A Coruña.- A Xunta de Alfonso Rueda adxudicou, en apenas dous anos, máis de 17,3 millóns de euros a Eulen, a empresa da que é directiva Micaela Núñez Feijóo, irmá do seu antecesor e actual presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo. Esa cantidade, canalizada a través de 175 contratos subscritos entre maio de 2022 e xuño de 2024, súmase aos máis de 37 millóns que a compañía recibiu durante os mandatos deste último.
A gran maioría dos contratos e do diñeiro adxudicado a Eulen corresponden ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), desde o que a prima de Alberto e Micaela Núñez Feijóo, Eloína Núñez Masid, ex xerente dos hospitais públicos de Santiago, tramitou polo menos dous concursos en favor da empresa por valor de case catro millóns de euros poucos meses antes de ser destituída.
O Grupo Eulen, hoxe unha multinacional con miles de empregados en máis dunha ducia de países, foi fundado o século pasado polo empresario leonés David Álvarez ao redor dunha pequena empresa de limpeza.
Micaela Núñez traballa para a familia Álvarez desde 2003, e desde 2016 é a directora da compañía para o noroeste de España, cargo ao que foi ascendida xusto despois de que a firma obtivese o seu récord de adxudicacións da Administración galega, co seu irmán na presidencia,
Segundo desvelou hai dous anos unha investigación de Luzes-Público, en moitos dos expedientes hai probas de que a firma manexaba información privilexiada sobre as súas competidoras ou gozaba de trato de favor dos organismos adxudicatarios.
Competidoras
A maioría dos contratos refírense á prestación de servizos de seguridade, sector no que as empresas líderes en España que tamén concorren aos concursos da Xunta obtiveron cantidades substancialmente menores.
Desde 2009, cando Feijóo accedeu á presidencia do Executivo galego, Eulen recibiu adxudicacións por valor de máis de 54 millóns de euros. Segundo a información dispoñible na plataforma de contratación da Xunta, as compañías Securitas e Prosegur, con ao redor de 20 millóns respectivamente no mesmo período, non chegan cada unha nin á metade desa cantidade.
Eulen empezou a ofertar traballos de seguridade privada e limpeza ás institucións autonómicas en Galicia hai máis de tres décadas, pero durante os mandatos de Feijóo e Rueda foi ampliando a súa carteira de servizos. Agora ocúpase tamén de mantemento e xardinería, loxística de almacéns, coidado de dependentes, enfermería, produción de actividades culturais, eventos institucionais e programas de televisión, tarefas de repoboación forestal…
A práctica totalidade dos contratos que o grupo obtivo dos executivos do PP en Galicia desde 2009 circunscríbese á provisión de persoal. Os beneficios que obtén desas adxudicacións, por tanto, nútrense da diferenza entre o que a Administración está disposta a pagar polos traballadores e os soldos que a empresa lles ofrece.
O maior contrato nos dous últimos anos
O maior contrato da Xunta coa empresa de Micaela Núñez Feijóo nos dous últimos anos, e un dos máis cuantiosos de todos os subscritos ata a data, asinouse o pasado 20 de decembro co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a xestión de varios centros de día de maiores, residencias e vivendas comunitarias de seis municipios de Lugo.
O presuposto base de licitación era de 1.527.822 anuais, pero tiña un valor estimado de 7.333.545,63 euros (7.051.486,18 euros máis o 4% de IVE) pola previsión de que poida renovarse e prorrogarse ata catro anos e sufrir modificacións de ata o 20% dalgúns dos seus custos, tal e como reflicte o prego de cláusulas administrativas. Eulen levouno cunha oferta de 1.511.462,12 euros, pero se esgota renovacións, prórrogas e modificacións, facturará 7.255.017,81 euros en catro anos.
Desde 2009, cando Feijóo accedeu á presidencia do Executivo galego, Eulen recibiu adxudicacións por valor de máis de 54 millóns de euros
O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar foi creado en 2005 polo Goberno bipartito de PSOE e BNG para a xestión da política social da Xunta. Na campaña electoral de 2009, na que gañou a súa primeira maioría absoluta, Feijóo cualificouno de «chiringuito» e prometeu desmontalo. Con todo, tanto el como Rueda mantivérono. O Consorcio e a Consellería de Política Social da que depende é o segundo principal provedor de contratos públicos da Administración galega con Eulen.
O primeiro é o Sergas, que entre 2009 e 2022, cando Feijóo deixou a Xunta, adxudicou á compañía da súa irmá 8,7 millóns de euros. Só desde entón ata hoxe, a empresa gañou contratos da Administración sanitaria galega por valor de máis de seis millóns.
Seguridade dos hospitais que dirixía a prima de Feijoo
A maioría desa cantidade corresponde ao concurso para a prestación do servizo de seguridade e vixilancia dos hospitais e centros de saúde da área sanitaria de Santiago e a comarca do Barbanza, cuxa xerente era ata o pasado maio Eloína Núñez Masid. O contrato contaba cun orzamento base de licitación de 4.064.208,62 euros e Eulen ganouno por 3.899.058,43 euros.
O 31 de xaneiro deste ano, o Sergas asignou a Eulen outro contrato para provisión de persoal de seguridade a través da Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos. O seu valor, 517.000 euros. Once días antes, Eloína Núñez tiña asinada unha adxudicación de 32.866 euros á empresa da súa prima para a instalación dun sistema de videovixilancia nos servizos de psquiatría dos hospitais de Santiago.
Desde que Rueda é presidente da Xunta, o Sergas adxudicou a Eulen 166 contratos. Deles, 161 tramitáronse polo procedemento de emerxencia, que permite á Administración asignalos á empresa elixida directamente, sen concurso e sen competencia.
Trátase de gastos por baixo de 50.000 euros —hainos mesmo por valor de menos de 200 euros— que suman aos anteriores máis de 1,3 millóns. Están relacionados co reforzo das medidas de seguridade pola covid e a vixilancia dos centros de vacinación e cribado de pacientes. Todos os expedientes deses contratos que aparecen na plataforma de contratación pública da Xunta están en branco.
Luzes-Público deu a coñecer en abril que o Sergas tamén adxudicara polo menos 15,2 millóns de euros de fondos covid a Universal Support SA, unha empresa de telemárketing da Coruña cuxo director comercial é Ignacio Cárdenas, irmán de Eva Cárdenas, parella do presidente do PP.
Segundo un informe do Consello de Contas de Galicia, Universal Support, sen relación algunha co sector sanitario, foi a empresa máis beneficiada en Galicia polos fondos de emerxencia contra a pandemia que o Estado transferiu en 2021 ao Goberno autonómico presidido polo cuñado de Cárdenas.
Sogama e a CRTVG
Outro dos organismos aos que Eulen facturaba recurrentemente baixo os seus gobernos —e do que segue obtendo adxudicacións cos de Rueda— é a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), unha empresa pública mixta participada ao 49% por Naturgy que xestiona o transporte e a incineración de residuos de 295 municipios galegos.
O 6 de xullo do ano pasado, Sogama adxudicou o seu servizo de enfermería a Eulen por 956.256 euros, cantidade que podería incrementarse ata os 1,17 millóns mediante modificacións e prórrogas. O pasado 11 de abril, renovoulle o encargo para o servizo de mantemento e coidado dos xardíns das súas instalacións en Cerceda (A Coruña) por 630.305,69 euros.
Outro dos grandes contratos recentes de Eulen coa Xunta é o subscrito o pasado 20 de xuño coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para a dotación de persoal do servizo de seguridade, cun valor estimado —un ano máis prórroga de outro— de 1.352.758,95 millóns.
A CRTVG, que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo desde que Feijóo o nomeou para o cargo hai 15 anos, tamén adxudicou o ano pasado á empresa de Micaela Núñez o servizo de azafatas para programas e eventos por un valor estimado de 204.073 euros.
En 2022 e con Rueda xa ao mando da Xunta, Eulen levou outro contrato de vixilancia e seguridade no Parque Tecnolóxico de Galicia por 146.500,82 euros. En setembro dese mesmo ano obtivo outros 251.023,94 euros da Fundación Cidade da Cultura, financiada integramente pola Xunta, para «apoio técnico na produción de actividades culturais e outros eventos institucionais».
En maio dese ano gañou outro concurso de 402.909,14 euros da Consellería do Medio Rural para «recuperación do potencial forestal danado» na contorna do municipio de Pazos de Borbén, en Pontevedra. E en febreiro de 2023, outro da Consellería de Educación e Cultura para a xestión dun almacén de fondos bibliográficos.
A Xunta asegura que cumpre «de forma estrita» a lei
A presidencia da Xunta asegurou a Luzes-Público que cumpre «de forma estrita» a lexislación en materia de contratación pública: «As mesas de contratación están formadas por empregados públicos cualificados e nelas participan responsables dos servizos xurídicos e da intervención da Administración, que determinan cal das ofertas presentadas é a máis vantaxosa e formulan unha proposta de adxudicación, que debe asinar o cargo directivo correspondente».
«Con respecto a Eulen», engade a presidencia da Xunta, «hai que ter en conta que é unha compañía que conta con máis de 7.000 clientes en 11 países, máis de 75.000 empregados, máis de 80 servizos no mercado e vendas que superan os 1.728 millóns de euros en 2023». «Esta empresa conta con contratos coa maioría das administracións, de todas as cores políticas, tanto en Galicia como no resto de España», conclúe.
Eulen é a terceira compañía máis grande na clasificación de facturación do sector da seguridade privada no Estado, que encabezan Securitas e Prosegur. Segundo a información pública que ofrece a Xunta, entre 2009 e a actualidade, o mesmo período no que Eulen obtivo da Administración autonómica ao redor de 350 adxudicacións por case 54 millóns de euros, a primeira obtivo 45 contratos por importe de 19,6 millóns, e a segunda, seis por outros 20,7 millóns. É dicir, que entre as súas dúas principais competidoras non suman nin o 75% do que factura á Xunta a sociedade de Micaela Núñez Feijóo.
Luzes-Público ofreceu a Eulen a posibilidade de valorar os feitos narrados nesta información, pero a dirección da compañía declinou facelo.