Efectivamente

Hai dezaoito anos (xullo de 2004) asinaba eu o prólogo dunha obra da doutora en Filosofía, profesora e escritora arxentina Isabel Rauber. Dera en coñecela grazas a Elvira Patiño, Manuel Mera e Xosé Lois Seixo, compañeiros da Confederación Intersindical Galega. Por iniciativa da primeira –na altura responsábel da Secretaría da Muller desta central sindical, falecida prematuramente e cuxo traballo tanto recoñecemos– editouse, traducido ao galego, o seu volume Xénero e poder. Ollada desde América Latina. Ensaio testemuño. Cóubome a honra de cumprimentar a petición de Elvira Patiño para escreber o limiar deste libro e poder, así, expresar argumentalmente a miña admiración e o meu agradecemento por tan valiosa achega á bibliografía feminista. No «Envío» do mesmo á autora, subliñaba a forte identidade pensamental e cordial que a súa obra suscitara en min, e aínda me permitín algunha humorada, como lembrar a frecuencia con que, en reunións orgánicas de índole política, eu me sentira chamada «Efectivamente» ou «Como xa se dixo».

A cousa tiña a ver cunha certa resistencia a, por parte da pretensa autoridade masculina, recoñecer o asenso a unha valoración ou opinión xa realizadas por unha voz feminina. Todo (ou case todo) ten a súa explicación, ou, por outras palabras, nada é inocente. A rotina e o hábito secular levan a considerar a relevancia dunha intervención feminina en tanto en canto supoña o reforzo, a re-lexitimación, dunha tese (masculina) previamente enunciada. A cousa é anecdótica, mais non por iso menos sintomática. Custa caro recoñecer o aval dunha auctoritas na mente, na boca e na escrita dunha muller, non sendo, claro está, que ela admita ou reverencie a priori a autoridade masculina. Mais… calma e humor, como me ocupaba tamén de relembrar naquel prólogo a tergo da dedicatoria ben humorada da cantante mexicana Astrid Hadad, nun disco agasallado por dúas amigas que a coñeceran e ouviran na súa terra: «A Pilar, para que mantenga erecto siempre el pilar del amor y del humor». Sabia receita, sen dúbida!

 

Astrid Hadad. Foto Alejandro Linares Garcia, CC BY-SA 3.0 3.0 Wikimedia Commons

Dáse a circunstancia –supoño que partillada por moitos dos leitores ou leitoras que esta columna tiver– de submeternos con certo temor á «fotografía» do noso pasado. Explícome. A fotografía convencional devólvenos a imaxe de como eramos hai anos, de roupas que xa non lembramos, de lugares e persoas que esquecemos ou, por contra, doutros que deixaron pegada fonda en nós. Mais hai un outro «retrato», cal é o que nos comunica o escrito por nós hai cuarenta, trinta ou vinte anos. Asomámonos a aquel noso «eu» e podemos advertir que hai de todo: inxenuidade, vehemencia sobrante, confianza ilimitada no cambio social…, mais tamén certas intuicións ou apontamentos de situacións que logo o tempo confirmou. Naquel escrito, ocorréraseme utilizar como metáfora a arquitectura dun edificio para caracterizar a mudanza do locus das mulleres na nosa sociedade. Recoñecía o cambio do «tellado» e mais do «fachada», isto é, o que atinxe á superestrutura e, en concreto, ao acceso das mulleres á representación institucional, e á aparente asunción do feminismo como ingrediente do catálogo politicamente correcto, respectivamente. Mais e o interior do edificio? Continuaban –dicía daquela– a feminización dos indicadores socioeconómicos máis negativos; a precarización do traballo; a dupla ou tripla xornada laboral; a existencia dun «exército» inarticulado de cabezas e mans femininas que seguen a cobrir imprescindíbeis servizos asistenciais, sanitarios, domésticos, familiares… Pórlle prezo e salario a todos eles esnaquizaría decontado o sistema político actual, que non é outro que o capitalismo elefantiásico que precisa, para a súa propria subsistencia, da discriminación das mulleres para existir e medrar.

Hai hoxe –perguntámonos– maior clareza e determinación no campo do feminismo? Moito nos tememos que non. En absoluto. Non por acaso se fala de «feminismos», que poden resultar non xa diverxentes senón  abertamente contrarios na súa formulación e na súa praxe. Mais a realidade é obstinada, e coido que sería positivo un debate que non obviase –porque non nacemos onte– análises e propostas que non por «vellas» continúan a ter vixencia. Isto é fariña doutro fol, naturalmente, que non cabe na extensión e no formato dun simples artigo de opinión como o que vostedes acaban de ler. Atención que agradezo e estimo no que vale.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail