A contaminación da Limia alcanza o encoro de Lindoso mentres Xunta e Goberno seguen sen executar a sentenza das Conchas

A Coruña.- A proliferación masiva de cianobacterias detectada no encoro de Lindoso, na comarca ourensá da Baixa Limia, acendeu as alarmas entre os veciños da zona, que denuncian que a contaminación asociada durante anos ao encoro das Conchas, a uns 30 quilómetros, está a estenderse augas abaixo pola conca do río Limia. A Asociación de Veciños das Conchas remitiu unha denuncia e diversa documentación gráfica ás administracións competentes para advertir da presenza dun importante bloom destas microalgas potencialmente tóxicas nas augas do encoro.

As cianobacterias son microorganismos acuáticos que proliferan cando existen altas concentracións de nutrientes, especialmente nitróxeno e fósforo, combinadas con temperaturas elevadas e augas con escasa renovación. Estes episodios, coñecidos como floracións ou blooms, en inglés, semellantes aos que envelenan periodicamente as augas do Mar Menor en Murcia, adoitan tinguilas dunha intensa cor verde e poden xerar toxinas perigosas para a saúde humana, os animais e os ecosistemas acuáticos. A Organización Mundial da Saúde e numerosos organismos científicos levan anos advertindo dos riscos asociados a estas proliferacións, que poden provocar afeccións hepáticas, neurolóxicas e gastrointestinais.

Tres imaxes tomadas esta semana que mostran a proliferación de cianobacterias que tinguen de verde as augas do encoro de Lindoso, en Ourense / Foto: Asociación de Veciños das Conchas

No caso de Lindoso, a asociación asegura que as mostras observadas polo seu equipo científico presentan cianobacterias compatibles cos xéneros Microcystis e Aphanizomenon. Segundo a documentación remitida polos veciños, ambas están asociadas á produción de toxinas capaces de afectar o fígado, os riles e o sistema nervioso. A entidade considera que a situación constitúe unha ameaza para a saúde pública, a calidade da auga, a fauna e os usos recreativos do encoro. As fotos e vídeos que gravaron esta mesma semana mostran o encoro tinguido da «sopa verde» de microalgas.

Alerta para a saúde

«Consideramos que esta situación debe ser seguida coa máxima atención, xa que a presenza destes xéneros de cianobacterias no encoro de Lindoso representa un sinal de alerta relevante para a saúde das poboacións, os usos recreativos da auga, a fauna, o medio ambiente e a seguridade das comunidades afectadas», sinala na comunicación enviada ás administracións Pablo Álvarez Veloso, presidente da Asociación de Veciños das Conchas.

A denuncia veciñal vincula directamente este novo episodio coa contaminación por nitratos e outros nutrientes procedentes da intensa actividade gandeira da comarca. «Estas floracións de cianobacterias non son un fenómeno illado nin casual. Están directamente relacionadas co exceso de nutrientes na auga, especialmente nitróxeno e fósforo, procedentes da contaminación xerada pola falta de reciclaxe axeitada dos xurros, da galiñaza [excrementos das galiñas mesturados con plumas e restos de comida, moi utilizados como fertilizante orgánico] e dos residuos porcinos derivados das macrogranxas e da gandaría industrial da comarca da Limia», sostén a asociación nunha nota de prensa.

Os veciños aseguran que as mostras do seu equipo científico detectan cianobacterias asociadas á produción de toxinas capaces de afectar o fígado, os riles e o sistema nervioso.

O caso lembra ao do encoro das Conchas, situado tamén na conca do Limia, onde desde hai anos se repiten episodios de proliferación de cianobacterias alimentadas pola acumulación de nitratos procedentes de verteduras gandeiras, e que sofre un severo proceso de degradación ambiental. Os veciños levan máis dunha década alertando das consecuencias da expansión da gandaría intensiva na Limia e na Baixa Limia.

Tamén denunciaron que noutras ocasións, e cando se achegan o verán, a calor e a seca, chegaron a detectarse emisións de ácido sulfhídrico na contorna do encoro. Trátase dun gas extremadamente perigoso, derivado da putrefacción das microalgas e que cheira a ovos podres. En concentracións baixas e en contacto coa pel, os ollos, o nariz e a gorxa pode causar dificultades respiratorias, irritacións e queimaduras leves. En proporcións altas, pode provocar a morte por asfixia. Esta fin de semana espéranse temperaturas de ata 36 graos no interior da Limia.

Condena á Xunta e á CHMS por inacción

A situación derivou o ano pasado nunha histórica sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que condenou a Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, por non actuar fronte á contaminación do río Limia e do encoro das Conchas. Os tribunais concluíron que a inacción de ambas administracións vulnerara dereitos fundamentais da poboación afectada e ordenáronlles adoptar medidas inmediatas para poñer fin á deterioración ambiental e garantir auga segura.

Porén, máis dun ano despois daquela resolución e varios meses despois de que o Supremo a fixera firme, as medidas esixidas pola Xustiza seguen sen executarse plenamente, segundo levan denunciando os veciños. Xunta e Confederación cruzaron reproches sobre quen debe liderar a aplicación da sentenza mentres a contaminación persiste.

Imaxe do pantano de Lindoso / Asociación de Veciños das Conchas

A Asociación de Veciños das Conchas considera que o episodio de Lindoso demostra precisamente as consecuencias desa falta de actuación. «O que durante anos foi denunciado como unha contaminación persistente no encoro das Conchas converteuse agora nun problema de maior alcance: xa non temos un encoro contaminado, senón dous», afirma a entidade. «O encoro de Lindoso presenta actualmente un importante episodio de proliferación de cianobacterias, cun grao de contaminación que consideramos igual ou mesmo superior ao observado nas Conchas».

Os veciños sosteñen ademais que as administracións locais non están a informar axeitadamente á poboación sobre os riscos asociados á presenza destas floracións. No seu comunicado lembran que os concellos de Lobios e Entrimo teñen a obriga de advertir a veciños e visitantes cando se detectan proliferacións de cianobacterias en zonas utilizadas para o baño ou actividades acuáticas.

«Augas de calidade excelente»

A asociación asegura que esa obriga tampouco se está a cumprir en varios municipios afectados pola contaminación das Conchas. Segundo denuncia, seguen existindo carteis con mensaxes contraditorias que manteñen referencias a augas de calidade excelente malia a existencia de advertencias sanitarias sobre o baño. Os veciños consideran que esta situación pode inducir a erro a residentes, visitantes e turistas.

Respecto ao novo episodio de Lindoso, a entidade reclama aos concellos de Lobios e Entrimo que sinalicen axeitadamente as zonas afectadas e proporcionen información clara á cidadanía. «Esperamos que actúen con responsabilidade, informen de forma clara á poboación e sinalicen correctamente as zonas afectadas», sinala o comunicado.

Imaxe dunha mostra de auga do encoro de Lindoso contaminada por cianobacterias. As formas redondeadas e agrupadas corresponden a Microcystis e as filamentosas, a Aphanizomenon / Foto: Asociación de Veciños das Conchas

Os veciños advirten así mesmo de que a contaminación xa non afecta unicamente a Galicia. O encoro de Lindoso sitúase na fronteira hispano-portuguesa e desempeña un papel relevante na xestión hidráulica do tramo internacional do Limia. A asociación sostén que a extensión das floracións de cianobacterias augas abaixo aumenta o impacto potencial sobre poboacións e ecosistemas de ambos lados da raia.

«A presenza de blooms de cianobacterias en Lindoso constitúe un serio aviso», afirma Pablo Álvarez Veloso. «Non estamos ante un problema local nin ante unha alarma esaxerada, senón ante a consecuencia directa de anos de inacción institucional e dun modelo de gandaría industrial que os ríos e encoros xa non poden soportar».

Gandaría intensiva

A denuncia veciñal engade así unha nova fronte ao conflito ambiental da Limia, unha das comarcas con maior concentración de explotacións gandeiras intensivas do Estado. Mentres as administracións seguen sen culminar a execución da sentenza sobre as Conchas, os veciños sosteñen que a contaminación está a estenderse polo sistema fluvial do Limia e reclaman medidas urxentes para evitar que a degradación ambiental siga avanzando.

Luzes-Público solicitou unha valoración da denuncia á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ás que preguntou sobre a veracidade das acusacións dos veciños respecto dos niveis de contaminación do encoro por cianobacterias. Ao peche desta edición, non obtivera resposta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail