Non é un un feito moi coñecido, pero os protagonistas das primeiras folgas que se rexistraron en Portugal foron aqueles emigrantes que saíron de Galicia para desempeñar os labores máis penosos nas cidades do país veciño, como repartidores, mozos de carga ou aguadeiros
A finais do século XIX a presenza galega era corrente nas rúas de Lisboa. O desen-volvemento comercial e industrial fixera atractiva a capital portuguesa para unha emigración que fuxía da miseria e do recrutamento obrigatorio en tempo de conflitos coloniais. Na altura, o número de emigrantes galegos chegou a representar preto dun 70% do total da presenza de estranxeiros en Lisboa. No servizo doméstico, na hostelería, en ocupacións como as de moços de fretes ou aguadeiros, a emigración galega facíase presente en toda a cidade, até o punto de dar o seu nome a algúns lugares públicos: a Ilha dos Galegos, ao carón do chafariz de Loreto, era o enclave onde tradicionalmente os emigrantes agardaban a seren contratados para o transporte de auga ou mobiliario, e tamén alí se relacionaban cos seus paisanos de Lisboa.
Quizais algo menos coñecida é a presenza da emi-gración galega nun sector como era o dos moços de padeiro, os empregados das panaderías que, cargando ao lombo con grandes cestas, distribuían o pan desde os obradoiros até os confíns da cidade. En fotografías e postais, a imaxe do moço de padeiro representaba unha das estampas máis pintorescas da Lisboa decimonónica. Eran varios milleiros os que todos os días saían dos obradoiros coas súas enormes cestas para facer chegar o pan a todos os fogares. Era unha ocupacion que tiña en común coa dos aguadeiros ou moços de fretes a dureza do traballo e a súa mobilidade dentro do espazo urbano, o que viña a confirmar que os galegos tiñan que se conformar coas ocupacións máis ingratas dentro do espectro laboral da cidade de Lisboa.
Un repartidor, acompañado dun policía
Mais a figura dos repartidores de pan desapareceu, de súpeto, das rúas de Lisboa un 16 de xuño de 1894, a consecuencia dun conflito coas autoridades municipais. O detonante eran as medidas de control que a Cámara Municipal tentaba facer do traballo dos repartidores, coa imposición de fianzas e carnés de reparto, e o xeito abusivo co que as autoridades gobernativas tentaran levar adiante estas medidas, chegando á detención de repartidores pola falta dos devanditos documentos. A indignación dos traballadores era total, pois o motivo de fondo non era outro que a falta de peso dos pans, e eles defendían que non podían responsabilizarse desta fraude pois eran os donos dos panaderías os que llos entregaban e eles non tiñan medios para facer a comprobación de que o peso era o correcto.
Despois dunha asamblea mantida polos traballadores no Club Terpsychore da Rua da Conceição, decidiuse marchar en manifestación cara ao goberno civil, encabezados por unha comisión nomeada para negociar a supresión dos carnés e as fianzas, e pedir a liberación dos repartidores detidos. Foi precisamente na altura da Ilha dos Galegos, no Largo das Duas Egrejas, onde as forzas da orde tentaron disolver a protesta, provocando enfrontamentos físicos e novas detencións. En consecuencia, os manifestantes tiveron que retro-ceder cara aos locais da Associação dos Operários Manipuladores de Pão, na rúa de São Bento, mentres a comisión continuaba camiño para negociar coas autoridades.
A comisión non conseguiu chegar a ningún acordo satisfactorio nin logrou a liberación dos compañeiros presos, polo que a clase continuou mobilizada nos locais sindicais durante todo o domingo 17 de xuño e organizou unha nova asamblea na mañá do luns. Nesta xuntanza decidiuse enviar outra comisión negociadora, mentres os repartidores grevistas elixían como novo lugar de concentración a serra de Monsanto, onde pensaban que poderían concentrarse libremente sen atrancos por parte das autoridades. Que o problema tiña atinxido xa unha enorme gravidade vén confirmado polo feito de que a comisión chegou a ser recibida polo ministro do Reino João Franco; mais o político do Partido Regenerador rexeitou modificar os regulamentos e derivou a liberación dos presos ao poder xudicial, polo que foi imposible calquera acordo.
Gravado da marcha dos grevistas á Serra de Monsanto.
Cando a comisión negociadora deu conta dos fracos resultados obtidos, mais dun milleiro de repartidores tomaron a decisión de declarar a greve geral e ficar en Monsanto até que as súas reclamacións foran atendidas, para despois chamar a todos os compañeiros a concorrer ao lugar onde se tiñan situado, na Cruz das Oliveiras. Segundo a prensa, nos días sucesivos entre 3000 e 4000 repartidores chegaron a concentrarse en Monsanto, baixo a vixilancia das forzas da orde pública. Os panadeiros organizáronse colectivamente e fixeron un campamento no que ondeaba unha bandeira formada por catro cadros brancos e vermellos; diversas comisións controlaban a entrada e saída do recinto, impedindo a entrada de bebidas alcohólicas e mesmo chegaron ao acordo de que aqueles grevistas que estiveran casados puideran pasar a noite en Lisboa para retornar de mañá a Monsanto cos seus compañeiros.
A iniciativa dos moços de padeiro sorprendeu as autoridades e chamou a atención da prensa e do público en xeral. Nunca se vira en Lisboa un movemento proletario desas características. Ao cabo, a iniciativa dos repartidores viña a confirmar a potencia da actuación mancomunada da clase operaria, nunha época en que o 1º de maio quedara recentemente instituído como data para as demostracións de forza da clase obreira.
As autoridades, incomodadas polo campamento dos grevistas, tentaron poñerlles dificultades: nun primeiro momento, pecharon o pozo de auga nos que se abastecían e comezaron a ameazar aos concentrados con desfacer o campamento e expulsar do país os estranxeiros. Mentres tanto, moitos amasadores e forneiros uníranse ao movemento e algúns deles deles aos moços que percorrían as rúas de Lisboa tentando impedir que os furagreves proseguiran co reparto de pan. No propio campamento, os operarios recibían a solidariedade doutras asociacións de clase e de cidadáns que lles enviaban diñeiro, alimentos, tabaco, mensaxes e mesmo arreglos florais en apoio ao movemento.
Debuxo en prensa satirizando a revolta. Os revolucionarios como alborotadores, e algúns tocando a gaita enriba dun cabalo coa inscrición «Pra Vigo».
Porén, a actitude dos patróns panadeiros non foi unánime, pois mentres uns se solidarizaron cos seus empregados, houbo outros que seguiron cocendo nos seus obradoiros, empregando os militares que o goberno lles ofreceu para amasar. O Século mesmo criticou con sorna que sendo o motivo da folga a esixencia da Cámara de que o pan fora vendido por repartidores acreditados e sen falta de peso, resultaba contraditorio que como consecuencia da greve o pan fora amasado por militares e bombeiros que non conseguían unha calidade mínima nin o peso legal, e que despois ese produto fora vendido ao público sen ser pesado e baixo vixilancia policial. O mesmo xornal concluía que chegara o pan ás casas de Lisboa, mais só ás das familias con recursos, pois a maior parte das familias humildes compraban o pan ao fiado e eran os moços de padeiro quen lles daban o pan a crédito cando non tiñan recursos, para cobrárllelo logo cando tiñan cartos.
Na madrugada do día 22, despois de catro noites de acampada, unha forza de cabalería, infantería e policía comezou a actuar para disolver a concentración. En plena noite, as forzas comezaron a cercar o campamento, mentres os grevistas se mantiñan en actitude completamente pacífica. Despois, as forzas da orde comezaron a separar os operarios portugueses e estranxeiros, de tal xeito que estes ultimos foron levados en dirección a Lisboa preto das catro da madrugada para ser recluídos no Arsenal da Marinha. O Jornal de Noticias recollía a versión oficial dos feitos: ««O cêrco tinha por fim prender os moços de padeiro gallegos que se encontrassem entre os grevistas, pois, na verdade, não se podia admittir que estrangeiros estivessem abusando da hospitalidade que encontraram em Portugal, insurgindo-se contra as leis do reino»».
En poucas horas, 285 operarios de orixe galega foron embarcados no vapor África para a súa expulsión de Portugal. Aínda que había algúns da Coruña, Lugo e Ourense, a inmensa maioría eran orixinarios da provincia de Pontevedra, e moi especialmente dos concellos da Cañiza, Covelo, Mondariz e Ponteareas. Mentres tanto, os seus compañeiros portugueses retornaban a Lisboa agochándose das forzas da orde que pretendían impedir que se reconcentraran.
Publicación co barco África no que foron deportados a Vigo os folguistas galegos
Inicialmente, as autoridades tiñan intención de expulsar os emigrantes galegos a Cádiz, mais finalmente cambiaron esa intención e decidiron envialos a Galiza. O dia 24 de xuño, ao tempo que o vapor África partía entre as protestas da colonia galega, a policía disolvía os últimos grupos de folguistas e o movemento remataba; lentamente abrían todos os establecementos e comezaban a circular novamente pola cidade algúns moços de padeiro. Ás oito da noite do día 25 de xuño de 1894, tras 29 horas de travesía, o África fondeou no porto de Vigo; ao día seguinte os emigrantes expulsados foron levados en gabarras ao porto e posteriormente ao pazo de xustiza para ser finalmente liberados.
A actitude autoritaria dos responsabeis políticos, ao rexeitar calquera negociación cos repartidores, provocou o conflicto, levou á súa prolongación e agravamento, e finalmente concluíu coa arbitraria expulsión dos 285 panadeiros galegos. Mais a realidade era teimuda: nos primeiros días de xullo, aínda non tiña regresado a Lisboa o África, e xa se tiñan producido as primeiras detencións de expulsados que retornaran a Portugal, nas estacións de ferrocarril de Porto e Lisboa. E a participación dos galegos no asociacionismo sindical do sector da panificación en Portugal perdurou no tempo. Como mostra, basta lembrar a folga dos panadeiros lisboetas do ano 1924, que se agravou despois da conmemoración do 1º de maio e que levou ao Goberno portugués a anunciar a determinación de conducir até a fronteira aos panadeiros galegos que tiveran abandonado o traballo. Trinta anos despois, as autoridades portuguesas aínda gardaban a memoria dos feitos de Monsanto, mais tamén o panadeiros orixinarios da Galiza mantiñan intacta a súa combatividade e compromiso.