A conselleira de Igualdade cumpre oito días sen apoiar a muller que denunciou a Villares

A Coruña– A conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta, Fabiola García, leva oito días sen expresar unha mensaxe ou palabra de apoio á muller que denunciou por agresión sexual o exconselleiro do Mar, Alfonso Villares. O exresponsable de pesca do Executivo de Alfonso Rueda dimitiu o mércores da semana pasada despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle comunicara que está a ser investigado por eses feitos.

Fabiola Garcia, licenciada en Dereito, foi nomeada conselleira en 2018 por Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda mantívoa no seu cargo cando sucedeu o actual presidente do PP. Cando se coñeceu a imputación de Villares, García acudiu á súa despedida na sede da Xunta co resto de conselleiras e conselleiros, nun acto no que Rueda abrazou o imputado e manifestou o seu desexo de recuperalo no futuro para o seu equipo. A conselleira colgou nas súas redes sociais unha mensaxe de apoio non para a muller que denunciou o exconselleiro, senón para el, de quen dixo que o «honra» a súa decisión de dimitir.

Este mércores, interpelada pola oposición no Parlamento de Galicia sobre a súa falta de empatía coa denunciante e sobre a mensaxe implícita de desamparo que estaría a enviar ás mulleres que sofren violencia machista como responsable de loitar contra ela, a conselleira evitou de novo calquera palabra cara á muller que acusa a Villares. Limitouse a declarar o seu respecto ao procedemento xudicial en marcha e o «apoio decidido» da Xunta a «calquera vítima» de agresións de xénero.

Luzes-Público dirixiuse en dúas ocasións –o pasado martes e o pasado mércores– ao departamento de comunicación da Consellería de Igualdade, preguntando expresamente se García tiña algunha mensaxe de amparo ou sostén moral cara á muller que denunciou o exconselleiro. Á hora na que se terminou de redactar esta peza, o equipo de Fabiola García non respondera e nin sequera acusara recibo da petición.

Presunción de inocencia e presunción de veracidade

Este medio tamén preguntou a García se se ratificaba na súa mensaxe de apoio a Villares; se considera que o respecto á presunción de inocencia de imputados por delitos sexuais debe estender a todos eles o mesmo apoio institucional que a Xunta ofrece ao exconselleiro, e se esa presunción de inocencia dos acusados é incompatible coa presunción de veracidade da versión das denunciantes.

O exconselleiro do Mar da Xunta, Alfonso Villares, no Parlamento de Galicia nunha imaxe de arquivo / Xunta

Luzes-Público tamén ofreceu á conselleira que valore se o seu apoio público a Villares pode entenderse como unha advertencia tácita de que a denuncia contra el é falsa; se considera que a filtración do nome da muller, o mesmo día en que Villares dimitiu, vulnera a súa intimidade, a revitimiza e contribúe a incrementar o seu sufrimento; e se cre que a resposta institucional da Xunta e o seu presidente, amparando o exconselleiro do Mar sen sequera mencionala, pode causar indefensión a todas as vítimas de violencia machista que denuncian a persoas con responsabilidades políticas ou institucionais.

Ao peche deste artigo, a conselleira non respondeu ata o de agora ningunha desas preguntas.

«Cómplice dun espectáculo machista»

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recriminou este mércores a Rueda no pleno do Parlamento de Galicia que despedira a Villares «entre aplausos e eloxios», lanzando «a demoledora mensaxe de que ante unha denuncia desas características, o presidente da Xunta ampara o presunto agresor e desprotexe a vítima». A deputada nacionalista Noa Presas, vogal do BNG na comisión de estudo para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres da Cámara autonómica, recriminou ademais a Fabiola García que se comporte como «unha cómplice máis neste espectáculo machista».

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou que Rueda usou a maioría absoluta do PP para evitar explicar no pleno o sucedido con Villares –«o seu silencio avergoña», dixo–. O presidente da Xunta, que admitiu que sabía da denuncia contra Villares desde febreiro pasado, respondeu apelando ás polémicas do Goberno en Madrid, acusando a oposición de querer «dar leccións» de ética política sen dicir «nin chío dos Koldos, as Jéssicas, os Aldamas, os Cerdanes, os pisos…».

Rueda viviu onte a primeira protesta contra a súa xestión do caso Villares durante a visita que realizou poucas horas despois do pleno á sede do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Xunta en Vilanova de Arousa (Pontevedra). Unha vintena de persoas, convocadas pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (Pedra), que agrupa a colectivos de mariscadoras e organizacións ecoloxistas e veciñais, esperábano con pancartas para alertar da situación do estuario e tamén, segundo a PDRA, para manifestar o seu «total desacordo [coa decisión de Rueda] de encomiar e protexer un presunto agresor sexual no canto de solidarizarse» coa vítima.

Protesta da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (Pedra) durante a visita este mércores de Alfonso Rueda ao Centro de Investigacións Mariñas da Xunta en Vilanova de Arousa / Pedra

Rueda visitou o CIMA en compañía da nova conselleira do Mar e substituta de Villares, Marta Villaverde, quen tamén se posicionou en defensa do seu antecesor e que nos sete días que leva á fronte da Consellería do Mar tampouco tivo palabra algunha para denunciante.

Doutra banda, quince asociacións feministas de Galicia, entre elas a Marcha Mundial das Mulleres e Xornalistas Galegas, asinaron un manifesto de repulsa que titulan «Machistas, fóra das institucións» e no que condenan «o comportamento de todo o Goberno do Partido Popular á fronte da Xunta» e o «espectáculo mediático» de quen «aproveitando a súa situación de poder e control sobre os medios de comunicación» se expresaron en defensa do conselleiro.

«Desde que se coñeceron os feitos», advirten as feministas, «non houbo nin unha soa mensaxe pública por parte do presidente Alfonso Rueda, nin da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, nin de Roberto Barba, director xeral contra a Violencia de Xénero, manifestando tolerancia cero cos agresores sexuais nin esixindo xustiza e reparación para a vítima».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail