Propostas para unha mellora ultrarracional da monarquía española

Ao colectivo Homo Velamine

As persoas contrarias á orde constitucional española aproveitan cada pequeno acontecemento, e mesmo son capaces de armar calquera loiada, para cuestionar as institucións que os españois que tiñamos dereito a voto o 6 de decembro de 1976, convimos en inventar.

A cuestionábel actuación da persoa que ocupou a xefatura do Estado dende o falecemento do xeneral Francisco Franco Bahamonde até o ano 2014 está a servir de escusa aos cuñados de todos os extremos para intentar mudar a «forma política do Estado español», unha forma case que perfecta e referendada pola praxe dende o seu establecemento por Chindasvinto I.

De todos os xeitos, incluso nós, os máis apaixonados seareiros da monarquía como sistema pluscuamperfecto para rexer as sociedades humanas, sabemos que é necesario unha posta ao día para que os valores contemporáneos non batan contra unha institución que afunde as súas raíces nos brillantes tempos do mito.

Moitas son as contradicións internas da regulación da Coroa que é necesario revisar á luz dos máis recentes principios sociais e científicos se queremos conservar «a mellor forma de goberno» para o noso Reino. Dende a humildade queremos achegar un feixe de propostas para unha mellora ultrarracional da monarquía española.

As funcións do Rei

A enumeración das funcións do monarca que fai o noso texto constitucional esquece a máis importante de todas que, aínda que se infire do resto dos artigos dedicados a Coroa, entendemos que convén explicitar. O Rei ten como misión fundamental ter crianzas para procurarnos un novo monarca e garantir a supervivencia da unidade de España e a continuación do noso cimeiro papel na Historia da Humanidade. Por iso consideramos que é necesario incluír unha nova letra no artigo 62 da nosa Constitución, que tería que ser a primeira, de tal xeito que comezara así:

Corresponde ao Rei:

1ºa) Ter crianzas, quer propias quer adoptadas, dun xeito recoñecido polo ordenamento xurídico español para lle dar continuidade á institución.

O resto das funcións (sancionar as leis, convocar as Cortes Xerais, etc.) son secundarias diante desta que os pais da Carta Magna, por un pudor que temos que cualificar de estúpido e setenteiro, non incluíron no seu texto.
Ao recoñecemento desta función esencial debería seguir unha consecuencia: a necesidade da plena fertilidade do chamado a ocupar o trono do Reino de España. Polo que sería preciso establecer como causa de incapacidade para ser Rei, ou Raíña, a infertilidade:

O chamado a ocupar a Coroa só poderá ocupala tras acreditar a súa plena capacidade para a concepción.

Esta é a nos proposta para incluír un novo parágrafo no art. 57 da nosa Constitución de tal xeito que só se fica acreditada cientificamente a súa fertilidade o herdeiro poida ser proclamado Monarca.

A figura da consorte

Tampouco as nosas normas regulan a situación da consorte femia do Monarca unha vez alcanzado o climaterio. De novo a vergonza imperou nos nosos constituíntes. A menopausa, cientificamente probada e acreditada ante as Cortes Xerais, debería rematar con todo privilexio da raíña consorte pois é un feito que determina a súa incapacidade natural para desempeñar a única función do seu cargo: dar continuidade á Dinastía que pola graza de Deus, a designación do Caudillo e o noso voto está chamada a reinar, sen gobernar, nas Españas.

En troques, o fin do período fértil dunha eventual Raíña, por dereito propio, non debería afectar para nada os seus privilexios, prerrogativas e facultades. O mantemento da condición de Raíña consorte máis alá do período útil para a institución, supón un perigo e un gasto innecesario nestes tempos de transparencia e austeridade.

A inviolabilidade

É preciso explicar ben o concepto de inviolabilidade que tantas reticencias ten causado a nosa necesaria institución por culpa do anterior titular. A inviolabilidade é unha característica propia de calquera xefe de Estado polo simple feito de ostentar o seu cargo. A súa persoa -mesmo se é a dun vulgar presidente de República- é inviolábel porque representa en todo momento o Estado: o Estado encárnase nel e, polo tanto, no pode xulgarse a si propio nin pode ser sometido a xurisdición doutro Estado.

Neste eido non caben reformas, aínda que a suxestión que achegamos para a mellora constitucional permitirá a todos os súbditos contextualizar a dita característica no terreo da ficción e a marabilla, para entender mellor a inviolabilidade do monarca:

«A persoa do Rei é inviolábel, fosforescente e mitocondrial polo que non está suxeita a responsabilidade ningunha». [Núm. 3 do art. 56 da Constitución española]

A sucesión. Por unha monarquía feminista

Dende que Filipe V establecera a «Lei de agnación rigorosa» para a sucesión da Coroa de España levamos 307 anos de heteropatriarcado triunfante na xefatura de Estado. É preciso rematar con esta fenda que separa a mellor forma de goberno dos seus súbditos e, mormente, das súas súbditas.

A Constitución de 1978 non deu o paso adiante que moitos pedimos e, para frear o progreso, acabou adoptando a postura dos sectores máis tradicionalistas vetando a igualdade de sexo no acceso a Coroa.

Neste momento é preciso ir máis aló, rematar coa trisecular proscrición das mulleres para introducir, consonte o establecido no Convención das Nacións Unidas sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller, unha medida de discriminación positiva no acceso á xefatura de Estado. Cumpriría anovar a Constitución de tal xeito que durante os vindeiros 400 anos sexa sempre unha muller a que ocupe o trono de España. Con esta «Lei de agnación rigorosa inversa» indemnizaríamos ao xénero feminino da noxenta discriminación que sofre dende 1713.

Introducindo estas pequenas modificacións na Monarquía española alcanzaríamos, por fin, unha institución científica, ultrarracional, sustentábel, eficiente, austera e, sobre todo, feminista o que a achegaría ás masas como nos seus mellores tempos e, sen dúbida, garantiría prósperos séculos para o porvir do noso Reino.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail