Tamén nas pandemias hai clases e algunhas, como o caso do amianto (ou asbesto), non gozaron da publicidade e trato merecidos entre nós. Isto a pesar duns escandalosos datos e de que como mínimo ata o 2030 haberá afectados e mortes pola súa culpa xa que o mal tarda décadas en facerse evidente. Da súa falta de interese baste dicir que no caso do estado español o seu uso non foi prohibido definitivamente ata data tan serodia como 2002.
Así é a asbestose, unha enfermidade crónica do pulmón causada pola inhalación de fibras de amianto que pode dexenerar en enfermidades pleurais, cancro de pulmón, larinxe e mesotelioma. No noso ámbito o material utilizouse na construción e os estaleiros, sobre todo militares. A súa capacidade illante, o seu baixo custe e determinados intereses económicos multiplicaron a súa expansión.
Apenas no mes de xullo deste ano vense de aprobar por parte do Goberno español un fondo de compensación das vítimas do amianto cunhas contías aínda por establecer dependendo da casuística. Por situar as cifras máis habituais, entre 200.000 euros a 70.000 na maioría dos casos. Referímonos aos aceptados polos xuíces, claro, que ata agora non foron todos os presentados, aínda que isto estea a mudar. Xa saben, o mundo do traballo tivo un cancro ou non detectado ou minusvalorado por quen debía vixiar pola saúde dos traballadores e traballadoras. Porque os afectados non só foron obreiros, tamén as mulleres que lles lavaban unha roupa de traballo infectada co mal.
En Galicia Ferrol é o foco clave de incidencia deste problema debido aos métodos da construción naval. Desde hai vinte anos a asociación Agavida reúne a afectados que cun traballo encomiable loitou polo recoñecemento desta lacra ante a que non sempre foron sensibles nin os responsables dos estaleiros actuais nin, o que é máis sorprendente, algún dos grandes sindicatos. Da incidencia na zona da enfermidade basta un dato: Navantia aprobara o pasado ano un lote de case 2 millóns de euros para facer fronte as demandas deste tipo en toda España: o 70% era só para os casos desde Ferrolterra. Ademais da incidencia na comarca deste mal, a mobilización social está a ser clave no recoñecemento dos dereitos das miles de persoas afectadas. Entidades como Agavida, con máis de 600 socios, lideran a protesta pero detrás hai asociación que apoian esta loita como Fuco Buxán, Memoria Histórica Democrática, etc. O caso de Ferrol é singular tanto polo uso militar do amianto nos estaleiros (noutros lugares como Vigo isto non foi igual), aínda que na construción de edificios tamén se deron e dan casos, nunha porcentaxe moito menor. Isto debería levar á necesidade de censos de edificios con este material en cada localidade que a día de hoxe aínda están por facerse.
Desde hai dúas décadas funciona no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), a unidade de asbestose única en Galicia e que atende anualmente a uns 1.300 pacientes, nun 90% procedentes do naval. Os datos asustan: máis do 70% de traballadores deste sector estaban enfermos por este material o que se detecta só nas radiografías de tórax. Segundo a responsable da unidade, a neumóloga Carme Diego, nos TAC as cifras aumentan entre o 80 e o 90% dos traballadores do naval. Os cálculos de Agavida falan de ata 16.000 afectados na actualidade que dadas as datas de prohibición definitiva do amianto seguirán aparecendo casos como mínimo ata o ano 2030. Unhas cifras aínda escuras dado o secretismo con que se mantivo por décadas este problema, pero que de variar dá impresión de que se puideran quedar incluso curtas.
Neste ano, en que para a clase obreira se cumpre o 50 aniversario dos sucesos de marzo de 1972, hai que dicir que moitos dos seus protagonistas faleceron por causa do amianto e da enfermidade da asbestose. Por non insistir en que a da seguridade laboral era unha das reclamacións dos operarios nas reivindicacións do 1972. Neste contexto de memoria, a mobilización social é unha das claves para dar a coñecer o problema e mellorar a situación dos afectados. Así, o 14 de setembro ás 19.00 horas o centro Carvalho Calero de Ferrol acollerá unha mesa redonda informativa sobre unha pandemia que só na cidade departamental provocou centos de mortos (é difícil concretar os datos, confirman desde Agavida). Nela, co apoio das entidades citadas así como dos sindicatos CIG, CGT e USTG participarán o politólogo Antón Losada, o médico Carlos Piñeiro e Rafael Pillado, líder sindicalista no 72, vicepresidente de Agavida e afectado pola enfermidade. Precisamente o día 20 ás 11.50 horas os xulgados da cidade acollerán a demanda que Pillado ten polo seu caso, no que conta co apoio entre outros da avogada Cristina Almeida. O resultado do xuízo e da sentenza que se esperan con expectación podería marcar un camiño para futuras reivindicacións.
As datas clave continuarán o día 19 de novembro cunha homenaxe que terá como protagonistas ás persoas falecidas por esta enfermidade co levantamento dun monolito ou a colocación dunha placa. O acto celebrarase en Narón e busca a visibilidade e honra para quen padeceron unha pandemia que nunca tería que terse producido para escarnio e vergonza xeral. E nesas seguimos.