A menos dunha semana do comezo das clases de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional (FP), a Consellería de Educación atrasou a volta ata o 23 de setembro, cedendo ante as presións das direccións dos institutos, anpas e sindicatos da comunidade educativa.
Por máis que o repita, a «normalidade» da que fala Alberto Núñez Feijóo sobre a volta a clase parece que non vai facerse efectiva. O titular de Educación, Román Rodríguez, que retomou a carteira este luns nun escenario de tensións, trasladou que Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional (FP) iniciará o curso o mércores 23 de setembro e non o 16 como se tiña previsto, un aprazo moi demandado polas direccións dos institutos públicos e organizacións do ámbito educativo pola ineficacia nos preparativos contra a covid-19.
Rodríguez, que aínda realizaba a pasada noite cambios nos altos cargos do seu departamento, explicou que foron os «problemas organizativos» os que lle levaron a esta decisión de maneira «consensuada» despois de reunirse coa Xunta Autonómica de Directores de Secundaria. A cuestión principal a resolver estes seis días de demora, que poden alongarse se aínda os centros non están preparados para a chegada do alumnado, é garantir o metro e medio de distancia de seguridade.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Nun principio a Consellería de Educación propuxera un metro de separación «canto menos», algo que non dubidaron en sinalar e criticar as familias, e rectificou en agosto ditando que serían 1,5 metros de distancia os obrigatorios como esixen os protocolos de seguridade. Ás présas, a Xefatura Territorial resolveu tamén a colocación de biombos naqueles lugares das escolas onde non se poida manter a separación – que tamén está a carrexar problemas por non poder conseguir metacrilato- e tamén o deseño dun plan de semipresencialidade, por se non queda máis remedio que suspender as clases.
Con pouco tempo de marxe, o ditame da Xunta provocou o caos nas instalacións porque o alumnado non cabe nos centros. Esta medida, segundo explicou a Xunta de Galicia, trastornou «o traballo previo» e os colexios, sen recursos para poder ampliar os espazos e acoller a todo o alumnado, piden máis tempo e máis medios por parte do Goberno galego, sendo os inspectores e as autoridades sanitarias os que decidirán os desdobres, o que tamén xerará problemas de conciliación e a necesidade de máis profesorado.
A Conferencia Intersindical Galega ( CIGA) defende a práctica de desdobres como a «mellor maneira de garantir o ensino presencial». Por iso, agora que a Consellería antepón a semipresencialidade e os biombos, o sindicato cre que o cambio de criterio do Goberno autonómico vén dado por «razóns meramente económicas» para evitar así as contratacións de máis persoal. Alberto Núñez Feijóo explicou que naqueles territorios onde non se poidan materializar os desdobres de clases nin instalar os biombos optarase polo modelo mixto, pactado con «o director do centro e a Consellería».
O aprazo da volta a clase non tardou en ser criticado por parte da oposición, que coincide na «improvisación» do equipo do PP. A ese «tempo precioso» do que fala Román Rodríguez para traballar no protocolo de seguridade responde a líder do BNG, Ana Pontón, e postula que os seis meses de pandemia xa foron «de ouro» para traballar niso. O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, tachou de «descontrol» a posta en funcionamento do curso académico. Referiuse ao comezo dos infantes o pasado xoves: «a situación que temos é a máis anormal das nosas vidas» e afea que Feijóo presuma do contrario.
A primeira xornada escolar en Galicia empezou o pasado xoves 10 de setembro cunha folga de profesorado na que a Xunta decretou os servizos mínimos do 100%, e a próxima convocada para o día 16 quedará sen efecto pola demora das clases. A dirección do centro CEIP Pedro Casellés Rollán de Xove (Lugo) dimitiu. As chamadas das familias preocupadas e inseguras pola correcta desinfección dos centros non paran de soar. Oito institutos de Santiago de Compostela e 18 de Pontevedra asinaron un escrito para suspender o comezo das clases. O calendario da Xunta prevé que o 23 de setembro comece o curso académico 2020-2021, sempre que non formalice máis modificacións.