Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Para calquera monárquico hai algo aínda máis descorazonador que os datos da enquisa da Plataforma de Medios Independentes analizados segundo que votaría a xente a día de hoxe, e máis deprimente aínda que o vídeo da Fundación Libres e Iguales onde exun-pouco-de-todo e celebrities van dicindo «Viva o Rei!» coma se foran monárquicos anónimos rehabilitados que tiveran decidido dar testemuña da súa adicción. Ese algo peor é mirar os datos en perspectiva e proxectando as tendencias que marcan para o futuro da institución.
Hoxe os datos non salen bos para unha monarquía que divide a unha sociedade á que debería de unir. Pero proxectando cara mañá os datos vólvense inexorables. Se hoxe se celebrase un referendo sobre a monarquía seguramente ganaría, en cinco anos a cousa andaría moi xusta e dentro de dez años perdería sen remedio; non tanto porque morra a institución, senón porque desaparecen os monárquicos.
A partires dos nacidos nos 70s comeza un inexorable declive dos promonárquicos que os ten convertido nunha especie en extinción entre os menores de vinte anos
Esta crúa verdade éo para os monárquicos españois e para os monárquicos galegos. O tamaño da mostra no noso país non permite extraer datos fiábeis para Galicia, pero si avaliar hipotéticas desviación sobre as tendencias que acredita o conxunto da mostra. A idade é a variable que máis impacta na posición fronte a monarquía. Os monárquicos suman maioría entre os nados antes dos setenta. A partires desa década comeza un inexorable declive que os ten convertido nunha especie en extinción entre os menores de vinte anos. Os datos galegos apuntan tendencias lixeiramente máis favorables para a monarquía porque aínda somos maioría os que nacemos co franquismo. A mala noticia é que iso vai cambiar nuns poucos anos e será exactamente ó revés.
Entre os menores de 40 anos, galegos e de fóra, a demanda de referendo é maioritaria, igual que a vontade de votar pola república, igual que unha valoración media de claro suspenso á institución e aínda máis ás persoas que a encarnan, igual que a certeza de que o fillo sabía dos negocios do pai, ou percepción de que a monarquía debería ser neutral, pero os dous reis son claramente de dereitas, ou debería de representar a visión descentralizada do Estado, pero a ámbolos dous se lles localiza na pulsión centralista.
Entre os nados antes da Transición, a Felipe VI gáñalle a súa nai, e suspende entre os nados en democracia
Para superar unha perspectiva tan desfavorable, Felipe VI debería estar recibindo hoxe valoracións de notable alto, tanto para satisfacer as expectativas maioritarias sobre o seu traballo, como para controlar os danos causados pola crise territorial ou os negocios do Emérito. O problema é que non pasa do aprobado raspado; entre os nados antes da Transición gáñalle a súa nai e suspende sen remedio entre os nados na democracia.
As expectativas tampouco melloran cando se lle pregunta á xente polas reformas que a maioría da mostra demanda na institución. A xente quere unha monarquía que sexa responsable e xulgable polos seus actos, que renda contas públicas do que fai ou do que gasta, que non se meta no proceso de formación de goberno e na que ate o papel de xefe das forzas armadas non sae apoiado por unha clara minoría. Dito en cristián e para entendernos todos: un presidente ou presidenta a quen reclamar responsabilidades e exixir explicacións; pero iso non é un monarca constitucional.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán