu teño moita sorte co meu traballo e os meus compañeiros, porque podo flexibilizar», pero de non ser así volveríase unha odisea maior a tarefa de cadrar horarios para unha visita ao médico ou para facer o papelame sen o cal non figuras en ningures.

O estatuto dos traballadores non considera a posibilidade de días de libranza para coidar de tíos, por exemplo, e os mecanismos fiscais vólvense ríxidos e esixentes. Moito máis a medida que se eleva o grao de parentesco ou se nin sequera existe relación familiar

«Afortunadamente, a sociedade xa acepta moitos modelos de familia, pero seguimos moi obsoletos neste asunto cando se trata da atención a maiores. Asumamos que o esquema de atención a dependentes non é sempre o da filla que coida dos pais», clama. Vénselle á cabeza un caso: unha rapaza que atende unha señora maior, a veciña da porta que tantas veces quedara cos cativos cando a moza non tiña con quen deixalos. «Non hai normativa que as ampare!», di, para axiña reivindicar a creación da figura do «coidador de feito», cuxos dereitos estean igualados aos dos fillos e fillas a todos os niveis.

As pirámides invertidas das irmandades familiares han poñer esta problemática sobre a mesa a medio prazo: en cada xeración vai habendo menos persoas que se poidan ocupar dos da anterior, aínda numerosa. «Que non esteamos obrigados a metelos nunha residencia só porque non haxa outro remedio», pide.

Contra a estandarización e a privatización

Na carteira de servizos públicos galegos, a axuda a domicilio segue a ser o recurso máis utilizado, con case 24.000 usuarios (32,9%). «E funciona. Funciona para unha señora viúva de 75 anos que poida ter problemas de columna. Ese apoio no fogar é marabilloso. Fanlle compañía, contrólanlle a medicación, sóbenlle a compra… Pero se a señora ten 90 anos e os fillos traballan ou non están en Galicia parece que non hai outra alternativa á parte da residencia», lamenta María.

Levar a conta da medicación forma parte das tarefas de coidados e marca as horas do día.

Ela quéixase dun sistema de axudas demasiado pechado, que aparta as familias da decisión sobre a xestión da prestación. «As axudas están focalizadas nunhas necesidades moi concretas: é todo A, B ou C.

Hai casos nos que serve, pero hai outros escenarios» aos que a Lei da Dependencia mira de esguello. «Se se valora que unha persoa ten dereito a unha prestación de 715 euros, por que non poden decidir as familias a que dirixir ese diñeiro? As axudas directas están penalizadas. Ao mellor sería máis útil que me facilitasen a contratación de terceiras persoas. Se me pagasen a Seguridade Social…», opina María en base á súa experiencia e á realidade que abafa as coidadoras –mulleres en máis do 90% dos casos–.

Os dous tíos maternos de María residen nun domicilio diferente ao dela e están atendidos por dúas coidadoras as 24 horas ao día. Estas traballadoras pertencen a grupos de risco fronte á Covid-19, así que durante este tempo pandémico non estiveron incorporadas na vivenda. «Agora vou máis eu», explica.

Sempre que puido, María optou por manter os dependentes na casa, no canto de internalos nun centro de maiores, que polas súas grandes dimensións e alto número de usuarios son ás veces observados con receo. Agás polas empresas e os fondos de investimento, claro, que pilotan o modelo coa oferta de moreas de prazas privadas en residencias. O limitado acceso ás públicas e a distribución territorial das privadas redunda na ruptura social do ancián coa súa contorna.

A atención aos maiores é unha vía para xerar economía (creación de postos de traballo, fixación de poboación no rural, reforzo da comunidade…), mais semella haber unha distancia estreitísima entre iso e «converter os nosos vellos nunha liña de negocio».

Ao cabo, o financiamento, sempre ás voltas. E mais un dato: o gasto público de Galicia para este tipo de servizos é de 126 euros anuais por habitante, fronte aos 150 da media estatal.

O peto revirado

Enredadas nunha conversa que vira económica, María explica a cara monetaria dos coidados. Xoga cos números –un pouco por deformación profesional, un pouco por instinto de supervivencia– e as cifras báilanlle ben altas. Dous salarios (unha persoa en réxime interno; a outra para cubrir descansos), o pago da Seguridade Social, os gastos asociados á vivenda, e aqueloutros de alimentación, produtos de hixiene, limpeza, farmacia… superan en máis de 2.000 euros mensuais os ingresos conxuntos destes dous anciáns a través das pensións.

Calcula que ela e o marido puxeron uns 20.000 euros do seu peto desde que están envoltos nas tarefas de coidados dos maiores. «E non os vou recuperar nunca», di, consciente do funcionamento das herdanzas e os impostos de sucesións entre tíos e sobriños. Ás veces, aínda que puidera tirar dos aforros da persoa dependente, bate de fronte cos razoamentos cruzados. «Como facerlle comprender que unha sesión de fisioterapia custa 60 euros se na súa cabeza xa iría ben paga con dez euros por dar aquelas fregas? Como explicar que hai que mercar un colchón especial se sabe que hai outro por menos cartos e ben máis barato?».

Educármonos para a senectude é unha tarefa que temos como sociedade. Iso que se deu en chamar «envellecemento activo» debera estar non só orientado a saber coidarse, senón tamén a facilitar a vida a terceiros en caso de dependencia. «Boto en falta programas de sensibilización neste sentido, de formación non agresiva para ir interiorizando certas cuestións. O outro día, no HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti), vin que unha desas pantallas que colgaron nas paredes tiña información sobre os testamentos vitais. Foi unha grata sorpresa». E é que só quen tratou con anciáns sabe das tormentas que pode desencadear un trámite que semella mínimo a priori. E todo o que se necesita, ás veces, é calma.

Ao final, di, «somos como viaxeiros que teñen un accidente e que, ademais de sufrir a dor, teñen que coller eles mesmos a lista telefónica e chamar a un lado e a outro para buscar solucións co vento en contra».

Manter as relacións sociais na terceira idade é esencial para un envellecemento activo.

Desequilibrios nunha dependencia dobre

«Nós non somos persoas con discapacidade física  nin psíquica, pero somos discapacitados sociais, porque hai aspectos da vida aos que practicamente non podemos acceder». Fala dos estudos, das viaxes, do descanso mental…

María matricúlase en oposicións coa certeza de que non vai poder preparalas. Unha vez ao ano, ela, o seu marido e as súas fillas fixan unha semana de vacacións. Ese breve período de suposta desconexión arrinca sempre mal. «A noite antes de ir non durmo nada, estou a tope, preocupada por organizar os horarios das asistentas, por que non falte material… Adoita haber discusión na casa».

«Estamos sempre pendentes» e, en certo modo, tamén dependentes. Esa dobre dependencia (a da persoa coidada e a de quen coida)  provoca un lastre psicolóxico que se traslada ao día a día e «desequilibra a infancia, o matrimonio, a economía do fogar, as carreiras profesionais», relata. Cando sente que non pode máis, María relativiza e convéncese de que é parte dese 1% de poboación afortunada do planeta Terra. Busca un punto seguro e atópao nas fillas. Pensa: «si, é verdade que está todo patas arriba, pero polo menos elas están ben».

Quen coida a quen coida? Sen as ferramentas axeitadas e sen o respecto pola vida, a atención a esta dobre dependencia fica tolleita. Á fin, acaban por ser elas, case sempre elas, as que cobren os baleiros dos servizos públicos e dos dereitos furados

Se iso falla, todo periga. Ao pouco de nacer a filla pequena, actualmente xa unha moza adulta, diagnosticáronlle alzhéimer a un dos tíos de María. A ela e ao seu marido cadráronlle dúas persoas con esta enfermidade durante a crianza temperá das nenas, así que se viron obrigados a internalos nun asilo. «Moitas veces non sabía a quen prestarlle atención. Non sabía se coller o bebé que choraba ou se ocuparme do maior». As «carencias» que ela identifica na atención á infancia das pequenas caéronlle coma unha lousa no momento no que a filla menor se viu vítima dun trastorno alimenticio.

Daquela disparouse dentro de María unha sensación de «culpabilidade», esa que o inunda e cuestiona todo, que peta na cachola e que supón unha carga psicolóxica á que o sistema non sempre responde: quen coida a quen coida? Sen as ferramentas axeitadas e sen o respecto pola vida, a atención a esta dobre dependencia fica tolleita, desmembrada. Á fin, acaban por ser elas, case sempre elas, as que cobren os baleiros dos servizos públicos e dos dereitos furados: máis fendas, e cantas cicatrices sociais…

«Xúntanseche moitas cuestións sutís coas que todo o mundo vai achantando máis ou menos. Cando as tes que achantar tres anos, vas roendo; cando as achantas durante trinta xa pesan demasiado». María sábeo ben e acórdaselle pechar a conversa cunha concesión. «Non todo o mundo está obrigado a sacrificarse», di, «hai situacións e situacións». Pero para as que asumen esa responsabilidade –non carga– pide ferramentas; para as nosas vellas e vellos, dignidade.

Máis alá dunha lei (des)composta a base dunha normativa homoxeneizadora e dun interese que se revela privatizador, a vida cunha dependencia dobre atopa trabas a cada momento. É a dependencia como lei.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail