A Xustiza anula dúas sentenzas que absolveron a tele galega por represaliar xornalistas

A Coruña.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a sentenza do xulgado do Social número 1 de Santiago que absolveu a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) polo traslado forzoso dunha xornalista. A profesional acusou a dirección, que encabeza desde hai 15 anos Alfonso Sánchez Izquierdo, de represaliala pola súa posición crítica contra a manipulación de noticias nos servizos informativos e a persecución doutros compañeiros.

Trátase da segunda vez na que o TSXG anula unha sentenza de primeira instancia nun caso similar tras os xuízos celebrados na primavera pasada polos traslados forzosos de xornalistas vinculados á plataforma Defende a Galega. A CRTVG asegurou a Luzes-Público que non recorrerá o fallo.

En xullo pasado, o TSXG anulou outra sentenza que desestimaba a demanda presentada pola presentadora e xornalista Mayte Cabezas. Filla dun garda civil asasinado polo Grapo, Cabezas perdeu o seu posto na televisión e foi enviada á radio dous días despois de cuestionar nunha entrevista na cadena SER a política de Alberto Núñez Feijóo coas vítimas galegas do terrorismo durante os seus anos na Xunta.

Feijóo, nunha entrevista na TVG.

Os feitos remóntanse a febreiro do ano pasado, cando a dirección de Sánchez Izquierdo decidiu cambiar de posto de traballo a varios profesionais e envialos da televisión á radio ou viceversa. Tres deles recorreron aos tribunais ao considerar que os seus traslados vulneraban os seus dereitos fundamentais de pensamento e expresión, pois non se debían a criterios profesionais, senón á súa vinculación activa con Defende a Galega.

Fin da manipulación informativa

Esa plataforma, formada por traballadores e traballadoras da casa, reclama o fin da manipulación informativa e a pluralidade e neutralidade dos medios galegos de comunicación pública, e motiva as protestas dos venres negros que o persoal leva a cabo desde hai máis de cinco anos.

A decisión de Sánchez Izquierdo, nomeado por Feijóo en 2009, provocou que o comité de empresa convocase varias xornadas de folga e unha protesta no Senado, onde o expresidente da Xunta ocupaba entón un escano. A Asociación da Prensa de Santiago de Santiago e o Colexio de Xornalistas de Galicia tamén emitiron notas de protesta, e a asemblea xeral das Federación de Asociacións de Xornalistas de España aprobou unha resolución na que instaba á dirección da televisión e a radio públicas a respectar a liberdade de expresión dos seus profesionais.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda (d), e o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

No caso sobre o que agora fallou o TSXG, a xuíza do Social considerou que o traslado das traballadoras non supuxera un cambio substancial nas súas condicións laborais, dado que conservaban os seus horarios e categorías e que se lles encomendaron tarefas similares ás que xa realizaban. Con todo, non entrou a valorar se a decisión de cambialas de posto estaba motivada por razóns ideolóxicas e supoñía por tanto unha vulneración dos seus dereitos esenciais, como denunciaban.

O TSXG argumenta a súa decisión de anular a sentenza de primeira instancia en que a xuíza si debe valorar esas circunstancias. Por iso, ínstaa a entrar no fondo do asunto e a reconducir o procedemento para facer efectiva a tutela de dereitos fundamentais das denunciantes, «para resolver o que proceda con plena liberdade de criterio».

Trasladado por negarse a manipular unha noticia sobre o IPC

Ademais das sentenzas anteriores, o TSXG debe fallar aínda sobre o recurso doutro dos traballadores implicados, un locutor de informativos de radio que foi trasladado á televisión o día despois de negarse a manipular unha noticia para ocultar que a inflación crecera máis en Galicia que no resto do Estado.

Aos casos anteriores súmase o procedemento penal aberto por outro xulgado de Santiago, que imputou a Sánchez Izquierdo e a outros oito directivos e directivas da súa cúpula, a quen investiga por un delito de acoso laboral a outra xornalista contra a que armaron unha campaña de desprestixio persoal e profesional.

Sánchez Izquierdo e oito directivos da CRTVG están imputados por un delito de acoso laboral contra unha traballadora

A sentenza do tribunal galego, que ten data do 31 de xullo pero que non transcendeu ata o de agora, prodúcese en plena polémica polo anuncio do Goberno de Alfonso Rueda de modificar a lei dos medios públicos. Rueda pretende cambiala para que o director xeral da Corporación poida ser designado cos 40 escanos dos que dispón o PP no Parlamento de Galicia (é dicir, sen acordalo coa oposición), e non cos 50 que esixe a lexislación vixente.

De feito, os gobernos de Feijóo e agora os de Rueda levan incumprindo desde 2011 a actual normativa, que obriga á renovación do cargo de Sánchez Izquierdo e á creación dun consello dos servizos informativos independente, formado por profesionais da casa, que vele pola súa pluralidade e neutralidade.

Persecución ideolóxica de traballadores

A CRTVG acumula nas dúas últimas décadas máis de 400 sentenzas sentencias en contra dos tribunais por vulneración de dereitos fundamentais e laborais, persecución ideolóxica de traballadores, servizos mínimos ilegais para rebentar ou impedir o dereito á folga, e discriminación de traballadoras por razón de xénero. Moitas desas sentenzas obrigaron a empresa, financiada co orzamento autonómico, a satisfacer con fondos públicos as indemnizacións por danos morais establecidas pola xustiza.

A CRTVG acumula nas dúas últimas décadas máis de 400 sentenzas sentenzas en contra dos tribunais de xustiza

As xuntas electorais tamén fallaron en numerosas ocasións contra a dirección para ordenar que respectase a neutralidade informativa, ao considerar que facía un uso interesado dos servizos informativos públicos en período electoral en favor do Partito Popular, e dos seus candidatos e candidatas.

Ademais, a dirección de Sánchez Izquierdo enfrontouse a acusacións de machismo e sexismo nas súas emisións, así como de expoñer unha muller nun programa en directo ante persoa que a acosaba.

A dirección da CRTVG ten a posibilidade de recorrer a última sentenza do TSXG en casación diante o Tribunal Supremo. É dicir, se atopase xurisprudencia doutro tribunal de xustiza autonómico do Estado que fallara en sentido contrario nun caso idéntico, e no que ademais se requirise a intervención do Supremo para casar doutrina.

A CRTVG non recorrerá

Fontes da empresa manifestaron a Luzes-Público que non recorrerán en casación dado que a sentenza de primeira instancia «desestimou integramente a demanda» da súa traballadora, e que «o único que fai a sentenza do TSXG é requirirlle á xuíza que evacúe un novo escrito dándolle trámite por procedemento de dereitos fundamentais, no canto de por un proceso común».

«Por tanto, a sentenza do TSXG non modifica nin o sentido favorable á CRTVG da sentenza do Xulgado do Social número 1, nin os feitos nela probados, polo cal non se estima preciso ningún recurso posterior por parte da Corporación», engaden.

Alfonso Rueda, bailando co Combo Dominicano no programa ‘Land Rober’ da TVG / Foto: TVG

A mediodia do pasado mércores, a plataforma Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo, apoiada polo comité de empresa, Defende a Galega, sindicatos e colectivos sociais e culturais da comunidade, rexistrou unha iniciativa lexislativa popular no Parlamento de Galicia que pretende protexer tanto os dereitos dos traballadores dos medios públicos a informar con profesionalidade, como o dos galegos e galegas a estar informados a través deles.

Esa noticia, con todo, non mereceu mención algunha no Telexornal da Televisión de Galicia, a pesar de que varios dos seus xornalistas se atopaban na sede do Parlamento autonómico cubrindo o pleno do mércores.

O telexornal da TVG ocultou a iniciativa lexislativa popular que esixe pluralidade nos medios públicos

Nos seus máis de 40 minutos de duración, o telexornal si deu cabida a pezas sobre a reforma xudicial en México; o terceiro aniversario da erupción do volcán da Palma; a morte dun tractorista; a presenza de microalgas que tinguen de verde a ría de Pontevedra, e o desgusto das profesionais de salóns de peiteado e centros de estética polos incumprimentos das citas que reservan algúns dos seus clientes.

En declaracións aos medios que si informaron sobre a iniciativa lexislativa popular, os portavoces da plataforma aseguraron que a súa pretensión é que a televisión e a radio públicas cumpran os fins para as que foron creadas: «Promoción e defensa da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura; garantía do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social, e promoción activa da igualdade entre homes e mulleres».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail