Elexia da democracia (pos)moderna

Resposta do autor ao artigo «Eloxio da democracia (pos)moderna», de Lois Alcayde Dans https://luzes.gal/03/08/2023/autores-web/eloxio-da-democracia-postmoderna/

Cando Neil Young denunciou cun par de cancións a escravitude e a falta de reparación por parte dos estados sureños, a banda Lynyrd Skynyrd respondeulle que si, que vale, pero que alí o ceo era máis azul.

Hai días, nun bar de atmosfera espesa e luz cálida, a tertulia foi de xeopolítica, da política de bloques, de guerras proxy, do imperialismo ianqui, da dependencia Europea destes «cowboys a galope», do papel de China neste novo mundo posdixital e dos problemas de termos democracias febles.

E tamén me responderon como ao vello Neil: que si, que vale, pero que na vella e doce Europa os ceos son máis azuis.

Que Europa ten cousas marabillosas é tan obvio como que só hai que cambiar o que está mal. As ansias de finais felices non poden, cando se prenden as luces do teatro, separarnos do chan, da dura realidade. Vivimos nun evidente retroceso na calidade das nosas maltreitas democracias e, por tanto, das liberdades civís. E por moito que fagamos nesgadas e altivas miradas comparativas para a propia posverdade, as nosas democracias son cada vez máis autoritarias, intolerantes, machistas, xenófobas, oligárquicas, capitalistas e corruptas. Esta Europa subalterna e axeonllada diante dos charlies non é a dos ideais da revolución francesa, porque unha cousa son os pasados, os desexos de igualdade, liberdade e fraternidade, e outra a actual realidade europea: Meloni, Salvini, Le Pen, Orban, Borisov ou Duda. Son cousas distintas o ideal, a realidade e a escaleta dos telexornais.

Acreditar moito no relato utópico da Europa única, harmonizada, progresista, libre, plural, solidaria, unida, non fai realidade o soño, para facelo habería que enfrontar o oso norteamericano e tomar consciencia da propia soberanía. Para transformar a actual utopía europea nunha realidade con posibilidades de futuro é necesario repensala cun sobrio e xusto espírito crítico. A Unión ou é total, progresista e xusta ou non é nada máis que un casino de ricos organizando casposos bailes de posta de longo namentres o barco afunde.

Hai un problema evidente cando se asume que capitalismo e democracia son indisociábeis, cando se acepta que esta só é posíbel neste sistema económico. Así é como se produce a naturalización do marco de pensamento neoliberal. Aquela socialdemocracia prometedora que hoxe sería «a esquerda á esquerda» de alguén moi pouco de esquerdas, rematou no camposanto o mesmo día que Olof Palme e hoxe, o que un día foi social-democracia, é simple social-liberalismo. A Europa deseñada por necios postfordistas e iletrados estalinistas nunca foi un continente unido e moito un feixe de democracias en plena liberdade, nunca houbo intención de que o pobo recuperara soberanía, senón máis ben de gatopardismo. Melloramos algo, si; suficiente, non.

A ruta da dependencia, deseñada en Breton Woods coa complicidade quintacolumnista dos británicos foi un proceso longo deseñado en Washington usando todas as ferramentas posíbeis, dende o imperialismo económico até o académico; créditos a cambio de hexemonía política e cultural; libre mercado unilateral; pau e cenoria, pero os burros somos nós. Un Puerto Rico transoceánico no que experimentar as súas guerras proxy coa China, os BRICS, África e con todo sanbenito que se lles poña diante. E ser consciente diso, benquerido social-liberal con botón de áncora, non ten nada a ver coa democracia. Ser un Gaullista ao que lle marchou o tempo todo lendo a Camus e esqueceu da guerra de Alxeria non queda ben nin nas novelas de Houllebecq.

E iso non ten nada que ver con non amar a democracia, o fado, os cruasáns, o Concerto de Aninovo e a Nietzsche; ten que ver con ser consciente de que son precisos moitos pobres para que viva un rico e que os amigos neoliberais son, na realidade, feudalistas económicos. Porque diso vai o capitalismo, de egoismo, egocentrismo etnocentrismo e occidentecentrismo. De nepobabies e de mordomos dos carniceiros de Washington. E iso non é democracia, é plutocracia.

A crítica non era á democracia, era a esta democracia de hexemonía e relato triunfalista, liberal e totalizador da Europa democrática e libre grazas aos norteamericanos. Non estamos aquí para dar leccións de democracia a ninguén, tampouco aos chineses. Somos unha maldita franquia xigante de McDonalds cun sistema de control social propio, só que este non sae no Post. Non sei canto ameaza China á democracia mais sí canto a ameaza o país das liberdades. Mesmo a súa!

Sempre me resultou curioso como, sen entrar en polémicas lacanianas, as diferentes persoas vemos unha mesma realidade de maneiras tan opostas, mais retorcer argumentos conservadores, imperialistas, clasistas e occidentecentristas para encaixalos no marco propio de postureo de esquerda popular non oculta o discurso social-liberal dende o privilexio e a candidez.

Pode que a miña inclinación pola zurda faga que vexa con mellores ollos aos BRICS que ao GT mais ser crítico con Occidente e non crer no relato posdesembarco nin no perigo amarelo non me fai antidemócrata, simplemente non vexo a arcadia feliz europea nin as democracias de calidade, vexo servilismo e medo. Sei que pode haber algo mellor que o que temos, que non será un sistema capitalista e que non o verei, pero nesta altura xa me conformo con amolar por igual a fachos de plástico que a estalinistas demodé de liño lavado.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail