12 de outubro no Valle de los Caídos

No Valle de los Caídos hoxe non desfilan fascistas, nostálxicos da Guerra Civil nin curiosos. Polo menos, non no seu interior. A orde de peche do recinto ditada un día antes converteu o monumento de Franco nun desfiladeiro de coches obrigados a aparcar ás portas onde pende o cartel de «Cerrado« en pleno 12 de outubro. Un día como hoxe, o Valle sería gratuíto. Renault, Volkswagen, Seat, Citroën. Tamén moitos vehículos de alta gama. Os ocupantes aparcan uns minutos para preguntar á Garda Civil que custodia o lugar, e reciben con sorpresa, a pesar de todo, a información de que o Valle non pode visitarse. «Nos quitan la libertad. ¡Esto sí que es una dictadura!», claman algúns.

Fotos Brais Lorenzo

 

Achégase unha familia numerosa, coche impoluto, o fillo adolescente con polo amarelo e pantalón chino vermello, as fillas con pulseiras rojigualdas. A nai, con peiteado de perruquería, e o pai que camiña diante, facendo ver o lugar que ocupa no núcleo familiar.
-Está cerrado desde ayer por la tarde. También el culto, caballero.
-¿Cómo? ¿Que no hay santa misa? ¿Hasta que se produzca la profanación?», responde o rapaz, cunha alporización esaxerada. O pai, lonxe de calmalo, esixe «el derecho al culto».
-¡La Santa misa ahora también va a ser delito! ¿Y no pueden celebrar la misa fuera?
-No lo sé, señor. Para eso tiene que llamar a la abadía. Sí que es cierto que cuando estaba Zapatero se celebró alguna misa fuera. Si quiere, le facilito el teléfono.
Espelido, o pai toma nota no seu móbil dos nove díxitos e chama, sen éxito.

Xusto diante das portas do Valle de los Caídos, pola estrada que transcorre entre Guadarrama e El Escorial, algúns fan o saúdo fascista pola ventanilla do coche e berran «¡Viva España!». Un deles, mirando cara a prensa que agarda para entrar en directo no informativo do mediodía, asómase e berra «¡Terroristas! ». Polo demais, a calma do lugar resulta aburrida. Ata que un garda civil arremete contra un compañeiro fotógrafo. «A mí no me hagas fotografías». E pídelle a documentación.

Son case as catro da tarde e o lugar segue a ser un desfiladeiro de coches. Os curiosos, devotos, fascistas e exaltados están a comprobar que hoxe o 12 de outubro está en Madrid, e non no Valle de los Caídos. Os xornalistas marchan, pero aínda reina unha calma tensa. Todos queren estar aí cando salte a bomba, pero impera a lei do silencio. «Que lo exhumen ya de una puñetera vez», di unha compañeira. E é perfectamente posible que algún dos axentes de verde esté a pensar o mesmo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail